Outro 8M no que todas as eivas do mercado laboral galego teñen rostro de muller

UGT-Galicia e o S.N. de CCOO de Galicia agardan que tanto a reforma laboral como a suba do SMI teñan un impacto positivo sobre as mulleres

Outro 8M no que todas as eivas do mercado laboral galego teñen rostro de muller

Taxas de actividade e de emprego máis baixas; taxas de paro, temporalidade, parcialidade máis altas; e moitas máis reducións de xornada e excedencias por coidados familiares. Este é o mapa invariable, ano tras ano, dun mercado laboral moito máis desfavorable para as mulleres

3 de marzo de 2022.- O S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia presentaron hoxe en Santiago, co gallo do Día internacional da Muller 8M, un informe no que se constata, un ano máis, e xa parece que dun xeito invariable, un mercado laboral moito máis desfavorable para as mulleres galegas que para os homes. Taxas de actividade e de emprego máis baixas; taxas de paro, temporalidade, parcialidade máis elevadas e moitas máis reducións de xornada e excedencias por coidados familiares. A isto súmaselle a segregación ocupacional horizontal e vertical. E todo isto conclúe tamén nunha brecha salarial que supera en Galicia os 19 puntos, o que supón case 5.000 euros menos ó ano en retribucións para as mulleres galegas.

Coas mulleres traballadoras, polo dereito á igualdade efectiva

Así, e ante esta crúa realidade, UGT e CCOO reiteran que estarán sempre ó carón das mulleres traballadoras e loitando polo dereito a unha igualdade efectiva. Así, ambos sindicatos traballaron nesta fonda crise sanitaria, no eido do diálogo social, para pechar acordos como o dos ERTE que chegaron a protexer 120.500 empregos no núcleo duro da pandemia, un 50,8% correspondentes a mulleres, porcentaxe que chegou ó 65% nalgún trimestre, como o segundo de 2021. Outros acordos significativos foron as subas do SMI, un 22,3% no 2019, e que se ven de asinar no 2022 a súa suba ata os 1.000 euros, o que vai beneficiar ós traballadores e traballadoras con salarios máis baixos, mulleres e ós máis mozos, sobre todo. De feito, a brecha salarial en Galicia é a máis baixa nos últimos dez anos e reduciuse en dous puntos con respecto ó ano anterior. Neste contexto ambos sindicatos tamén estiveron aí cando se acorda o IV AENC que prevé un salario mínimo de convenio de 1.000 euros; cando se acordou o Ingreso Mínimo Vital; ou o complemento de redución de brecha de xénero nas pensións.

No eido normativo, CCOO e UGT colaboraron na articulación de dúas ferramentas decisivas para avanzar na igualdade efectiva, o Real Decreto 901/2020, de 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro, e o Real Decreto 902/2020, de 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes.

A isto súmaselle unha reforma laboral que, entre moitas das súas potencialidades, hai que destacar o gran impacto de xénero, xa que se lle poñen límites á temporalidade e ó encadeamento de contratos.

A taxa de actividade feminina é case 9 puntos inferior á dos homes. A pandemia agudizou a tendencia a facer da muller a coidadora, estase moi lonxe da corresponsabilidade plena

Pero, a pesar de todos estes avances normativos, aínda queda moito por facer. Segundo a EPA, no 2021 a poboación activa feminina é inferior á masculina en 49.800 persoas, un 57,1% de taxa de actividade entre os homes, fronte ó 48,3% das mulleres. E as mulleres galegas soportan unha taxa de actividade 5,4 puntos inferior ó resto do Estado. Hai 481.000 homes inactivos en Galicia, fronte a 631.700 mulleres. E, mentres que a maior parte dos homes inactivos o son por estar retirados, xubilados ou ser pensionistas, as mulleres, aínda que esta tamén é a principal causa, séguelle de preto as “labores da casa” (así o tipifica o IGE-INE), o que quere dicir coidado do fogar e da familia sen ningún tipo de remuneración, un traballo totalmente invisibilizado. Das persoas que non buscan emprego polo coidado de nenos e nenas, persoas adultas enfermas, discapacitados ou maiores, o 91,3% son mulleres. E a pandemia agudizou esta tendencia de facer da muller a coidadora. Resulta evidente que non existe, ou estase moi lonxe dunha corresponsabilidade plena entre homes e mulleres.

