Xa abonda de ilegalidades en Sargadelos
Fecha: 13 Sep 2018
A Federación de Industria, Construción e Agro de UGT mostra o seu rexeitamento a actitude que o administrador único de Sargadelos mantivo na última reunión celebrada no Consello Galego de Relacións Laborais para intentar normalizar as relación laborais na fábrica de Cervo.
Nesta xuntanza, o accionista maioritario de Sargadelos o único que pretendeu foi que tanto a UGT como a propia Xunta aceptaran propostas á marxe da lei, ca única intención de vulnerar os dereitos fundamentais das traballadoras e traballadores de Sargadelos e, en especial, da delegada de UGT na que centra toda a súa ira por ser esta a única traballadora e delegada de persoal que defende os dereitos colectivos das súas compañeiras e compañeiros.
Non deixa de ser sorprendente que nun centro de traballo, con 262 requirimentos da Inspección de traballo, se lle permita ao seu máximo accionista seguir campando ao seu “libre albedrío” e actuando á marxe da lei sen que nada ocorra. Neste caso entendemos que a Administración ten algo que dicir e actuar en consecuencia, ou só está para dar subvencións a empresas con este modelo de xestión cavernaria?.
Mentres tanto, as medidas de seguridade deterióranse, os permisos por paternidade non se compren e todo isto ocorre nunha empresa que o insigne Isaac Díaz Pardo fixo punta de lanza, emblema e referente da cultura galega e do galeguismo.
Alguén no seu sano xuízo pode crer que os problemas de Sargadelos son orixinados por unha traballadora e delegada de UGT que o único que fai é traballar e defender ao resto de compañeiras e compañeiros? O problema de Sargadelos é ter ao fronte da súa dirección a unha persoa que ten como obxectivo facer do machismo, a vexación e os malos modos o modelo laboral encamiñado ao sometemento e opresión das traballadoras e traballadores que coas súas mans fan un traballo que foi o eido fundacional de Sargadelos.
O autodenominado “patrón” debe saber que a dignidade e coherencia de Rogelia Mariña non están en venda e a acción sindical de UGT en Sargadelos, en defensa das traballadoras e traballadores, e a aposta pola viabilidade de Sargadelos tampouco. É por iso que utilizaremos todos os medios legais, xudiciais e sindicais ao noso alcance. Tamén nos preguntamos se o resto de actores deste conflito van seguir de perfil mentres o “patrón” utiliza ás traballadoras como reféns para a práctica do seu despotismo.