Xornada de folga na Xustiza galega e manifestación en Santiago

Fecha: 24 Ene 2018

Esta xornada de folga viu acompañada dunha manifestación en Santiago 


​O vicepresidente e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, está actuando de xeito totalmente irresponsable, enganando aos cidadáns galegos e aos traballadores xudiciais e as súas familias, provocando coas súas falsidades unha nova xornada de folga, mañá 25 de xaneiro.

Dun xeito totalmente cínico manifestou publicamente que o conflito provocado pola discriminación que sofren dende hai varios os anos estes traballadores íase resolver, pois a Xunta faría unha mellora substancial da súa oferta.

Pois ben, tras demorar dez días a reunión o único cambio que se produciu foi o troco de escenario. O que fixo, sen darlle a explicacións a ninguén, foi aniquilar a mediación levada a cabo pola presidenta do Consello de Relacións Laborais, a única que dera froitos (avanzouse grazas a súa colaboración en tres dos cinco puntos reivindicados) e, no seu lugar, colocou ao director xeral de Función Pública, José María Barreiro, que non só non fixo mellora ningunha na oferta aos representantes dos traballadores, senón que empeorou a última presentada.

A provocación e a ofensa foi de tal calibre, que o comité de folga non tardou máis de cinco minutos en poñerse de acordo para dicirlle a Barreiro que de ningunha das maneiras ía aceptar semellante burla.

Os feitos demostran que ou ben Barreiro ninguneou ao vicepresidente, facendo caso omiso do que este lle ordenou, ou ben Alfonso Rueda volveu mentir e a enganar a todos cando nos medios de comunicación dixo literal e publicamente o seguinte: "Va a haber una reunión la semana que viene y vamos a intentar que sea un avance sustancial". Iso está nas hemerotecas, e non é unha invención sindical.

Coa actuación de Barreiro, Alfonso Rueda deberá dar conta agora da súa incapacidade e do seu escaso peso político para solucionar o conflito na xustiza galega, pois se un director xeral é quen de deixalo como un mentireiro, o que tería que facer Rueda é ou dimitir ou cesar fulminantemente ao dito director.

E se foi o propio vicepresidente o que ordenou a director xeral que empeorara a oferta, que se pode esperar dun político que di unha cousa nos medios de comunicación e en sede parlamentaria e logo fai a contraria botándolle a culpa aos traballadores?. Como se pode confiar nun político que falta de xeito tan descarado a súa palabra?.

A hipocrisía, a dobrez, a falta de lealdade e a mala fe coa que actúa Alfonso Rueda neste conflito só están á altura da súa soberbia e da súa arrogancia.

O vicepresidente e conselleiro de Xustiza non demostra unha nobre vontade política de chegar a acordos. Ata de agora non fixo máis que mentir e amosar unha evidente mala fe nas súas declaracións públicas. Para que o diálogo exista, é requisito "sine qua non" que a Xunta demostre unha auténtica e inequívoca intención de mellorar as condicións de traballo dos funcionarios de xustiza galegos e non rirse indignamente deles e das súas familias, como ven facendo Rueda.

Ao non respectar a decisión tomada no seu día por unanimidade no Parlamento de Galicia, ao demoler os resultados acadados pola mediación Presidenta do Consello de Relacións Laborais e ao non atender, en definitiva, as xustas reivindicacións laborais dos traballadores da xustiza galega gravemente discriminados respecto dos demais das comunidades autónomas con competencias asumidas, Alfonso Rueda levará a xustiza galega a unha situación de extrema gravidade, causando prexuízos económicos e sociais de enormes dimensións que serán da súa única e exclusiva responsabilidade.

SE A XUNTA NON MUDA DE ACTITUDE, A PARTIR DO DÍA 7 COMEZARÁ UNHA FOLGA INDEFINIDA

Se o vicepresidente e conselleiro de Xustiza, Alfonso Rueda, non muda de actitude e segue faltándolle ao respecto aos cidadáns e aos traballadores da xustiza, a partir do día sete de febreiro comezará un folga de consecuencias imprevisibles para a economía da nosa Comunidade autónoma e para os dereitos políticos e sociais de todos os galegos

Fuente: FeSP-UGT