A Xustiza falla contra CSIF por vulnerar o dereito ao honor de CCOO e UGT

Fecha: 31 May 2022

UGT e CCOO valoran positivamente a sentenza e lembran que as calumnias «non teñen cabida na loita sindical»

A Xustiza falla contra CSIF por vulnerar o dereito ao honor de CCOO e UGT

O sindicato corporativo é obrigado a eliminar a información obxecto da demanda e a publicar integramente a sentenza nos mesmos medios utilizados para a súa difusión e durante o mesmo tempo

Santiago, 31 de maio de 2022.- O Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Santiago condena o sindicato CSIF por vulnerar nunha publicación dixital o dereito ao honor de CCOO e UGT. O texto obxecto da demanda publicouse no boletín web ‘Herald Toupeiras’, editado polo sindicato corporativo, e acusaba aos denunciantes de conivencia coa Xunta de Galicia para impoñer a mobilidade forzosa dos funcionarios.

Na publicación, a CSIF aludía a unha reunión —no contexto do diálogo social— onde supostamente ambos os sindicatos tiveran coñecemento desta decisión e actuaban en connivencia co PP para impoñer a mobilidade forzosa ao persoal funcionario. Pártese dun feito non veraz e non contrastado para realizar unhas afirmacións “claramente difamatorias e atentatorias contra o honor dos demandantes nun tema intrinsecamente ligado á súa actividade e fin legal constitucional, a defensa dos dereitos dos traballadores”, precisa a sentenza.

A sentenza deixa claro que CSIF non transmite de xeito “recto e veraz a información que pretende comunicar, baséase en simples conxecturas ou rumores non confirmados”. A sentenza tamén afirma que queda probado que as conclusións que extrae a CSIF no seu artigo teñen como único fundamento a simple participación de UGT e CCOO na devandita mesa de diálogo social, «sen ter coñecemento concreto do tratado na mesma ou se efectivamente se abordou o tema da mobilidade forzosa». Por tal motivo, a sentenza afirma que a publicación está dirixida «claramente a difamar» a actuación dos demandantes CCOO e UGT.

Na súa defensa, a CSIF pretendeu ampararse na liberdade de información, malia que a xurisprudencia é clara que só pode prevalecer sobre o dereito ao honor se a información cumpre co requisito da veracidade, «e por veracidade ha entenderse o resultado dunha razoable dilixencia por parte do informador para contrastar a información», recolle a sentenza. Dilixencia que, como aclara a propia sentenza, neste caso non consta nin se acredita.

Antes de chegar á vía xudicial, CCOO e UGT esixíranlle á CSIF unha rectificación pública que nunca se produciu. A sentenza estima integramente a demanda e condena o sindicato corporativo a eliminar a información obxecto da demanda e a publicar integramente a sentenza nos mesmos medios utilizados para a súa difusión e durante o mesmo tempo. Así mesmo, deberá aboar a cantidade simbólica dun euro a cada un dos sindicatos denunciantes e a aboar as custas xudiciais.

«Non todo vale»

Tanto UGT-Galicia como o S. N. de CCOO de Galicia valoran positivamente esta sentenza, que deixa «moi claro que non todo vale na loita sindical». Ambas as organizacións insisten en que «as mentiras e as calumnias non teñen cabida para desacreditar o gran traballo que os sindicatos de clase facemos en defensa dos traballadores e das traballadoras».


 


 

Fuente: UGT-Galicia