UGT reclama reforzar as políticas públicas e a acción sindical para erradicar as violencias machistas

Con motivo do 25N, reivindicamos contornas laborais libres de violencias machistas, maiores garantías para as vítimas e o fortalecemento dos recursos públicos de prevención e atención integral.

UGT reclama reforzar as políticas públicas e a acción sindical para erradicar as violencias machistas

Con motivo do 25N, reivindicamos contornas laborais libres de violencias machistas, maiores garantías para as vítimas e o fortalecemento dos recursos públicos de prevención e atención integral.

 

Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres o próximo 25N, desde UGT, xunto con CCOO, reafirmamos o noso compromiso coa erradicación de todas as formas de violencia machista e facemos un chamamento ao conxunto da sociedade para combater as desigualdades estruturais que as sustentan. Esiximos o fortalecemento das políticas públicas de igualdade, prevención e protección das vítimas, con recursos suficientes e servizos especializados que garantan unha atención integral ás mulleres e menores afectados. Así mesmo, alertamos do perigo que representan os discursos negacionistas e os retrocesos en dereitos e políticas de igualdade.

 

Desde UGT advertimos de que as violencias machistas continúan sendo unha realidade alarmante, tamén no ámbito laboral. Segundo a Enquisa Europea de Violencia de Xénero, o 28,4% das mulleres residentes en España de entre 16 e 74 anos que traballaron algunha vez sufriu acoso sexual no traballo ao longo da súa vida. Ante esta situación, insistimos na necesidade de reforzar a negociación colectiva, garantir a implantación efectiva de protocolos fronte ao acoso sexual e por razón de sexo e ampliar os dereitos sociolaborais das vítimas de violencia de xénero e violencia sexual. Así mesmo, reivindicamos a creación da figura específica da delegada ou delegado sindical de igualdade nas empresas, con funcións de asesoramento fronte ás violencias machistas.

 

No noso manifesto conxunto, valoramos os avances alcanzados, como a actualización do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, pero subliñamos que aínda queda moito por facer. Por iso, reclamamos a aprobación urxente da lexislación contra a violencia vicaria e a trata e explotación de seres humanos, así como a plena implementación do Convenio 190 da OIT sobre violencia e acoso no mundo do traballo. Tamén esiximos que as administracións públicas garantan recursos sostibles, persoal especializado e servizos públicos esenciais para a prevención, protección e recuperación das vítimas, prestando especial atención ás mulleres que afrontan situacións de maior vulnerabilidade.

 

Finalmente, facemos un chamamento ás traballadoras e traballadores e ao conxunto da cidadanía para participar nas mobilizacións feministas convocadas con motivo do próximo 25N. Reiteramos que a loita contra as violencias machistas require unha resposta colectiva, sostida e comprometida desde as institucións, os centros de traballo e o conxunto da sociedade. Porque garantir unha vida libre de violencias machistas é unha condición imprescindible para avanzar cara unha sociedade verdadeiramente democrática e igualitaria.

MANIFESTO 

Fuente: UGT-Galicia
25N