UGT reclama máis protección ante o despedimento e medidas para solucionar o paro de longa duración

O sindicato valora os novos datos do paro positivamente. Con todo, para continuar creando emprego de calidade, débense atender as cuestións estruturais que afectan á poboación

Fecha: 02 Jun 2026

paroxu26

UGT reclama máis protección ante o despedimento e medidas para solucionar o paro de longa duración

O sindicato valora os novos datos do paro positivamente. Con todo, para continuar creando emprego de calidade, débense atender as cuestións estruturais que afectan á poboación

Santiago, 2 de xuño de 2026.- Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social de maio, difundidos hoxe, mostran unha evolución positiva do mercado laboral, cun forte incremento da afiliación e redución do paro. Como vén sendo habitual, maio compórtase, por motivos estacionais, como un dos meses máis dinámicos e favorables para o emprego ao longo do ano.

A afiliación á Seguridade Social crece en 8.048 persoas, o segundo maior cifra da serie histórica, o que permite alcanzar 1.111.867 afiliados medios, unha nova marca. 

En comparanza con hai un ano, o número de persoas afiliadas aumenta en 17.061, situando a taxa de crecemento do emprego no 1,56%, mostrando unha gran fortaleza a pesar da difícil conxuntura internacional, reflexo da resiliencia da demanda de traballo e da capacidade da economía para seguir xerando emprego.

Pola súa banda, o paro rexistrado descende en maio en 2.938 persoas. En conxunto, o número de persoas en desemprego sitúase en 109.355, e baixa un 2,05% en relación a hai un ano. Neste sentido, é destacable que o ritmo de descenso anual do desemprego siga sendo tan considerable, a pesar de que o paro está xa en niveis historicamente baixos, co que cada vez é máis difícil lograr novas reducións.

Durante este mes formalizáronse un total de 58.815 contratos, dos cales 18.012 corresponden a contratos indefinidos, o que supón o 30,62% do total, 21 puntos porcentuais máis que en maio de 2021, previo á entrada en vigor da reforma laboral.

No que respecta á temporalidade da afiliación, este mes situouse no 13,74%, 14 puntos inferior ao rexistrado no mesmo mes de 2021, antes da reforma laboral, que contribuíu de forma significativa a reducir un dos principais problemas históricos e estruturais do mercado de traballo no noso país.

Deste xeito, a positiva evolución da economía española segue impulsando a creación de emprego, que continúa sendo unha prioridade, posto que a taxa de paro, aínda que na contorna do 10%  a nivel do Estado por primeira vez desde 2008, segue sendo a máis elevada da UE. Así mesmo, o mercado de traballo gañou estabilidade e calidade tras a reforma laboral, cun aumento de máis de 195.000 persoas con contrato indefinido desde marzo de 2021, o que reflicte un cambio estrutural no modelo de emprego.

Con todo, a pesar de estes avances, persisten desafíos relevantes no mercado de traballo, especialmente no relativo ás condicións de vida e benestar das persoas traballadoras.

Conforme descende o nivel de desemprego rexistrado, resulta cada vez máis complexo manter o mesmo ritmo de redución, xa que unha parte moi significativa das persoas que permanecen en situación de desemprego forman parte dunha bolsa estrutural e persistente de paro sobre a que deben concentrarse prioritariamente os esforzos das políticas públicas. En particular, as persoas desempregadas de longa duración continúan sendo en Galicia 40.300, o que pon de manifesto as dificultades de acceso ao mercado laboral que seguen afectando a unha parte importante da poboación traballadora.

Dar resposta a esta realidade esixe reforzar de xeito decidido as políticas activas de emprego, impulsando itinerarios personalizados de inserción laboral, garantindo recursos humanos e técnicos suficientes nos servizos públicos de emprego, consolidando unha carteira común de servizos en todo o territorio e avanzando en sistemas de avaliación que permitan medir rigorosamente a súa eficacia. Pero, ademais, estas políticas deben orientarse a preparar ás persoas traballadoras para os profundos cambios que xa están a transformar a economía e o emprego. A formación permanente, a recualificación profesional e a adquisición de novas competencias dixitais deben converterse en elementos centrais dunha estratexia que permita afrontar con garantías os desafíos derivados da dixitalización dos procesos produtivos e da crecente incorporación da intelixencia artificial ao mundo do traballo.

Xunto a iso, resulta imprescindible abordar as reformas pendentes do noso mercado laboral. En primeiro lugar, é necesario acometer unha reforma do despedimento que adecúe plenamente a lexislación española ás esixencias derivadas do artigo 24 da Carta Social Europea Revisada, das decisións adoptadas polo Comité Europeo de Dereitos Sociais e da recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea do 14 de abril de 2026. Iso esixe recuperar os salarios de tramitación, reforzar o carácter reparador e disuasorio das indemnizacións por despedimento improcedente e avanzar cara un sistema que garanta unha protección efectiva fronte ás extincións inxustificadas dos contratos de traballo, outorgando ademais un maior protagonismo á persoa traballadora na determinación da consecuencia xurídica do despedimento ilícito.

