UGT subliña que os datos de xullo acreditan a necesidade e o acerto do proceso de regularización de persoas estranxeiras e confirman a fortaleza do mercado de traballo

O emprego supera por primeira vez os 22,5 millóns de persoas ocupadas no Estado e as 1.135.950 en Galicia e o paro rexistrado, pese ao repunte puntual do mes, rexistra un mínimo nun mes de xullo da serie histórica

Fecha: 04 Ago 2026

paroxullo26

UGT subliña que os datos de xullo acreditan a necesidade e o acerto do proceso de regularización de persoas estranxeiras e confirman a fortaleza do mercado de traballo

O emprego supera por primeira vez os 22,5 millóns de persoas ocupadas no Estado e as 1.135.950 en Galicia e o paro rexistrado, pese ao repunte puntual do mes, rexistra un mínimo nun mes de xullo da serie histórica

Santiago, 4 de agosto de 2026.-  Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social correspondentes ao mes de xullo, publicados hoxe, reflicten a fortaleza do noso mercado laboral e acreditan, ademais, que o proceso extraordinario de regularización de persoas estranxeiras levado a cabo en España era necesario. Lonxe de tensionar o mercado de traballo, a regularización contribuíu a aflorar emprego, a reforzar a afiliación e a dar dereitos por centos de miles de persoas que xa formaban parte da nosa sociedade e da nosa economía.

A afiliación á Seguridade Social aumenta en 12.916 persoas e o número de persoas ocupadas sitúase por primeira vez nos 1.135.950, a cifra máis alta de toda a serie histórica, en liña co que xa anticipou a última Enquisa de Poboación Activa. 

En comparanza con hai un ano, o número de persoas afiliadas aumenta en 22.464, situando o ritmo interanual de creación de emprego no 2%, inferior ao case 3% do resto do Estado. Este dinamismo explícase, en boa medida, pola incorporación de persoas traballadoras estranxeiras: ao 30 de xullo, 262.475 persoas regularizadas mediante o proceso extraordinario atopábanse xa en alta na Seguridade Social no conxunto do Estado, 11.301 en Galicia. O proceso pechouse o 30 de xuño con 1.174.978 solicitudes, das que máis de 600.000 foran xa admitidas a trámite, polo que os seus efectos positivos seguirán trasladándose á afiliación nos próximos meses.

Pola súa banda, o paro rexistrado aumenta en 1.554 persoas, ata situarse en 107.322, que segue sendo, en todo caso, a cifra máis baixa nun mes de xullo da serie histórica. Este incremento non reflicte destrución de emprego algunha. Obedece, dun lado, a un efecto puramente administrativo derivado da propia regularización: moitas persoas, ao obter o seu permiso de traballo, inscríbense nos Servizos Públicos de Emprego en busca da súa primeira ocupación. E responde, doutro lado, ao comportamento estacional habitual deste mes en actividades como a educación, que perde afiliacións polo fin do curso escolar, ou o Sistema Especial de Traballadores Agrarios. Este mesmo efecto administrativo produciuse na regularización de 2005 e diluíuse por completo nos meses posteriores.

A calidade do emprego tampouco se resentiu: o 28,12% dos contratos asinados en xullo foron indefinidos, unha porcentaxe habitual neste mes e mesmo lixeiramente superior ao do mesmo mes do ano pasado, o que consolida os niveis de estabilidade alcanzados tras a reforma laboral. Non obstante, hai que subliñar que, neste indicador, Galicia segue a estar por debaixo do indicador que se rexistra a nivel do Estado, onde a porcentaxe sube ao 38,9, dez puntos por enriba. 

En definitiva, os datos coñecidos hoxe confirman que o mercado laboral do noso país mantén unha evolución moi favorable, caracterizada por unha creación de emprego sostida e marcas históricas de afiliación, e demostran que o proceso de regularización era necesario e resultou beneficioso para o conxunto do país: máis persoas traballando con plenos dereitos, máis cotizacións que fortalecen a Seguridade Social e menos economía mergullada. Estes resultados, que se suman aos recentemente reflectidos pola Enquisa de Poboación Activa, poñen de manifesto a solidez do mercado de traballo e a eficacia das reformas emprendidas nos últimos anos.

Este balance positivo acredita o carácter integrador do noso país, que dá dereitos e oportunidades a quen se incorpora á nosa sociedade respectando as súas leis, desde o respecto a todas as persoas con independencia de cal sexa a súa orixe. Precisamente por iso, ante os graves sucesos acaecidos este mes en Ceuta, a Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores expresa o seu pesar polas persoas que perderon a vida e traslada toda a súa solidariedade e o seu apoio a quen habita nas cidades autónomas de Ceuta e Melilla e, en especial, ás súas persoas traballadoras. O sindicato esixe o pleno respecto aos dereitos humanos, á legalidade nacional e internacional e á integridade e soberanía do Estado.

