17 de maio, Día das letras galegas

Francisco Fernández del Riego, promotor desta celebración hai xa 60 anos, será o protagonista nesta edición

UGT-Galicia reivindica o insubstituíble papel da lingua galega como vehículo de comunicación, parte do patrimonio e medio básico de expresión cultural

17 de maio, Día das letras galegas

Francisco Fernández del Riego, promotor desta celebración hai xa 60 anos, será o protagonista nesta edición

Santiago, 16 de maio de 2023.- Un ano máis, o 17 de Maio celebramos o Día das letras galegas, dedicado nesta edición a Francisco Fernández del Riego, (Vilanova de Lourenzá, 1913- Vigo, 2010), unha das grandes figuras da resistencia e da revitalización cultural do galeguismo despois da guerra civil. Foi editor, publicista, memorialista, ensaísta, tradutor, novelista, historiador, crítico literario, orador brillante e xornalista. Nesta data, pero todos os días do ano, dende UGT-Galicia reafirmámonos no insubstituíble papel da lingua galega para todos e todas, para a nosa sociedade, como vehículo de comunicación na súa acepción máis directa pero tamén como parte do noso patrimonio e medio básico de expresión cultural.

Así, UGT-Galicia reivindica neste 17 de Maio como propio o compromiso activo de persoas como Fernández del Riego co idioma galego porque é parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e é o noso deber coidalo, difundilo, protexelo e mantelo como unha lingua viva en todos os ámbitos e actividades da sociedade.

Para iso, o Sindicato considera que hai que comezar o traballo dende os máis pequenos, no eido educativo, porque son eles a clave do futuro da lingua galega. Neste senso, insta á Xunta a que se implique na promoción do galego e que sexa esta unha prioridade a nivel de toda a sociedade pero, especialmente, no ámbito educativo, equiparando o galego coa outra lingua oficial de Galicia.

UGT rexeita o uso de calquera lingua como arma arroxadiza e de loitas de poder. As linguas de cada un dos territorios, como as súas culturas, son tesouros, patrimonio que temos entre todos e todas a obriga de coidar e manter vivas e dentro dun contexto de convivencia sa entre todas as expresións lingüísticas do país.

Por todo isto, UGT-Galicia insta a toda a cidadanía a exercer libremente os seus dereitos lingüísticos e a esixirlle ás administracións o cumprimento das obrigas que en materia lingüística consagran o Estatuto e a Constitución.

Nesta data, na que se trata de reivindicar a memoria, a cultura e a lingua do pobo, precisamente, lémbrase a figura do homenaxeado, marcada por unha vida dedicada enteiramente ao seu país.

Dende 1997 ata 2001 presidiu a Real Academia Galega, institución na que ingresou no ano 1960. Durante o seu mandato, a RAG iniciou un importante proceso de modernización e posta ao día. Xunto con Ramón Piñeiro, fundou a revista Grial; cofundador da editorial Galaxia; animou ás emisións en galego da BBC de Londres entre 1947 e 1956; foi a ponte necesaria entre os máis vellos (Xeración Nós) e os máis novos; e foi tamén a ponte necesaria entre o exilio interior e os exiliados de América, sobre todo.

Pero, entre as moitas iniciativas que marcaron a figura de Fernández del Riego, destaca a invención do Día das letras galegas. O 17 de maio de 1963, xunto a outros dous académicos, Fernández del Riego puxo enriba da mesa a idea de celebrar anualmente un día dedicado á nosa lingua e literatura. Daquela cumpríanse cen anos da primeira edición de “Cantares Gallegos”, o primeiro libro en galego de Rosalía de Castro, o título por excelencia do Rexurdimento. A proposta foi adiante e xa van 60 anos. O que inicialmente era máis unha celebración académica, converteuse nun acontecemento social e cultural de primeira magnitude, nunha festa grande da nosa cultura.

Finalmente, nesta data, pero os 365 días do ano, UGT-Galicia insiste en destacar o valor da lingua galega e da cultura como elementos de cohesión social e de transmisión de valores democráticos.


 


 

Fuente: UGT-Galicia