Urxe en Galicia a protección das capas de poboación máis vulnerables cunha dependencia de prestacións do 35,5% e cunha taxa de risco de pobreza que supera xa o 32%

Fecha: 20 Ago 2021

UGT-Galicia advirte que esta crise ten rostro de muller. As nóminas do IMV no caso das mulleres triplican ás dos homes e o risco de pobreza é superior en tres puntos

Urxe en Galicia a protección das capas de poboación máis vulnerables cunha dependencia de prestacións do 35,5% e cunha taxa de risco de pobreza que supera xa o 32%

Nesta liña, hai que incrementar o SMI, mellorar o IMV e manter o escudo social mentres sexa necesario. De cara ó futuro hai que mellorar a política de rendas en todos os seus flancos garantindo ingresos estables e dignos para os fogares galegos

Santiago, 20 de agosto de 2021.- UGT-Galicia alerta da necesidade de poñer en marcha toda a maquinaria, dende todas as administracións, ben sexan as locais, provinciais, a Xunta ou o Goberno central, na busca de mecanismos de protección das capas de poboación máis vulnerables que, de novo, como xa sucedera coa anterior crise económica de 2008, están a ser azoutadas coa crise consecuencia da COVID-19 pero que xa dun xeito estrutural en Galicia presentan ano tras ano cifras de dependencia de prestacións, baixos ingresos, en moitas ocasións practicamente nulos, e, polo tanto, taxas de risco de pobreza excesivamente altas.

Para UGT-Galicia, resulta imprescindible, primeiro, a mellora estrutural do mercado laboral galego. Primeiro, para dar acollida a todas as persoas que demandan un emprego e se atopan en idade laboral e, segundo, para garantir empregos dignos, estables e con salarios dignos que permitan acometer un proxecto vital.

Tamén de xeito inmediato, hai que abordar algunhas medidas como a suba do SMI, a modificación do Ingreso Mínimo Vital, co fin de mellorar o insuficiente grado de cobertura actual, a mellora das pensións e a prórroga dos ERTE mentres se faga necesario. É dicir, manter o escudo social e as medidas de apoio mentres sexa necesario co fin de que a recuperación económica se faga sobre parámetros de xustiza social e igualdade pero hai que ir máis aló e hai que traballar por consolidar un mercado laboral galego suficiente para acoller a todos e todas en condicións estables e dignas.

Neste contexto, hai que prestar especial atención ás mulleres que se eesán a levar as peores consecuencias desta crise e estanse a amosar como o sector da poboación máis vulnerable.

En canto ó IMV, a prestación estase a amosar como insuficiente e mal xestionada. Pídese a declaración de patrimonio do 2019, cando aínda non había pandemia, a renda garantida está por debaixo do limiar da pobreza severa, non se cuantifican gastos nin de alugueiro nin de hipoteca e deixa fóra á poboación estranxeira, un dos grupos máis vulnerables. Neste senso, UGT xa presentou unha serie de emendas a esta axuda, como rebaixar a idade de acceso ós 18 anos, considerar a situación de vulnerabilidade no momento da solicitude ou establecer unha pasarela automática para que toda persoa que esgote a súa prestación por desemprego pase a cobrar o IMV.

No centro de todo isto, está a necesidade de reforzar a política de rendas para garantir unhas condicións de vida dignas ós máis vulnerables e mellorar todas as medidas do escudo social, incluído o IMV que aínda deixa a medio millón de persoas con dereito ó mesmo excluídas.

13.224 nóminas por IMV en Galicia, cunha contía por fogar de 442,95 euros

Concretamente, en Galicia, xéranse por IMV un total de 13.224 nóminas (260.206 no conxunto do Estado). Isto trae consigo 32.213 beneficiarios, cunha ratio de 2,44 beneficiarios por prestación e unha contía media por fogar de 442,95 euros. Por provincias, A Coruña sitúase á cabeza con 6.036 nóminas, seguida de Pontevedra, con 3.846, Lugo, con 1.776, e Ourense, con 1.566.

As mulleres representan 9.226 nóminas do IMV, fronte a 3.997 os homes. A idade media é de 45 anos, concentrándose a maioría das nóminas no grupo de 36 a 45

As mulleres representan 9.226 nóminas, fronte a 3.997 no caso dos homes. De novo, un indicador máis que apunta ó rostro feminino desta crise motivada pola pandemia. A idade media dos titulares é de 44,75 anos, concentrándose a maioría no grupo de 36 a 45 anos, 4.486 nóminas; seguido do grupo de 46 a 55 anos, con 3.947 nóminas.

