UGT-Galicia valora a reunión co conselleiro de Emprego como unha primeira toma de contacto na que se lle trasladou a necesidade de apostar pola transversalidade do diálogo social e polo seu reforzo
O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, reuniuse hoxe co conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, nunha primeira toma de contacto tras o seu recente nomeamento.
Fecha: 07 May 2024
UGT-Galicia valora a reunión co conselleiro de Emprego como unha primeira toma de contacto na que se lle trasladou a necesidade de apostar pola transversalidade do diálogo social e polo seu reforzo
Santiago, 7 de maio de 2024.- O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, reuniuse hoxe co conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, nunha primeira toma de contacto tras o seu recente nomeamento.
Nesta xuntanza, o secretario xeral de UGT-Galicia trasladoulle ao titular de Emprego a necesidade de seguir mellorando os indicadores de emprego na Comunidade, xa que, aínda que os últimos datos do paro foron bos para Galicia, con taxas de afiliación á Seguridade Social que xa se aproximan ás que se rexistraban no ano 2008, aínda quedan cousas por mellorar, entre outras, as taxas de actividade, a parcialidade involuntaria e ir camiñando cara un escenario de pleno emprego e que este sexa de calidade.
En materia de diálogo social, Gómez apostou pola súa transversalidade e pola necesidade de reforzalo, sobre todo, en materias como políticas activas de emprego ou políticas sociais.
O secretario xeral de UGT-Galicia, nesta xuntanza, tamén saudou a proposta da Xunta de traballar por un pacto pola industria e a enerxía, sobre todo, nun contexto como o actual que, como apuntou José Antonio Gómez, debe camiñar cara un cambio de modelo produtivo, no que a industria, sobre todo os sectores con alto valor engadido, cobren protagonismo e que este camiño se faga sempre na senda da sostibilidade, para o cal, Galicia debe contar cunha estratexia enerxética na que sexa capaz de aproveitar as súas potencialidades para encarar os novos modelos enerxéticos pero sempre respectando a contorna.
Finalmente, o secretario xeral de UGT-Galicia tamén lle achegou ao conselleiro de Emprego a necesidade de traballar entre todos os axentes implicados para solucionar os desaxustes que puideran existir na actualidade entre a oferta e a demanda no mercado de traballo galego.