Unha mostra máis da fortaleza da reforma laboral

Os datos da EPA do terceiro trimestre manteñen a tendencia de aumento da ocupación e de contención da temporalidade dos últimos trimestres, froito do acordo laboral de 2021

Fecha: 26 Oct 2023

epa323

Aínda así, Galicia segue a amosar síntomas dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 53,6%, fronte ó 59,4% do resto do Estado

Unha mostra máis da fortaleza da reforma laboral

Os datos da EPA do terceiro trimestre manteñen a tendencia de aumento da ocupación e de contención da temporalidade dos últimos trimestres, froito do acordo laboral de 2021


Santiago, 26 de outubro de 2023. Os datos da EPA publicados hoxe polo INE, correspondentes ao terceiro trimestre de 2023, reflicten a fortaleza mostrada ata o de agora polo mercado laboral. A ocupación recolle un aumento en 14.200 persoas ocupadas máis neste trimestre, 30.600 persoas máis en termos anuais, o que se traduce nun aumento do 2,7% respecto ao mesmo trimestre do ano anterior. A taxa de paro, pola súa banda, baixou tres décimas fronte ao segundo trimestre, nun trimestre moi marcado pola estacionalidade do verán, e está 1,5 puntos por baixo fronte a hai un ano. No que respecta á calidade do emprego, a taxa de temporalidade mantense en valores similares por terceiro trimestre consecutivo, un 17,6%, que é o seu valor máis baixo na serie histórica dun terceiro trimestre do ano. 

Os datos mostran que 2023 está a ser un ano positivo para o mercado laboral, rexistrando incrementos da ocupación e das persoas asalariadas, a pesar da incerteza sementada pola guerra en Ucraína, xunto a unha redución da temporalidade. Este terceiro trimestre é outra mostra máis da fortaleza do emprego grazas ao impulso da reforma laboral de 2021.

Solucións para o paro de longa duración e o traballo a tempo parcial

Doutra banda, pese ao recoñecemento que esixen as melloras que conseguiu a reforma laboral no mercado de traballo, para UGT aínda queda un longo camiño por percorrer ata solucionar os problemas que afectan as persoas traballadoras. Un deles, que o sindicato vén denunciando, é na porcentaxe de desempregados de longa duración, definidos como aqueles que levan máis dun ano en procura de emprego. Este terceiro trimestre, o 34,7% do total de desempregados o eran de longa duración, o que reflicte a dificultade para reincorporarse a un emprego por parte deste colectivo. Neste sentido, UGT-Galicia considera fundamental que se dispoñan os medios para evitar que isto suceda, cunhas políticas activas de emprego eficientes e un Servizo Público de Emprego con recursos humanos e técnicos que faciliten o seu traballo. 

UGT manifesta que outro signo de precariedade é a parcialidade do emprego que hai entre os ocupados, un 13,9%, dos que practicamente a metade (un 47,6%) fano de maneira involuntaria, por non poder acceder a un emprego a xornada completa. Esta situación está a xerar unha bolsa de pobreza laboral insostible no noso país.

Por todo iso, o terceiro trimestre continúa cos avances logrados desde a aprobación da reforma laboral e reflicte unha situación económica estable. Aínda así, é fundamental seguir incidindo na necesidade de completar a reforma laboral con novas medidas que eviten os problemas estruturais do noso mercado de traballo, como o paro de longa duración ou a desproporcionada parcialidade. Para UGT, a seguinte lexislatura é a oportunidade idónea para concluír un xiro de cento oitenta graos na política laboral de España, que xa se está producindo coa redución da temporalidade e o asentamento dos contratos indefinidos.

Radiografía da EPA en Galicia

Os datos amosan que hai en Galicia 30.600 ocupados máis con respecto ó mesmo trimestre do ano anterior (un 2,7%) e, en relación ó segundo trimestre de 2023, hai 14.200 ocupados máis, o que supón unha suba do 1,3%.

Aínda así, aínda que a EPA amosa unha clara remisión dos efectos da pandemia, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 53,6%, fronte ó 59,4% do resto do Estado.

Interanualmente, o paro baixou en 17.600 persoas, o que supón o 13,1%. E, en relación ó trimestre anterior, o paro tamén diminuíu, un 2,1%, en 2.500 persoas.

Así, a taxa de paro queda en Galicia, con 117.200 persoas desempregadas, no 9,3%. No caso dos homes esta taxa é do 8,4% e do 10,2% no caso das mulleres. Entre os menores de 25 anos esta sube ata o 25%.

Por sectores, interanualmente, o emprego mellora na agricultura e pesca, cunha suba da ocupación dun 5,5% (3.800 ocupados máis); no sector servizos, cun aumento do 3,1% (24.600 ocupados máis); e na construción, cun incremento do 4,5% (3.400 ocupados máis). Pola contra, na industria baixa nun 0,7% (1.200 ocupados menos).

Con respecto ao trimestre anterior, a ocupación sube en todos os sectores, un 1,3% no primario (900 ocupados máis); 0,6% na industria (1.000 ocupados máis); un 1% no sector servizos (8.100 ocupados máis), e un 5,7% na construción (4.200 ocupados máis).

Hai en Galicia un total de 943.500 asalariados, aumentando con respecto ó trimestre anterior en 17.800 (1,9%), e ó ano soben en 31.900 (3,5%).

A reforma laboral segue a dar os seus froitos cunha taxa de temporalidade que se sitúa no 17,6%. Dáse un aumento, en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, da poboación asalariada con contrato indefinido, do 4,3%, e unha caída dos temporais, dun 0,1%.

O que si hai que salientar é que a parcialidade segue a estar en niveis altos, do 13,9%, sendo o 47,6% da mesma de carácter involuntario.

Difícil situación para moitos fogares e 40.700 persoas paradas de longa duración. A protección social resulta imprescindible

Outro dos nubarróns da radiografía da situación do emprego en Galicia é a situación dos fogares e o paro de longa duración. Ambas situacións levan á vulnerabilidade de moitas familias.

Hai en Galicia un total de 49.300 fogares con, polo menos, unha persoa activa e nos que todos os seus membros activos están en desemprego. E 28.800 fogares que non perciben ingresos.

Das 117.200 persoas que están no desemprego, 40.700 levan máis dun ano nesta situación.

Resulta evidente que o paraugas da protección social é imprescindible para que ninguén quede atrás neste país.



 

Fuente: UGT-Galicia
EPA