Un representante de UGT intervén mañá no CESE en galego e catalán

Por primeira vez na historia desta institución europea

Un representante de UGT intervén mañá no CESE, por primeira vez na historia desta institución europea, en galego e catalán

Situando así os nosos dereitos lingüísticos e constitucionais nas institucións europeas

Santiago, 18 de xuño de 2025.- Manuel García Salgado (nado en Triacastela (Lugo), polo que ten como lingua materna o galego e o catalán como lingua adoptiva, ademais de utilizar o castelán e inglés no seu desenvolvemento profesional), representante de UGT no Comité Económico e Social Europeo (CESE), intervirá mañá a partir das 9.45 horas no debate co comisario durante o Plenario do CESE sobre o Programa de traballo da UE en galego e catalán. Por primeira vez na historia desta institución europea faise uso das linguas cooficiais, situando así os nosos dereitos lingüísticos e constitucionais nas institucións europeas.

Lembrar que esta medida foi promovida polos conselleiros do Worker`Group procedentes de UGT para que os representantes de Cataluña, Galicia e o País Vasco que interveñan nas sesións plenarias poidan expresarse en catalán, galego e euskera. Medida que foi ratificada polo Goberno español o pasado 7 de abril coa sinatura dun acordo co CESE para estender o uso das linguas cooficiais españolas ás intervencións dos seus membros nas sesións plenarias.

Para UGT-Galicia, esta medida non só contribúe a reforzar o papel do CESE como garante da diversidade cultural e lingüística europea, senón tamén a potenciar a inclusión efectiva de todos os sectores da sociedade civil nos procesos de toma de decisións.

A promoción das linguas cooficiais españolas é un reflexo do compromiso de UGT coa defensa dos dereitos fundamentais e a igualdade.



 



 

Fuente: UGT-Galicia