Saúde individual e comunidade, o seu valor e o dereito á asistencia sanitaria

Fecha: 02 Abr 2020

Saúde individual e comunidade, o seu valor e o dereito á asistencia sanitaria

Santiago, 7 de abril de 2020.- Estes días nos que a saúde está en risco, faise patente a importancia das actividades que realizan os traballadores e as traballadoras que dunha ou outra forma están directamente relacionados co coidado das persoas. É precisamente agora, cando cando esta recoñece de forma xeneralizada, cos seus aplausos ás oito da tarde, o valor do traballo que desempeñan estes profesionais.

Agora que a saúde está en risco é cando somos conscientes do valiosa que é, e cobra especial relevo o dereito á asistencia sanitaria, o dereito a que cando enfermamos ou cando o risco de enfermar, como agora, sexa moi alto, teñamos un sistema nacional de saúde capaz de responder de forma eficaz, un sistema nacional de saúde que dea resposta ao risco individual e ao risco colectivo de enfermar.

A actual pandemia está a poñer de manifesto que individualmente non podemos facer fronte a algunhas ameazas, que dependemos irremediablemente dos demais. Que se os outros non se coidan, que se non se “quedan na casa”, nós tamén enfermaremos e en moitos casos perderemos a vida.

O xornal “La Vanguardia” o 4 de abril, recollía as reflexións dalgúns intelectuais de diferentes ámbitos ante a situación de pandemia que vivimos na actualidade. Cada un deles busca “unha lección que aprender” de cara ao futuro. Gustaríame recoller aquí algunhas delas para subscribilas plenamente. O historiador Keith Lowe poñía o acento en que debemos aprender a valorar ás traballadores claves, os que poñen a comida nos supermercados, os que coidan dos maiores e dos enfermos, e algúns máis que non se detén a enumerar pero dos cales habitualmente a penas nos acordamos, eles son só un exemplo deses traballadores imprescindibles para a sociedade. O historiador económico Emmanuel Felice sinalaba que a lección para aprender é que “hai cousas máis importantes que a economía”, nótese que é un historiador económico. Entre o que apuntaba a filósofa Victoria Camps sinalaba “o valor do coñecemento científico e o dun Sistema Sanitario Público sólido e ben dotado de recursos, e o dunha auténtica política que nos leve a cooperar e non a pelexarnos”. Nada máis oportuno para lembrar no día da saúde que a nosa saúde non está en venda, como rezaba unha das campañas do Sindicato Europeo de Servizos Públicos, que a FeSP-UGT subscribiu.

Resumindo: debemos aprender que hai cousas máis importantes que a economía, e que a saúde é unha delas, por iso é imprescindible un Sistema Nacional de Saúde público que materialice o dereito á asistencia sanitaria. Que debemos recoñecer o valor do traballo daquelas persoas que realizan tarefas imprescindibles para a vida, e finalmente que sen reforzar o valor sacro que é o apoio mutuo non sería posible saír a diante, porque nos guste ou non somos interdependentes.

Desde a FeSP-UGT queremos agradecer tanto aos profesionais como á poboación o apoio mutuo que se manifestou durante estes días, unha pequena homenaxe a todos eses traballadores imprescindibles para a vida.


 

Fuente: FeSP