Case o 30% das pensións en Galicia dependen do complemento a mínimos, aumentando esta porcentaxe no caso das mulleres ós 36 puntos

Nesta mellora da política de rendas, non se pode eludir o foco das pensións. En Galicia dependen o 28,97% (222.085 pensións, dun total de 766.694 pensións que hai a día de hoxe en Galicia) de complementos a mínimos, chegando no caso das mulleres esta porcentaxe ós 36 puntos. Lembrar que o complemento a mínimos é unha cantidade complementaria que se engade ó importe da pensión, na súa modalidade contributiva, cando non acada o mínimo fixado legalmente.

O 35% dos fogares perciben ingresos procedentes de prestacións

Ligado isto a outro tipo de prestacións, detéctase, do cal UGT-Galicia alerta e, especialmente nesta conxuntura, da dependencia de prestacións desta Comunidade. O 35,48% dos fogares perciben ingresos procedentes de prestacións. 34,42 na provincia da Coruña; 39,66 na de Lugo; 42,46 na de Ourense; e un 33,21% na de Pontevedra. Fronte ó 50,79% dos fogares que dependen de ingresos por conta allea e un 10,85% por conta propia.

Galicia, mal posicionada nos ingresos por persoa, con 11.469 euros. A taxa de pobreza é do 22,1, que sube ata o 32,06% se exclúen as transferencias sociais

Continuando coa análise, detéctase tamén que no relativo ós ingresos por persoa, Galicia tampouco está ben posicionada, de sétima á cola, con 11.469 euros por persoa. Cantidade afastada dos 15.813 euros do País Vasco, os 15.094 de Navarra ou os 14.580 de Madrid. Segundo datos elaborados polo INE, que conducen a unha taxa de pobreza do 22,1, que se elevaría no caso de Galicia ó 32,06% se se exclúen as transferencias sociais. Aquí lémbrase a alta dependencia das mesmas nesta Comunidade. Por outra banda, o risco de pobreza e exclusión social quedaría en Galicia no 25,7.

Os maiores riscos de pobreza, antes de transferencias sociais, danse no grupo de máis de 65 anos

Por idades, as maiores taxas de risco de pobreza antes das transferencias socias danse no grupo de máis de 65 anos, chegando ó 71,95. E incídese en que no grupo total de idades as mulleres rexistran unha taxa do 33,23, fronte ó 30,81 dos homes.

Entre os menores de 16 a taxa de risco de pobreza é do 19,54% e a de risco de pobreza e exclusión social ascende ó 21,52%. Por tipo de fogar, a máis elevada é a dos fogares unipersoais, do 23,6%

Entre os menores de 16 anos, segundo datos do IGE do ano 2019 referidos ó 2018, a taxa de risco de pobreza en Galicia é do 19,54% e a taxa de risco de pobreza e exclusión, tamén neste grupo de idade, ascende ó 21,52%. Por tipoloxía de fogar, a taxa de pobreza nesta Comunidade é máis elevada nos fogares unipersoais, do 23,6%. Baixa ó 14,69% nos fogares sen núcleo; é do 14,95% nos fogares en parella con fillos; do 10,79% nos de parella sen fillos; e nas monoparentais volve a subir ó 21,40%.

En relación ás dificultades económicas nos fogares, segundo datos do INE do 2020, o 37,4% dos fogares galegos non poden permitirse ir de vacacións fóra da casa polo menos unha semana ó ano; o 28,1% non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos; o 8,5% manifesta atrasos nos pagos relacionados coa vivenda principal ou en compras a prazos; e o 6,6% constata moita dificultade para chegar a fin de mes.

En definitiva, en Galicia debúxase un panorama con baixos niveis de renda, pensións baixas, unha alta dependencia de prestacións que, coa actual situación de crise viuse agudizado e para o que urxen solucións e o deseño de políticas de renda que de cara ó futuro garantan ingresos suficientes, dignos e estables para os fogares galegos. E, dun xeito máis urxente, todos os indicadores apuntan a que hai que manter as medidas contidas no escudo de protección social porque a crise sanitaria aínda non está solucionada e resulta evidente que as súas consecuencias sobre o eido social e económico perdurarán aínda no tempo.


 

Fuente: UGT-Galicia