UGT retoma o servizo de información e asesoramento sociolaboral para inmigrantes no seu centro de Ourense

Funciona na cidade das Burgas dende o ano 2013 con máis de 1.000 itinerarios abertos cun alto grado de inserción laboral

UGT retoma o servizo de información e asesoramento sociolaboral para inmigrantes no seu centro de Ourense

Consolidouse como un centro de referencia tanto en materia de preparación dos procesos de nacionalidade como en información e consultas das empregadas do fogar


 

Santiago, 30 de marzo de 2023.- UGT-Galicia vén de retomar o servizo do Centro de Información e Asesoramento Sociolaboral para Inmigrantes (CIASI) en Ourense cuxas accións teñen como principal destinatario o colectivo de inmigrantes regulares de orixe non comunitario e que presenten un alto grado de vulnerabilidade, así como inmigrantes que estean nunha situación de desemprego ou que desempeñen tarefas laborais en condicións precarias. Ademais, os traballos de información e asesoramento tamén van dirixidos a inmigrantes que desexen mellorar o seu nivel de empregabilidade.

O obxectivo final é acadar para os usuario do centro itinerarios de inserción laboral individualizados e, para elo, realízanse tarefas de orientación sociolaboral; aténdense consultas en materia de estranxeiría; dáse axuda para a homologación de titulacións; dáse información sobre os trámites a seguir para acceder á nacionalidade española; tamén se achegan actividades de alfabetización dixital, así como, cursos dirixidos a lograr capacitacións profesionais que lles permitan aumentar as súas opcións de empregabilidade, así como outras consultas que os usuarios desexen realizar.

Ó respecto, dende o Centro explícase que dende o ano 2013, no que se implantou en Ourense, o número de itinerarios abertos supera os 1.000, todos eles cun alto nivel de inserción laboral. E, ademais, este centro converteuse nun punto de referencia tanto na cidade de Ourense como na comarca tanto en cursos de preparación para a obtención da nacionalidade como en todo o relativo ás consultas e información que requiren as empregadas do fogar.

Tamén se matiza dende o Centro que as persoas que se achegan ben para requerir información, para solicitar formación ou para emprender itinerarios son, maioritariamente, de nacionalidade venezolana, de Senegal, Colombia ou República Dominicana.

Neste contexto, dende o Centro tamén se informa que se continúa impartindo o curso de preparación para o exame de coñecementos constitucionais e socioculturais de España, requisito necesario para a obtención da nacionalidade española. Tamén impártense talleres formativos relacionados coa realización de xestións administrativas telemáticas.

O Centro está emprazado na sede de UGT-Ourense-Valdeorras-Verín, en Parque de San Lázaro, número 12, planta baixa (Ourense) e o seu horario de atención ao público, sempre con cita previa, é de luns a venres, de 8 a 10.00 horas, e de luns a xoves, de 17 a 19.00 horas.

O CIASI está cofinanciado polo Fondo Social Europeo + e o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións (Secretaría de Estado de Migracións- Dirección Xeral de Atención Humanitariae Inclusión Social da Inmigración) e ven funcionando en Galicia dende o ano 1992, o seu primeiro emprazamento foi na sede de UGT en Vigo e no 2013 foi trasladado a Ourense, e dende 2002 ten a categoría de centro de inserción laboral, permitíndolle esta nova denominación impartir cursos de formación para os inmigrantes.

Fuente: UGT-Galicia