UGT ratifica o acordo para prorrogar os ERTE e manter o emprego
Fecha: 08 May 2020
UGT ratifica o acordo para prorrogar os ERTE e manter o emprego
Santiago, 8 de maio de 20202.- A Unión Xeral de Traballadores ratifica o acordo alcanzado, para manter o emprego, entre UGT, CCOO, CEOE, CEPYME e o Goberno para a prórroga dos Expedientes de Regulación de Emprego (ERTE) durante o proceso de deshibernación da economía. Un acordo que supón ampliar a rede social e laboral acordada ao comezo da crise e que mantén as medidas de protección ás traballadoras e traballadores afectados, como o dereito á prestación por desemprego, o contador a cero para acceder a elas, entre outras cuestións.
Para o sindicato, os ERTE son o instrumento que permitiu ter a catro millóns de persoas nunha situación de hibernación, sen perder os seus empregos, durante a crise do coronavirus, e foron o escudo laboral e social máis eficaz para evitar os despedimentos, polo que é importante mantelos como a ferramenta principal para protexer a economía e o emprego no proceso de deshibernación e reconstrución.
Neste sentido, é positivo o acordo alcanzado para continuar xerando a confianza necesaria para que as empresas e as persoas traballadoras volvan á actividade. Desta forma prosegue o nivel de consenso que se alcanzou ao comezo da crise e promóvese unha deshibernación que asegure o emprego a todas as persoas que están agora nun ERTE e a actividade nas empresas. Pensar, en definitiva, en todos e todas para afrontar o futuro con plenas garantías.
UGT apostou por unha rede de protección desde o primeiro día
O sindicato tentou paliar, desde o primeiro momento, os posibles efectos desta crise, propoñendo a creación dunha rede de protección social que tivo como peza fundamental os ERTE, porque é a alternativa ao despedimento. Entre todos os actores implicados, resulta fundamental facer un esforzo para que todas as persoas que están nos ERTE poidan recuperar o seu posto de traballo e facelo con flexibilidade, reincorporándose ao sistema produtivo de acordo coa propia situación das empresas e as fases da deshibernación, á vez que se apoia ás empresas, en especial ás pemes, co fin de evitar a destrución do tecido produtivo e do emprego. Se non se coseguise o acordo, todo o esforzo realizado ata o de agora iríase polo sumidoiro, destruiríase o emprego que se conseguiu preservar ata o de agora e as empresas desaparecerían.
Unha deshibernación desde o diálogo social
Para UGT, esta crise non vai terminar co fin do Estado de Alarma. Resulta imprescindible continuar aplicando medidas económicas e laborais que protexan ás persoas que perderon o emprego, que non poden acceder a un, ou que se viron afectados por unha redución de ingresos ou a imposibilidade de telos.
Esta estratexia de saída debe trazarse a partir do diálogo social, sumando a todos os axentes nesta tarefa colectiva, que requirirá dunha enorme axuda pública, para que os sectores produtivos poidan soportar estes momentos sen caer na quebra, para garantir os empregos, e para que teñan os medios financeiros adecuados para reactivar as súas actividades en canto sexa posible.
Ademais, é imprescindible garantir as rendas aos fogares facilitando, vía prestacións, que non se produza un aumento da pobreza nin da desigualdade durante esta etapa convulsa e que, unha vez finalice o confinamento, poidan ter a posibilidade de manter o emprego e un nivel de vida adecuado. Para iso, UGT considera necesario garantir, de maneira inmediata, unha renda mínima vital, co obxectivo de preservar uns ingresos mínimos para aquelas persoas que o perderon todo con esta crise e saír desta pandemia sen deixar a ninguén atrás.
UGT reitera que é necesario, en primeiro lugar, seguir as instrucións dos científicos e, en segundo lugar, continuar traballando dentro do diálogo social para que, unha vez a pandemia entre en fase de control -a fase 3- ir a un acordo polo emprego centrado fundamentalmente en estimular a economía e o consumo interno.