17 de maio, Día das letras galegas

UGT-Galicia insta á Xunta a buscar consensos amplos ao redor da lingua galega

UGT-Galicia insta á Xunta a buscar consensos amplos ao redor da lingua galega

17 de maio, Día das letras galegas

As cantareiras serán as protagonistas nesta edición

Santiago, 16 de maio de 2025.- Un ano máis, o 17 de maio celebramos o Día das letras galegas. Nesta edición, a Real Academia Galega acordou dedicar esta data á poesía popular oral, ás cantareiras, personificadas en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda; Eva Castiñeira Santos, de Muxía; e Manuela Lema, Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandereiteiras de Mens (Malpica). É unha representación colectiva, como xa se fixo na elección dos trobadores da ría de Vigo en 1998, cos que se rendeu homenaxe á poesía medieval. Coa elección de 2025 quérese recoñecer a importancia da poesía popular oral, que acompaña a nosa sociedade desde sempre.

Nesta data, pero todos os días do ano, dende UGT-Galicia reafirmámonos no insubstituíble papel da lingua galega para todos e todas, para a nosa sociedade, como vehículo de comunicación na súa acepción máis directa pero tamén como parte do noso patrimonio e medio básico de expresión cultural e como ferramenta para avanzar conxuntamente no eido educativo e contribuír ao progreso social e económico.

Así, UGT-Galicia reivindica neste 17 de maio como propio o compromiso co idioma galego de persoas como as cantareiras e padereiteiras, como símbolo de resistencia, apoderamento e sororidade. Fortaleceron os vencellos comunitarios no ocio colectivo, inconscientes, probablemente, da súa forza. Dende UGT-Galicia insistimos en que o idioma galego é parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e é o noso deber coidalo, difundilo, protexelo e mantelo como unha lingua viva en todos os ámbitos e actividades da sociedade.

Para iso, o Sindicato insta á Xunta á búsqueda de amplos consensos, como outros que xa de adoptaron no seu momento de xeito unánime, como a Lei de Normalización Lingüística; a Lei do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais; a Lei Paz Andrade; a Declaración Universal dos dereitos lingüísticos; a Carta europea de linguas rexionais e minorizadas; ou o Plan xeral de normalización da lingua galega de 2004.

UGT rexeita o uso de calquera lingua como arma arroxadiza e de loitas de poder. As linguas de cada un dos territorios, como as súas culturas, son tesouros, patrimonio que temos entre todos e todas a obriga de coidar e manter vivas e dentro dun contexto de convivencia sa entre todas as expresións lingüísticas do país.

A cidadanía debe poder exercer libremente os seus dereitos lingüísticos e as administracións están obrigadas ao cumprimento das normas que en materia lingüística consagran o Estatuto e a Constitución. Trátase de entre todos e todas, cidadanía e administracións, mudar o rumbo da nosa lingua e asegurar o seu futuro coa súa presenza en todos os espazos e usos.

Nesta data, na que se trata de reivindicar a memoria, a cultura e a lingua do pobo, precisamente, lémbrase a figura das cantareiras. A música foi da man da poesía nas súas primeiras manifestacións (e aí temos a referencia da nosa lírica medieval, no pergamiño Vindel e Martin Codax e mais coa notación musical en todas as Cantigas de Santa María). Pese á prohibición da lingua galega nos textos escritos a partir do século XVI, a poesía oral mantívose viva ó longo do tempo, canda a lingua, fóra das canles oficiais e case por completo da letra impresa. A súa actitude de espontaneidade, tolerancia, desorde e certa despreocupación pola forma valeulle normalmente unha valoración negativa desde os estratos sociais que procuraban unha cultura baseada no coñecemento da cultura clásica, a disciplina e o acatamento ás formas. 

Deste xeito, fluíu como unha corrente subterránea alternativa á denominada literatura “culta”. É a oralidade o seu medio de expresión e transmisión, amais do seu carácter colectivo.



 



 




 



 

Fuente: UGT-Galicia