UPTA aposta polo novo modelo de cotización que permitirá que máis de 136.000 autónomos galegos aforren

Fecha: 16 Jun 2022

UPTA aposta polo novo modelo de cotización que permitirá que máis de 136.000 autónomos galegos aforren

Santiago, 16 de xuño de 2022.- O presidente de UPTA, Eduardo Abad Sabarís, xunto co secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, analizou hoxe en rolda de prensa en Santiago o novo sistema de cotización de autónomos que, inicialmente, vai supoñer un aforro para 136.788 traballadores por conta propia en Galicia.

O secretario xeral de UGT-Galicia, precisamente, apuntou que se trata de devolver aos autónomos o mesmo nivel de dereitos e obrigas que teñen o resto dos traballadores por conta allea.

Nisto incidiu tamén o presidente de UPTA que apuntou que a esixencia é devolver á RETA a xustiza contributiva. O actual sistema, neste senso, é perverso, xa que provoca que o pequeno autónomo teña que pagar en moitas ocasións o mesmo que os que teñen ingresos moi superiores.

Explicou que o novo sistema está pensado para ser autorregulable, cada dous meses se revisará en función dos ingresos reais, polo que cumpre máis coa premisa de ser máis xusto.

En canto ao cese de actividade, vai haber catro condicionantes que se acepten, as causas extraordinarias, como sucedeu coa pandemia; sectorial; por causas económicas salvables; e por causas económicas.

Precisou que o novo sistema vai supoñer un aforro para 136.788 autónomos galegos que verán rebaixada a súa contribución. O aforro será de entre 600 e 1.050 euros ao ano. Tamén se verán beneficiados os autónomos societarios, cun aforro duns 1.000 euros por exercicio.

Si é certo que dende os 1.700 euros de rendemento neto iríase subindo de xeito liñal, pero, aínda así, o sistema gaña en xustiza porque os que menos rendas de traballo teñen van cotizar menos que os que teñen rendas máis elevadas.

Deixou claro que isto non é “un sablazo” aos autónomos e pediu á patronal que deixe de poñer pedras no camiño e facilite o acordo xa. Neste mesmo senso, insistiu en que este non é o momento dos partidos políticos, ese será cando o anteproxecto chegue ao Congreso e ao Senado, agora é o momento do diálogo social.

Tamén apuntou ao importante problema que ten Galicia co envellecemento dos seus autónomos, de feito é a Comunidade onde esta situación é máis grave, co 65% dos seus autónomos maiores de 60 anos. Isto repercute en pensións mínimas con complementos a mínimos. Para isto, o novo sistema tamén os beneficiará.

Parello ao novo sistema de cotización, está a reforma fiscal na que tamén se está a traballar e que complementaría o sistema. Nesta reforma búscase volver a deducir os gastos de manutención como se facía antes de 2017, así como os gastos de subministro, ao 30%, cando o domicilio fiscal coincide co fogar, como tamén se facía antes da reforma de Montoro imposta polo PP. Tamén se vai pedir deducir o 100% dos gastos de dixitalización.

Asemade, adiantou que se está a negociar o dereito a folga dos traballadores por conta propia e que poidan percibir o subsidio para maiores de 52 anos que a día de hoxe xa cobran os traballadores por conta allea.

Finalmente, o presidente de UPTA pediu valentía ao Goberno para acometer esta reforma do modelo de cotización, así como outras medidas que se poidan negociar nos vindeiros meses, para acadar un sistema máis xusto para os autónomos que non poden ser moeda de cambio.

Fuente: UGT-Galicia