O desánimo no eido laboral ten rostro de muller

E o desánimo no mercado laboral tamén ten rostro feminino. De todas as persoas que din que non buscan emprego porque “cre que non o van atopar”, hai 5.500 mulleres, fronte a 3.600 homes.

Todo isto a pesar de que no 2021 había en Galicia 1.220.900 mulleres de 16 ou máis anos e 1.120.000 homes. É dicir, a poboación feminina era superior.


 


 

A taxa de paro é 2,2 puntos superior no caso das mulleres e hai 57.500 ocupadas menos, cunha brecha na taxa de emprego de case 9 puntos

Como se debuxa o desemprego? 7.700 homes menos nesta situación. As mulleres soportan unha taxa de paro do 12,8%, mentres que no caso dos homes baixa ata o 10,6%, 2,2 puntos superior no caso das mulleres.

Hai, segundo a EPA, 57.500 mulleres ocupadas menos en Galicia no 2021 que homes, 513.800 mulleres ocupadas e 571.300 homes. As mulleres, de 16 ou máis anos, representan nesta Comunidade o 52,2% da poboación pero o 47,4% da ocupación. Así, a brecha da taxa de emprego é de 8,9 puntos, os homes teñen unha taxa do 51%, fronte ó 42,1% das mulleres.

Segregación horizontal e vertical e teito de cristal

Ademais, a segregación ocupacional persiste. As mulleres acaparan o 56,5% da ocupación do sector servizos. Porcentaxe que baixa ó 38,6% na agricultura, gandaría, caza e silvicultura; na industria é do 28,2%; pesca e acuicultura, do 22,2%; e de tan só o 7,6% na construción. A segregación vertical tamén persiste, tan só o 32% dos postos de dirección e xerencia son ocupados por mulleres e tan só o 2,5% da poboación ocupada feminina está nestes postos. Ó que lle hai que sumar que as mulleres tan só representan o 25,4% nos órganos de dirección das empresas do IBEX 35. O “teito de cristal” continúa.

Entre o público e o privado, as mulleres seguen a ter unha maior presenza no primeiro, ocupando o 59,3% dos postos de traballo deste sector.

A igual nivel formativo, sempre mellora taxas de ocupación para os homes

En canto á formación, a maior nivel da mesma os homes acadan maiores taxas de ocupación, se ben é certo que no caso da educación superior o diferencial é menor, polo que pode concluírse que a formación é a mellor ferramenta para lograr a inclusión da muller no mercado laboral. Deste xeito, a taxa de ocupación entre as mulleres cun nivel formativo de educación superior é do 70,4% e do 71,1% no caso dos homes (tamén hai que subliñar que a pesar de haber en Galicia máis mulleres con este nivel educativo, 275.600 e 235.700 homes). Noutros niveis as diferenzas son maiores. Como no caso dos estudos primarios, un 3,7, fronte ó 10,7; ou en educación secundaria da segunda etapa, dun 47,4, fronte ó 56,4.

A temporalidade e parcialidade tamén a soportan máis as mulleres

A precariedade é outra das constante que tingue o mercado laboral feminino. As mulleres galegas soportaron no 2021 unha taxa de temporalidade do 26,8% (22,2% no caso dos homes). UGT e CCOO agardan que coa nova reforma laboral consensuada entre o Goberno e os axentes sociais se deixe ver un cambio. De feito, xa en febreir de 2022 a contratación indefinida pasou do 9,8% de media anual no 2021 ó 23% en febreiro de 2022. No caso das mulleres pasaron do 9,3% ó 22,2%.

O emprego a tempo parcial tamén ten rostro de muller. Hai nesta Comunidade 112.100 mulleres con contrato a tempo parcial, fronte a 34.200 homes. É dicir, as mulleres galegas ocupan o 76,6% do tempo parcial. O 27,9% do total de mulleres ocupadas, están a tempo parcial, fronte ó 6,4% masculino. Así, pódese falar dunha brecha na parcialidade de 21,5 puntos.

