UGT denuncia que a brecha salarial é do 19,1% en Galicia (case 5.000 euros menos ó ano) e que esta sobe ata o 30,4% no sector privado

A subida do SMI acurta os prazos para lograr a igualdade salarial

A subida do SMI acurta os prazos para lograr a igualdade salarial

Co gallo do Día internacional da igualdade salarial, 22 de febreiro, UGT denuncia que a brecha salarial é do 19,1% en Galicia (case 5.000 euros menos ó ano) e que esta sobe ata o 30,4% no sector privado

As mulleres galegas perciben un salario medio similar ó que cobraban os homes hai 13 anos e a cantidade que deixan de percibir nun ano achégase aos 2.500 millóns de euros

Santiago, 16 de febreiro de 2023.- Un ano máis, co gallo da celebración este 22 de febreiro do Día internacional da igualdade salarial, dende UGT-Galicia denúnciase que a brecha salarial entre homes e mulleres persiste, é do 19,1% en Galicia, o que provoca que as traballadoras galegas perciban case 5.000 euros menos ó ano, segundo os datos da Enquisa Anual de Estrutura Salarial do ano 2020 (o último dato que facilita o INE). Pero é que esta brecha sobe ata o 30,4% se se analiza só o sector privado e ó 34,5% no caso das mulleres que cobran pensións de xubilación.

A subida do SMI, aliada contra a brecha salarial

Non obstante, dentro destes malos datos, existe unha pequena mellora que é necesario poñer en valor. A brecha baixou 2,2 puntos en relación ao 2018, é dicir, pasou do 21,28 ao 19,11 de 2020 (a máis baixa dos últimos 16 anos), último dato dispoñible. UGT-Galicia considera que, de seguro, detrás disto están as subidas do SMI, que arrancaba ao comezo da lexislatura dos 735 euros ata os 1080 actuais (950 no 2020). E, polo tanto, agárdase que en análises posteriores, xa que o actual é ata o ano 2020, porque son os últimos datos que ofrece o INE, continúe mellorando a situación salarial das mulleres traballadoras.

Porque, non se pode esquecer, que no 2021 (últimos datos dispoñibles da AEAT) o 42,4% das mulleres asalariadas teñen ingresos menores ou iguais ao SMI, fronte ao 29% dos homes.

Nos datos facilitados hoxe aínda non se poden deixar ver os resultados da reforma laboral porque, como se precisou en parágrafos precedentes, son os últimos que facilita o INE, da Enquisa Anual de Estrutura Salarial do 2020.

Polo tanto, hai que concluír que nestes anos estanse logrando progresos pero a desigualdade é evidente que aínda persiste. As razóns detrás da brecha salarial son múltiples e complexas, esta está relacionada con factores máis aló da propia remuneración polo mesmo traballo, aínda que este é un dos fundamentais. Está relacionada coa representación da muller no mercado laboral, co modelo de contratación que soportan as mulleres, que sofren máis parcialidade involuntaria, cunhas carreiras profesionais menos estables por ter que asumir en moitas ocasións a conciliación ó cen por cento, por ter unha maior representación en sectores máis precarizados.... pero o que hai que ter claro é que todo isto conduce, tanto no presente laboral como no seu futuro de cara á xubilación ou posibles situacións de desemprego, en moitas ocasións, a situacións que rozan o risco de pobreza e a exclusión social.

As cifras e as estatísticas son claras e contundentes. A nivel comunitario, segundo os datos de Eurostat, que analiza a brecha salarial en salario/hora, ponse de manifesto que as mulleres gañan unha media dun 13% menos que os homes. Segundo esta mesma fonte, Eurostat, en España a diferenza salarial entre homes e mulleres é do 9,4%, do que se deduce que as mulleres españolas traballaron gratis 34 días no ano 2022, dende o 28 de novembro ata o 31 de decembro.

As mulleres galegas, as quintas pola cola en retribución por hora traballada

Se se continúa coa análise da retribución por hora, a nivel do Estado, obsérvase que as mulleres galegas, con 13,78 euros hora, ocupan o quinto posto pola cola, só sofren retribucións máis baixas as de Andalucía (13,65), Canarias (13,46), Estremadura (13,33) ou Murcia (13,72). Está igualada a Comunidade Valenciana, tamén cunha retribución de 13,78 euros a hora de traballo. No outro extremo destacan as mulleres de Cataluña (16,11) ou as do País Vasco (18,99).

En relación ós homes, a brecha en Galicia por hora é de 9,28 puntos, 13,78 euros, fronte a 15,19. Todo isto, segundo datos da Enquisa anual de estrutura salarial do INE do ano 2020, publicada o 22 de xuño de 2022. Estes datos son moi significativos porque eliminan calquera distorsión, en relación ó modelo de contratación, que se podería utilizar como escusa para xustificar salarios máis baixos, porque aquí o que se valora é o pago por hora de traballo, independentemente se se está a falar dun contrato a tempo completo ou parcial.

