FeSP-UGT advirte que non se debe enviar material de protección COVID-19 aos Servizos de axuda no Fogar que non está homologado
Fecha: 23 Mar 2020
FeSP-UGT advirte que non se debe enviar material de protección COVID-19 aos Servizos de axuda no Fogar que non está homologado
Pon en perigo ós maiores que reciban atención e ó persoal que presta o servizo con este tipo de equipos nos servizos de axuda no fogar
Santiago, 27 de marzo de 2020.- FeSP-UGT-Galicia denuncia que se está a enviar material de protección contra o COVID-19 (luvas, gafas, batas, máscaras…) aos concellos que non está homologado. Por iso, o Sindicato advirte ás empresas e persoal que prestan servizos de atención ás persoas especialmente vulnerables ao contaxio por COVID-19, como sucede no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que este material non debería ser utilizado porque pode non protexer adecuadamente de enfermidades infecto-contaxiosas.
Así, o responsable de Sanidade, Servizos Sociosanitarios e Dependencia de FeSP-UGT, Javier Martínez Fente, dá a voz de alerta despois de que varios concellos anunciaran que están a distribuír este material entre o persoal do SAF “aínda que non sexa o mellor material do mundo”, segundo admitiron varios alcaldes e alcaldesas. A este respecto lembra que a cualificación como EPI só é posible cando existe homologación do produto e selo que certifica o control da produción.
Martínez Fente cualifica como unha grave irresponsabilidade a distribución deste tipo de material, dado que pon en perigo aos maiores que reciben atención a través do SAF. Ao seu xuízo, uns equipos que non son de uso sanitario e carecen de homologación e, por tanto, non protexen contra o contaxio vírico, non deberían ser utilizados por ninguén. “Entregar este tipo de máscaras, luvas e monos de protección dá unha falsa sensación de seguridade e pode propiciar situacións de contacto que noutras condicións non se darían, axudando así á propagación do virus”.
UGT PIDE PARA EVITAR O ESPALLAMENTO DA ENFERMIDADE E PIDE ÁS ADMINISTRACIÓNS IMPLICADAS QUE FAGAN PÚBLICA A DOTACIÓN POR CONCELLO, DETALLANDO A ORIXE, QUEN ENTREGA E QUE DISTRIBÚE O MATERIAL, E NOS CASOS DE QUE SEXAN AS PROPIAS EMPRESAS QUE DAN O SERVIZO AS QUE DISPOÑEN DAS DOTACIÓNS, QUE SE VERIFIQUE QUE É MATERIAL HOMOLOGADO
Martínez Fente pide a tódalas administracións, central, autonómica e concellos e ás empresas prestadoras do servizo que teñan moi en conta esta información para non converterse en colaboradores indirectos do espallamento da enfermidade. “Hai que ser moi rigorosos e precavidos cun asunto desta gravidade e instar a autoridade sanitaria a intervir para evitar actuacións neglixentes”.
A este respecto, esixe ó Ministerio de Sanidade e á Xunta de Galicia que respecte o Procedemento de Actuación para os Servizos de Prevención de Riscos Laborais fronte á Exposición ao SARS e COVID, que establece claramente os criterios de homologación de todo o material de protección. Así, as máscaras deben cumprir as normas UNE-EN 140, 143 ou 149 para máscaras autofiltrantes ou medias máscaras con filtro contra partículas. As luvas de protección a norma UNE-EN ISO 374-5 para protección contra microorganismos. As prendas de protección parcial para o corpo (PB) como batas, delantais, manguitos ou monos completos con ou sen capucha, a norma UNE-EN 14126 de roupa de protección biolóxica. Ademais, tódolos elementos deben incluír o marcado de conformidade da Unión Europea como EPI e o número identificativo do organismo notificado que fai o control da produción. Finalmente, deben incluír o símbolo de protección contra virus ou código autofiltrante para as máscaras FFP2 ou FFP3 e, no seu caso, de filtros (P2 ou P3) (código de cor branca).
O Procedemento de Actuación para Prevención está publicado e dispoñible na páxina web do Ministerio de Sanidade. O documento está elaborado en colaboración coa Sociedade Española de Medicina e Seguridade no Traballo (SEMST), Asociación Española de Especialistas en Medicina do Traballo (AEEMT), Asociación Nacional de Medicina do Traballo no Ámbito Sanitario (ANMTAS), Sociedade Española de Saúde Laboral na Administración Pública (SESLAP), Federación Española de Enfermería do Traballo (FEDEET), Asociación de Especialistas en Enfermería do Traballo (AET), Unión Xeral de Traballadores (UGT), CC.OO, Asociación Nacional de Servizos de Prevención Alleos (ASPREN) e Servizos de Prevención Alleos (ASPA-ANEPA).