Coa recuperación a partir de 2013 os homes conseguiron reducir as taxas de paro en 11,6 puntos e as mulleres tan só en 8,9 e coa crise da COVID a brecha de paro entre homes e mulleres agudízase

As brechas tamén se deixan ver no desemprego. A taxa de paro no 2021 foi do 12,8% entre as mulleres e do 10,6% entre os homes. Mentres as crise de 2008 ocultara en certo sentido estas diferenzas, ó afectar sobre todo a sectores fortemente masculinizados, unha vez se iniciou a recuperación no 2013 as mulleres non se beneficiaron da mesma ó mesmo nivel que os homes. Dende o 2013 ata o 2019 os homes reduciron as taxas de paro en 11,6 puntos, mentres que as mulleres só foron capaces de chegar ós 8,9 puntos. E en plena crise da COVID-19 a brecha na taxa de paro é a maior rexistrada nos últimos anos, de 2,3 puntos. O que evidencia que a pandemia cebouse máis entre o sector feminino.

Entre 2020 e 2021 o número de mulleres que levaban dous ou máis anos na procura de emprego aumentou un 13,5% e no caso dos homes deuse unha contracción de 1,2 puntos

Tamén son as mulleres as máis prexudicadas pola lacra do paro de longa duración. No 2021 o 55,7% das mulleres en paro levaban máis de dous anos buscando emprego e o 54,3% máis dun ano. Entre o 2020 e o 2021 o número de mulleres que levaban dous ou máis anos na procura dun emprego aumentou nun 13,5%, fronte á contracción dun 1,2% no caso dos homes. Isto evidencia que a saída do desemprego está a ser máis doada para os homes. Todo isto acompañado dunha taxa de cobertura por desemprego do 64,7% no caso das mulleres e do 75,1% no caso dos homes.

As reducións de xornada son solicitadas por mulleres no 76,4% dos casos e as excedencias no 74%

Como xa se comentaba anteriormente, a corresponsabilidade aínda está en cueiros. Así o amosan as cifras. Do total de persoas que en Galicia teñen un contrato a tempo parcial por coidado de familiares, 22.100 son mulleres e tan só 1.400 homes. As reducións de xornada por coidado legal son solicitadas no 76,4% dos casos por mulleres. As excedencias por coidados familiares tamén nun 74% dos casos por mulleres. Outro dato que apunta tamén ós déficits que persisten nos servizos públicos, concretamente, en materia de atención ós dependentes, é que do total das 144.539 persoas que son coidadoras de persoas con dependencia, 90.718 son mulleres, 63 de cada 100.

E neste contexto, como xa se denunciou o día 22, hai que reiterar que a brecha salarial é do 19,3%.

Demandas sindicais

Ante esta realidade, para CCOO e UGT resulta prioritario impulsar a negociación colectiva de medidas e plans de igualdade e dotar dos recursos públicos necesarios para cumprir obxectivos neste senso; esixir o cumprimento dos plans de igualdade; combater a violencia machista tamén dende os centros de traballo; seguir incrementando o SMI ata situalo no 60% da media salarial; mellorar as políticas activas de emprego, con perspectiva de xénero; adoptar políticas con perspectiva de xénero en todos os eidos e, especialmente, en materia de coidados; investir en infraestruturas públicas suficientes, accesibles e de calidade para o coidados de menores e maiores con necesidades; reforzar e garantir os instrumentos e recursos de vixilancia, control e sanción da autoridade laboral para o cumprimento efectivo do principio de igualdade no eido laboral; e acelerar o proceso de ratificación dos convenios 189 da OIT sobre o traballo digno das traballadoras do fogar e o 190 da OIT sobre a eliminación da violencia e o acoso no mundo do traballo.

INFORME SITUACIÓN SOCIOLABORAL DA MULLER EN GALICIA

CADRO ACTOS UGT EN GALICIA CO GALLO DO 8M

MANIFESTO 8M


 

Fuente: UGT-Galicia
8M