UGT-Galicia trasládalle parabéns á cidadanía galega pola celebración do seu Día e quere que esta data sirva para lembrar a todas as vítimas da COVID-19 e para recoñecer o traballo dos que estiveron en primeira liña

Fecha: 24 Jul 2020

Día da Patria galega 2020

UGT-Galicia trasládalle parabéns á cidadanía galega pola celebración do seu Día e quere que esta data sirva para lembrar a todas as vítimas da COVID-19 e para recoñecer o traballo dos que estiveron en primeira liña

Esta data tamén debe servir para demandar unha reconstrución social xusta na que ninguén quede atrás

Santiago, 24 de xullo de 2020.- Co gallo da celebración mañá, día 25 de xullo, do Día da Patria Galega, a Comisión Executiva de UGT-Galicia quere, en primeiro lugar, trasladarlle a toda a cidadanía galega parabéns pola celebración do seu Día. Aínda que este ano a celebración desta data, de seguro, será moi diferente pola actual conxuntura marcada pola pandemia sanitaria. Por iso, á marxe da celebración, este día debe servir para lembrar ás vítimas da COVID-19, para trasladarlle unha mensaxe de pesar ás súas familias e amigos, e para lembrar tamén a labor de todos aqueles traballadores e traballadoras que estiveron na primeira liña nos momentos máis difíciles, todas as persoas que nos coidaron, nos protexeron e nos deron de comer.

É dicir, unha data para a celebración pero tamén para a lembranza e o recoñecemento. O sentir polos falecidos permanece na memoria de todos e tamén o sentir por todos os que aínda están en proceso de recuperación e polos que padecen secuelas despois de ter superado o virus.

Unha data que tamén debe servirlle aos galegos para a reivindicación, para demandar un presente e un futuro mellor para Galicia e para os seus cidadáns, para o cal UGT-Galicia reivindica un plan de choque polo emprego de calidade para unha reconstrución social xusta.

Porque, os datos apuntan a que a recuperación se está a facer, no eido laboral, con contratos temporais e a tempo parcial, como se fixo na crise anterior, isto pode ser o foco de precariedade e pobreza laboral e esconder subemprego e economía somerxida.

Por iso, o Sindicato insta ao Goberno central e á Xunta a que estean vixiantes e tomen medidas para evitar unha recuperación baseada na precariedade e o subemprego, e negocien cos axentes sociais un plan de choque polo emprego de calidade para unha reconstrución social xusta.

Unha reconstrución que debe apostar por un novo país máis sustentable, produtivamente forte e fiscalmente xusto, acompañado todo dun pacto contra a precariedade laboral.

UGT reclama que se poñan as bases para que todos os elementos que fallaron non volvan fallar. Son coñecidos dabondo os recortes e as necesidades tecnolóxicas e persoais que teñen os servizos de saúde do país, ou a necesidade de mellorar os cocientes e a calidade do emprego nas residencias de maiores, onde as traballadoras estiveron até 24 horas durante semanas por 950 euros, arriscando as súas vidas. Isto non pode volver pasar.

Ademais, urxe un novo país máis sustentable, que respecte ao medio ambiente, que sexa capaz de determinar cales son os servizos que ten que ter como propios, que teñen que formar parte daquelas cuestións que o Estado non pode delegar, e que teña un sistema fiscal xusto que recade impostos.

Neste momento, resulta fundamental que todos aprendamos das leccións que nos deu a crise: a solidariedade con todas as vítimas e os seus familiares, que foron moitísimas neste país; o agradecemento aos que nos coidaron, arriscando as súas propias vidas sen os elementos suficientes para protexerse a si mesmos; e a concordia que tivemos como sociedade, a pesar das circunstancias, fuxindo da confrontación, do ruído e do odio.

UGT-Galicia reclama das forzas políticas un consenso que xa existe na sociedade civil para saír nas mellores circunstancias desta crise. O futuro pasa polo fortalecemento dos servizos públicos que son a gran ferramenta da que se dispuxo para loitar contra a COVID-19. Así, hai que desmontar a falacia das privatizacións que se nos vendeu e pola que case se afunde este país. Hai que insistir en demandar uns servizos públicos de calidade, con empregos de calidade e con financiamento suficiente. A día de hoxe estase lonxe dos obxectivos de converxencia coa UE: o gasto sanitario é o 6% do PIB galego, fronte ao 7,9% do resto da UE.

Por todo isto, UGT-Galicia avoga porque este 25 de xullo sexa unha data para a celebración de todos os galegos e galegas; para a lembranza dos que faleceron vítimas da COVID-19 e dos que aínda sofren as súas consecuencias; para o recoñecemento de todos os que non deixaron de traballar nos momentos máis difíciles para garantir os coidados, a saúde ou os alimentos; pero tamén debe ser unha data para a reivindicación, para demandar unha saída xusta desta crise na que non quede ninguén atrás e na que se senten as bases para un mercado laboral máis xusto e estable, unha economía fortalecida e uns servizos públicos con financiamento suficiente e de calidade.


 

Fuente: UGT-Galicia