17 de maio, Día das letras galegas
UGT-Galicia reitera a necesidade de buscar consensos amplos ao redor da lingua galega
Fecha: 16 May 2026
UGT-Galicia reitera a necesidade de buscar consensos amplos ao redor da lingua galega
17 de maio, Día das letras galegas
A xornalista e escritora Begoña Caamaño será a homenaxeada este ano
Santiago, 16 de maio de 2026.- Un ano máis, o 17 de maio celebramos o Día das letras galegas. Nesta edición, a Real Academia Galega acordou dedicar esta data á xornalista e escritora Begoña Caamaño. Coa elección de 2026, ademais de recoñecer un traballo literario e xornalístico, valórase o pensamento dunha muller que fixo que toda a súa traxectoria e obra se creasen ao redor da defensa dos dereitos humanos, da lingua galega, do pacifismo e do feminismo solidario e combatente, así como a crítica ás inxustizas sociais, á opresión, aos abusos de poder e ás desigualdades. Todos estes valores impregnaron o seu desempeño profesional e a súa escrita. Como ela mesma dicía, “É o momento do feminismo: da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e, por que non?, da felicidade”.
A viguesa Begoña Caamaño, no desempeño do seu traballo como xornalista radiofónica, na súa primeira etapa na cidade olívica e como apaixonada do xornalismo de rúa que exerceu nos anos 80, viviu de preto os grandes conflitos laborais por mor da reconversión naval ou do peche de emblemáticas empresas. Na cobertura destes conflitos traballou da man dun sindicalismo moi activo que imperaba nesta comarca naqueles anos, polo que a homenaxeada tampouco é allea ao mundo sindical.
No recoñecemento da figura de Begoña Caamaño,-que traballou e defendeu a lingua en todas a súas vertentes, dende a oralidade na súa faceta radiofónica, ata a escrita tanto xornalística, coa súa colaboración con diversas publicacións, como literaria, a través das súas obras-, UGT-Galicia reafírmase no insubstituíble papel da lingua galega para todos e todas, para a nosa sociedade, como vehículo de comunicación na súa acepción máis directa pero tamén como parte do noso patrimonio e medio básico de expresión cultural e como ferramenta para avanzar conxuntamente no eido educativo e contribuír ao progreso social e económico.
Así, UGT-Galicia reivindica neste 17 de maio como propio o compromiso co idioma galego de persoas como Begoña Caamaño. Dende UGT-Galicia insistimos en que o idioma galego é parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e é o noso deber coidalo, difundilo, protexelo e mantelo como unha lingua viva en todos os ámbitos e actividades da sociedade.
Para iso, o Sindicato insta á Xunta á busca de amplos consensos, como outros que xa de adoptaron no seu momento de xeito unánime, como a Lei de Normalización Lingüística; a Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais; a Lei Paz Andrade; a Declaración Universal dos dereitos lingüísticos; a Carta europea de linguas rexionais e minorizadas; ou o Plan xeral de normalización da lingua galega de 2004.
UGT rexeita o uso de calquera lingua como arma arroxadiza e de loitas de poder. As linguas de cada un dos territorios, como as súas culturas, son tesouros, patrimonio que temos entre todos e todas a obriga de coidar e manter vivas e dentro dun contexto de convivencia sa entre todas as expresións lingüísticas do país.
A cidadanía debe poder exercer libremente os seus dereitos lingüísticos e as administracións están obrigadas ao cumprimento das normas que en materia lingüística consagran o Estatuto e a Constitución. Trátase de entre todos e todas, cidadanía e administracións, mudar o rumbo da nosa lingua e asegurar o seu futuro coa súa presenza en todos os espazos e usos.