UGT-Galicia insta á Xunta a traballar, no marco do diálogo social, nun amplo paquete de medidas para atender as necesidades sociais e reactivar a economía na conxuntura de desescalada
Fecha: 13 May 2020
Hai que traballar baixo a premisa de responsabilidades compartidas para dar resposta á profunda crise social, económica e laboral que xerou o COVID-19
UGT-Galicia insta á Xunta a traballar, no marco do diálogo social, nun amplo paquete de medidas para atender as necesidades sociais e reactivar a economía na conxuntura de desescalada
Na reunión mantida hoxe co presidente da Xunta, o Sindicato insistiu na necesidade de fixar protocolos de desescalada en todos os sectores
Santiago, 13 de maio de 2020.- Unha representación de UGT-Galicia, encabezada polo seu secretario xeral, José Antonio Gómez, reuniuse hoxe pola tarde co presidente da Xunta, a través dunha videoconferencia, na que o Sindicato demandou, na conxuntura actual e dentro do contexto do diálogo social, un espazo de traballo para elaborar un plan que contemple un paquete de medidas para atender as necesidades sociais e reactivar a economía. No actual contexto de desescalada tamén urxen protocolos para todos os sectores públicos e privados que permitan abordar este proceso respectando sempre a seguridade e saúde de todos os traballadores e traballadoras.
Nesta xuntanza, ademais do secretario xeral de UGT-Galicia estiveron a secretaria xeral de FeSP-UGT-Galicia, Irene Martínez; o secretario xeral de UGT-FICA-Galicia, Javier Carreiro; e o secretario xeral de FeSMC-UGT-Galicia, Eladio Romero.
Neste senso, UGT-Galicia insiste en que neste momento a protección da saúde das persoas ten que ser a máxima e indiscutible prioridade de toda a sociedade, pero tamén é preciso dar unha resposta adecuada á profunda crise social, económica e laboral que xerou a pandemia do COVID-19.
Todos somos conscientes do durísimo impacto da crise do COVID-19 na saúde das persoas, na economía, o traballo e na sociedade. A única maneira de afrontar con éxito esta situación é a partir de responsabilidades compartidas e claras, con sentido da realidade inmediata e á vez con perspectiva a medio e longo prazo.
Responder ás necesidade sociais, preparar a actividade económica e o mundo laboral, deseñar protocolos de desescalada, analizar os diferentes sectores económicos, anticiparnos á previsible segunda ola de ERTES e deseñar un plan de medidas económicas para acelerar a recuperación
Dende UGT entendemos que resulta imprescindible que nesta Comunidade se acometa a través do diálogo social, que no actual momento debería ser intensificado, un proceso que poida culminar cun plan de medidas con respaldo orzamentario preciso para dar unha resposta eficaz ás necesidades sociais actuais, pero tamén para preparar a actividade económica e o traballo para a saída do Estado de Alarma. Deseñando plans de mobilidade da cidadanía, realizar unha análise e avaliación dos diferentes sectores económicos, anticiparnos á previsible segunda ola de ERTES e deseñar un plan de medidas económicas para acelerar a recuperación da actividade. A reincorporación laboral por activación dos sectores públicos e privados debe responder ao principio de gradualidade e garantir a seguridade e a saúde, articulando a negociación de protocolos en todos os ámbitos con dita finalidade.
Políticas activas de emprego, fortalecer os servizos públicos, protección adicional para os desempregados, seguridade laboral, apoios reais autónomos, axudas emerxencia social e apoiar a conciliación
Tamén é o momento de reorientar con urxencia as políticas activas de emprego nas que traballamos no diálogo social; medidas de protección adicional para as persoas en situación de desemprego; incrementar sen titubeos o investimento en seguridade e saúde laboral; prestar apoios reais a empresas e autónomos para que manteñan o emprego e abordar a modernización e dixitalización da súa actividade.
A isto hai que engadirlle xa unha vella demanda de UGT, agora máis necesaria que nunca, abordar un cambio de modelo produtivo respectuoso co medio ambiente e que garanta emprego estable e de calidade. Modelo que debe ter en conta a necesidade de recuperar unha base industrial para o país que garanta o aprovisionamento de bens básicos, unha carencia que esta crise puxo de manifesto. Tamén é necesario potenciar o investimento en investigación, desenvolvemento e innovación, que no eido sanitario, pero non só nel, vólvense a demostrar imprescindibles para un país.
No curto prazo, débense poñer en marcha políticas sectoriais nos sectores que máis van sufrir a caída da actividade.
É preciso fortalecer os nosos servizos públicos, singularmente, a sanidade e os servizos sociais; incrementar as axudas de emerxencia social e acelerar as medidas de loita contra a pobreza, enfocándoas aos colectivos mais vulnerables; e apoiar a conciliación da vida laboral e familiar, moi especialmente, mentres se manteñan cerrados os centros educativos.
Tamén no eido do público, UGT trasladoulle ao presidente da Xunta a necesidade e urxencia de activar ao máximo os contratos públicos de obra e servizos para reactivar así o maior número de empresas posibles e, como consecuencia, o emprego das mesmas.
En definitiva, urxe un traballo conxunto e corresponsable de diálogo e negociación leal para combater o COVID-19 e reconstruír a estrutura económica e produtiva, garantindo que non se deixa a ninguén atrás.