Entre os sete grandes concellos, A Coruña rexistra a maior brecha por hora traballada

O Instituto Galego de Estatística tamén achega datos moi interesantes en relación á brecha por hora traballada nos sete principais concellos de Galicia. A maior brecha rexístrase no de Coruña, dun 18,3%; Vigo, do 16%; en Santiago, do 9%; en Ferrol, do 12,4%; do 13,7% en Pontevedra; do 4,7% en Ourense; e do 2,5% no Concello de Lugo.

As mulleres galegas perciben un salario medio similar ó que cobraban os homes hai 13 anos e a cantidade que deixan de percibir nun ano achégase aos 2.500 millóns de euros en Galicia

Xa tendo en conta as retribucións medias anuais, a brecha salarial é en Galicia, segundo os datos da Enquisa anual de estrutura salarial do INE do 2020, último dato dispoñible, do 19,1%. É dicir, as mulleres galegas cobran 4.829,63 euros menos ó ano que os homes. As mulleres galegas perciben un salario medio, o dato máis próximo, ó que percibían os homes nos anos 2007/2008, máis dunha década atrás, o que pon de manifesto a lenta revalorización do salario feminino.

Isto supón que as mulleres en Galicia deixaron de percibir no ano 2020, un total de 2.440,4 millóns de euros, sen ter en conta o que supoñería o traballo non retribuído que as mulleres desempeñan no eido familiar.

O salario medio das traballadoras galegas é un 9% inferior á media do Estado

No caso da fenda salarial calculada para o salario medio, en Galicia é superior á media estatal, do 19,1% e do 18,7% no resto do Estado. Esta Comunidade está no medio da táboa, ten por enriba, en canto a brecha máis elevada, a Aragón, Cataluña, Valencia, Castela e León, Murcia, Andalucía, Navarra e Asturias. O resto están por debaixo, destacando Canarias cunha fenda do 9,85%. Non obstante, aínda que haxa diferenzas por comunidades autónomas, o que si é certo é que a brecha salarial, maior ou menor, dáse en todas.

O salario medio das mulleres galegas é de 20.446,53 euros ó ano, fronte ós 22.467,48 de media do Estado. É dicir, un 9% menos de salario para as traballadoras galegas. Pero é que esta diferenza pode alcanzar o 24,6% no caso de comunidades como a do País Vasco. Galicia é a sexta comunidade autónoma pola cola en retribución media anual ás mulleres, ten por abaixo a Castela e León, Valencia, Murcia, Andalucía e Estremadura.

Os complementos salariais teñen un peso específico na desigualdade

Os complementos salariais teñen un peso específico na desigualdade e actuando sobre estes podería reducirse a brecha. Así, en Galicia a brecha nos pagos extraordinarios é do 27,9%. O peso que teñen os complementos salariais no caso do salario bruto anual dos homes é de 701,66 euros máis ó das mulleres. Hai que ter en conta que moitas veces estes complementos non se basean en cuestións obxectivas nin cuantificables, polo que esconden en si mesmos un factor discriminatorio.

Por modalidade de contratación, no caso da indefinida a brecha é de 20,1 puntos e de 8 na contratación temporal. Aquí hai que apuntar que hai seis comunidades, Cantabria, País Vasco, Navarra, La Rioja, Canarias e Castela a Mancha que presenta unha brecha a favor das mulleres nos contratos temporais, no caso dos indefinidos sempre é favorable para os homes. No caso da xornada a tempo completo a brecha é dun 11,4% e do 16,5 no caso do tempo parcial.

A brecha salarial que se rexistra nas empresas públicas é moi inferior á do sector privado, dun 6,6%, fronte ó 30,4%.

Por idades, en todos os tramos dáse a brecha salarial, aínda que esta é máis elevada entre os máis mozos e a partir dos 55 anos. De 25 a 34 anos a brecha é do 19,5% e do 19,3% entre os que teñen 55 ou máis anos. A fenda salarial baixa ata o 18,9% no grupo de 35 a 44 anos e ao 18,8% no de 45 a 54 anos.

Unha muller para percibir máis de 19.519 euros anuais precisa dunha diplomatura, mentres que un homes xa percibe esta cantidade con estudos primarios

A igual nivel de estudos as mulleres sempre perciben menos salario (elaboración propia a partir dos datos da Enquisa cuadrienal da Estrutura salarial 2018), superando o 25% en todos os niveis analizados, salvo no caso da diplomatura universitaria ou similar onde a brecha é do 17,5%, aínda así, con 5.451,06 euros menos ó ano que perciben as mulleres con esta titulación fronte ós homes. A brecha dispárase ó 36,3% no caso dos estudos primarios e tamén é bastante elevada no caso dos licenciados ou similares e doutores universitarios, do 28,6%. As estatísticas reflicten que un home con estudos primarios percibe unha retribución media de 19.519,97 euros, mentres que unha muller para chegar a ela ten que contar cunha diplomatura universitaria ou similar.