Con todo, os bos resultados do mercado laboral non poden ser un punto de chegada, senón o impulso necesario para culminar as reformas pendentes e avanzar cara un modelo produtivo baseado no emprego de calidade, mellores salarios, unha maior produtividade e unha redución da xornada laboral.

A consolidación dun mercado de traballo de maior calidade esixe tamén avanzar naquelas reformas dirixidas a reforzar a protección das persoas traballadoras. Neste sentido, resulta prioritario abordar a regulación do despedimento para garantir unha protección efectiva fronte ao despedimento improcedente, adecuando a normativa española aos estándares da Carta Social Europea, que esixen unha reparación adecuada para as persoas afectadas.

 

Xunto co reforzo dos dereitos laborais, resulta prioritario un incremento dos salarios que permita ás persoas traballadoras recuperar poder de compra. A fortaleza que mostran o emprego e a actividade económica debe trasladarse de forma clara e expresa ás nóminas, e para iso é urxente abrir a negociación do VI Acordo para o Emprego e a Negociación Colectiva (AENC), que debe garantir subidas salariais que consoliden a recuperación do poder adquisitivo e reduzan as brechas retributivas entre sectores. 

Neste sentido, UGT defende que o acordo incorpore unha referencia mínima de incremento salarial do 4% anual para o período 2026-2028, complementada con aumentos adicionais do 1%, 2% ou 3% nos convenios cuxos salarios medios sitúense por baixo do salario medio do conxunto da economía. O novo acordo debe garantir, ademais, que as subidas salariais cheguen de xeito efectivo ás persoas traballadoras, limitando o recurso ás cláusulas de absorción e compensación e estendendo as cláusulas de garantía salarial.

Para rematar, o aumento da inflación por encima da previsión utilizada para fixar a subida do 3,1% do Salario Mínimo Interprofesional para 2026 obriga a revisar a súa contía, conforme o artigo 27 do Estatuto dos Traballadores. En definitiva, aproveitar o bo momento do mercado laboral para culminar estas reformas é a mellor garantía para consolidar un crecemento máis xusto, sostible e compartido.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego subiu en 1.554 persoas con respecto ao mes anterior (1,47%) e no Estado esta cifra tamén subiu, pero menos, un 0,85%. Pola contra, no ano, o desemprego diminuíu, en 536 persoas, un 0,5% menos, aínda que dun xeito moito menos incisivo que no resto do Estado, onde a baixada foi do 3,87%. Así, o número total de desempregados sitúase nesta Comunidade en 107.322 persoas.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego tivo unha tendencia contraria ao resto de idades, baixa nun 0,07% no mes e sube nun 14,86% no ano.

Por sexos, no mes o desemprego sube en ambos, un 0,51% entre os homes e no caso das mulleres nun 2,14%. No ano sube o desemprego entre os homes, nun 0,14% pero baixa nun 0,93% nas mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 59,25% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 63.586 mulleres, fronte a 43.736 homes.

En canto aos sectores, o desemprego no mes sube en todos, salvo no primario. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 3,41%, pero sube no 0,93% na industria;  no 0,14% no sector da construción; o 1,39% no sector servizos; e medra o 4,58% entre o colectivo de sen emprego anterior. No ano baixa en todos, excepto no grupo de sen emprego anterior. Así, diminúe un 6,45% no primario; o 2,60% na industria; o 7,17 na construción; o 1,70% nos servizos; e sube o 17,53% entre as persoas que non teñen un emprego anterior.

Territorialmente, o desemprego sube no mes en todas as provincias, nun 1,39% na Coruña, 1,90% en Lugo, 2,44% en Ourense e un 1,12% en Pontevedra. No ano a baixada foi do 0,14% na Coruña e do 2,53% en Pontevedra. Pola contra, sube no 3,37% en Lugo e o 1,72% en Ourense.

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 28,12%, aínda que distante do 38,89% estatal. Realizáronse en xullo un total de 85.353 contratos en Galicia, un 4,93% máis que no mes anterior pero baixa un 1,04%  con respecto a hai un ano. No mes de xullo de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 6,92%. É dicir, estase 21,19 puntos por enriba.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 63,7%, e no sector primario, do 55,7%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 26,2%, e na industria, do 24,1%.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.135.950 de media mensual, subindo o 1,15% no mes e aumentando un 2,02% no ano. Rexistrándose así un máximo histórico de afiliación á Seguridade Social.

Por outra banda, a temporalidade da afiliación da Seguridade Social sitúase no 15,94% en Galicia, fronte ao dato estatal do 13,39%. En xullo de 2021 esta porcentaxe era do 30,26%, o que ratifica os bos resultados da reforma laboral. 

Finalmente, a cobertura de protección por desemprego foi en Galicia no mes de xuño do 80,03%, con 36.637 prestacións contributivas; 39.052 subsidios; e 32 rendas activas de inserción. Tan só o 48,4% son prestacións contributivas, o que fai alertar das dificultades que poden ter moitos fogares para chegar a fin de mes pola baixa contía das prestacións non contributivas.

 

 

Fuente: UGT-Galicia