Así mesmo, tal e como reclamaron os sindicatos na plataforma sindical unitaria, chegou o momento de afrontar unha reforma en profundidade do contrato a tempo parcial. A pesar de os avances rexistrados nos últimos anos, esta modalidade contractual continúa constituíndo unha das principais bolsas de precariedade do noso mercado laboral, afectando de xeito especial ás mulleres e a determinados sectores de actividade. Resulta necesario reforzar as garantías das persoas traballadoras a tempo parcial, combater a parcialidade involuntaria e evitar que esta modalidade siga utilizándose como un mecanismo de segmentación e precarización do emprego.

En definitiva, os datos volven confirmar o dinamismo do mercado laboral e a súa capacidade para seguir xerando emprego e reducindo o desemprego. Con todo, os retos que aínda persisten esixen manter e reforzar as políticas orientadas a mellorar a calidade do emprego, favorecer a inserción das persoas con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo, garantir unha protección adecuada fronte ao despedimento inxustificado, combater as formas de precariedade aínda existentes e elevar os salarios. Só así será posible avanzar cara a un modelo produtivo máis equilibrado, innovador e sostible, capaz de combinar competitividade económica, cohesión social e traballo decente para todas as persoas.

Radiografía desemprego en Galicia

Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 2.938 persoas con respecto ao mes anterior (2,62%) e no Estado esta cifra tamén baixou,  un 1,54%. O mesmo sucedeu no ano, o desemprego diminuíu, en 2.286 persoas, un 2,05% menos, aínda que dun xeito moito menos incisivo que no resto do Estado, onde a baixada foi do 5,47%. Así, o número total de desempregados sitúase nesta Comunidade en 109.355 persoas.

Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego seguiu a mesma tendencia que no resto de idades en canto ao mes pero non no ano, xa que, neste caso, o paro  subiu. Así, en relación ao mes anterior, o desemprego baixou entre os menores de 25 anos nun 3,61%% e no ano este aumentou nun 8,79%. 

Por sexos, no mes o desemprego baixa en ambos, un 3,03% entre os homes e no caso das mulleres nun 2,32%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 1,68% entre os homes e o 2,31% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,55% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 64.030 mulleres, fronte a 45.325 homes.

En canto aos sectores, o desemprego no mes diminúe en todos, salvo entre o colectivo de sen emprego anterior. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 2,66%; no 1,93% na industria; no 2,52% no sector da construción; o 3,34% no sector servizos; e medra o 2,19% entre o colectivo de sen emprego anterior. No ano sucede o mesmo baixa en todos, excepto no grupo de sen emprego anterior. Así, diminúe un 4,14% no primario; o 3,63% na industria; o 8,09 na construción; o 1,85% nos servizos; e sube o 2,79% entre as persoas que non teñen un emprego anterior.

Territorialmente, o desemprego tamén baixa no mes en todas as provincias, nun 1,93% na Coruña, 1,78% en Lugo, 3,40% en Ourense e un 3,29% en Pontevedra. No ano a baixada foi do 1,44% na Coruña,  0,55% en Ourense e o 4,34% en Pontevedra. No caso de Lugo, subiu, un 2,81% .

O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 30,62%, aínda que distante do 43,2% estatal. Realizáronse en maio un total de 58.815 contratos en Galicia, un 1,66% máis que no mes anterior pero un 5,32% menos que no mesmo mes do ano anterior. No mes de maio de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 9,60%. É dicir, estase 21,02 puntos por enriba do que sucedía antes da reforma laboral.

Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 69,5%, e no sector primario, do 56%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 29,1%, e na industria, do 23,3%.

A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.111.867 de media mensual, subindo o 0,73% no mes e aumentando un 1,56% no ano. Rexistrándose así un máximo nun mes de maio de afiliación á Seguridade Social e é a segunda cifra maior da serie histórica.

Por outra banda, a temporalidade da afiliación da Seguridade Social sitúase no 13,74% en Galicia, fronte ao dato estatal, do 11,78%. En maio de 2021 esta porcentaxe era do 27,82%, o que ratifica os bos resultados da reforma laboral. 

Finalmente, a cobertura de protección por desemprego foi en Galicia no mes de abril do 81,67%, con 40.792 prestacións contributivas; 42.232 subsidios; e 46 rendas activas de inserción. Tan só o 50% son prestacións contributivas, o que fai alertar das dificultades que poden ter moitos fogares para chegar a fin de mes pola baixa contía das prestacións non contributivas.

 

Fuente: UGT-Galicia