Por ramas de actividade, en todas dáse brecha salarial. Esta é máis acusada na de “outros servizos persoais e de ocio” (29%); “servizos ás empresas” (26,5%); “comercio, reparación e transporte” (26,1%); “entidades financeiras e aseguradoras” (25,6%). Pola contra, as menores diferenzas están na “construción e actividades inmobiliarias” (9,5%); e “servizos sociais” (16,5%). No primeiro caso, basicamente, porque o número de mulleres é escaso e as súas labores céntranse no eido técnico, comercial e de xestión, mellor retribuídas. No segundo caso, porque existe un gran peso do sector público.

A brecha nas pensións de xubilación achégase aos 35 puntos

Resulta evidente que as situación de presente trasládanse ó futuro, ás pensións e prestacións por desemprego. Neste último caso a brecha é dun 4,5% pero hai que ter en conta que son moitas as mulleres que rematando a súa relación laboral non teñen dereito a prestacións debido ás súas precarias condicións que derivan en escasas cotizacións e as dificultades para acadar o mínimo solicitado para ser beneficiarias.

No 2002 a diferenza da contía das pensións de xubilación era de 188 euros e agora elévase ata os 434 euros

En canto ás pensións de xubilación, a brecha é do 34,5%. Un dato moi significativo é que, mentres no 2002 a diferenza entre a pensión de xubilación dun home e dunha muller era de 188,48 euros, no 2022 esta elévase ós 434,22 euros. Esta cantidade vai subindo progresivamente ano tras ano. No 2021 foi de 418,89 euros.

Atendendo a todos os tipos de pensión, non só as de xubilación, a brecha é de 34,1%, cunha diferenza de 391,14 euros. Non obstante, adentrándonos na análise, obsérvanse dicotomías significativas. Mentres se mantén unha brecha a favor dos homes nas pensións de incapacidade permanente (15,2%) e de xubilación (34,5%), no caso das pensións de viuvez (48,1%), orfandade (0,6%) e pensións a favor dos familiares (5,2%) a brecha é favorable para as mulleres. Con todo e con iso, hai que precisar que no caso das pensións de viuvez, cun importe medio para as mulleres de 683,40, fronte aos 461,47 dos homes, esta pensión en moitos casos é a única fonte de ingresos para as mulleres, mentres que non é así no caso dos homes.

Ante a contundencia dos datos, urxe actuar en todas as frontes, lexislación comunitaria, lexislación nacional, Inspección e Xustiza

En primeiro lugar, reivindicamos o cumprimento da lexislación vixente en materia de Igualdade Salarial, en concreto o artigo 28 do Estatuto dos Traballadores modificado por Real Decreto-lei 6/2019, do 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación. Así como o Real Decreto 902/2020, do 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes.

É necesario incluír nos Orzamentos Xerais do Estado, así como nos Orzamentos das Comunidades Autónomas, partidas suficientes destinadas á formación das persoas negociadoras en materia de igualdade salarial entre mulleres e homes.

Así mesmo, é indispensable a formación da Inspección de Traballo nesta materia e establecer un Plan de actuacións de oficio que vixíen o cumprimento da normativa española actual sobre salarios equivalentes entre homes e mulleres.

É necesario revisar toda a normativa que regula a protección social do traballo a tempo parcial, ofrecendo maiores garantías a quen traballa con esta modalidade de xornada. E deberían establecerse penalizacións a aquelas empresas que abusan da contratación de traballo a tempo parcial con mulleres.

Incluír no Real Decreto Lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social, como infracción moi grave o incumprimento de todo ou parte do artigo 28 do Estatuto dos Traballadores. Na actualidade, os incumprimentos nas relacións laborais en materia de igualdade se enclavan nas infraccións graves cunha sanción máxima de 7.500 euros. Se pasasen a ser infraccións moi graves a contía máxima que se podería impoñer é de 225.018 euros. A igualdade entre mulleres e homes é un dereito fundamental consagrado na Constitución Española e debería estar protexido nas relacións laborais.

O SMI, debe seguir subindo para garantir que os salarios máis baixos, percibidos maioritariamente por mulleres, sexan dignos. Para que desaparecese a maior parte da brecha salarial entre mulleres e homes, o Salario Mínimo Interprofesional debería situarse en 2.054 euros mensuais.

A nivel europeo, esiximos a aprobación da Directiva sobre Transparencia Salarial anunciada a finais de 2019 pola presidenta da Comisión Europea como unha das súas prioridades. Levamos tres anos de atraso e aínda non viu a luz.

 

INFORME BRECHA SALARIAL GALICIA 

Fuente: UGT-Galicia