17 de maio de 2019, Día das letras galegas

Un ano máis, o 17 de Maio celebramos o Día das letras galegas, dedicado nesta edición ao historiador e xeógrafo Antón Fraguas (Cotobade 1905-Santiago de Compostela 1999). Nesta data, pero todos os días do ano, dende UGT-Galicia reafirmámonos no insubstituíble papel da lingua galega para todos e todas, para a nosa sociedade, como vehículo de comunicación na súa acepción máis directa pero tamén como parte do noso patrimonio e medio básico de expresión cultural.

Así, UGT-Galicia reivindica neste 17 de Maio como propio o compromiso activo de persoas como Antón Fraguas co idioma galego porque é parte do patrimonio inmaterial do pobo galego e é o noso deber coidalo, difundilo, protexelo e mantelo como unha lingua viva en todos os ámbitos e actividades da sociedade.

Para iso, o Sindicato considera que hai que comezar o traballo dende os máis pequenos, no eido educativo, porque son eles a clave do futuro da lingua galega. Neste senso, insta á Xunta a que se implique na promoción do galego e que sexa esta unha prioridade a nivel de toda a sociedade pero, especialmente, no ámbito educativo, equiparando o galego coa outra lingua oficial de Galicia.

UGT rexeita o uso de calquera lingua como arma arroxadiza e de loitas de poder. As linguas de cada un dos territorios, como as súas culturas, son tesouros, patrimonio que temos entre todos a obriga de coidar e manter vivas e dentro dun contexto de convivencia sa entre todas as expresións lingüísticas do país.

Por todo isto, UGT-Galicia insta a toda a cidadanía a exercer libremente os seus dereitos lingüísticos e a esixirlle ás administración o cumprimento das obrigas que en materia lingüística consagran o Estatuto e a Constitución.

Nesta data, na que se trata de reivindicar a memoria, a cultura e a lingua do pobo, precisamente lémbrase a figura do homenaxeado que foi unha das persoas que máis tempo adicou a recoller, sistematizar e coñecer esta riqueza.

O historiador e xeógrafo foi unha das figuras máis importantes do galeguismo polo seu talante ético de defensa permanente do galego e pola súa capacidade de transmitir estes sentimentos a todo o mundo. Levou ás súas costas máis de 300 libros publicados e traballos. Dedicou a súa vida ao estudo da cultura e do territorio galego nos diferentes eidos, con especial atención á antropoloxía. Ademais, cos seus traballos contribuíu a defender o idioma propio como a lingua de expresión para calquera coñecemento.

Foi historiador, profesor e director e presidente do Museo do Pobo Galego, asi como un dos fundadores da Sociedade da Lingua e membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, no que inaugurou, xunto a Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica.

Entrou en contacto co galeguismo de mozo, cando estudou bacharelato en Pontevedra, onde comezou a ter interese pola cultura galega grazas a docentes como Antón Losada Diéguez, Castelao e Ramón Sobrino Buhigas. Publicou na revista “Nós” e no xornal “A nosa terra”. Ademais, foi profesor na USC e conseguiu a cátedra no instituto da Estrada que lle foi arrebata ao comezar a Guerra Civil. Cátedra que non recuperou ata 1950.



 

Fuente: UGT-Galicia