UGT-Galicia saúda un preacordo que se centra na protección da saúde e o benestar laboral
UGT asina o preacordo do Plan integral 2026-2030 de mellora da prevención, do benestar laboral e a reincorporación saudable ó traballo en Galicia. UGT conseguiu cambiar o enfoque. Pasouse do control ao coidado
Fecha: 07 Ago 2026
UGT asina o preacordo do Plan integral 2026-2030 de mellora da prevención, do benestar laboral e a reincorporación saudable ó traballo en Galicia
UGT-Galicia saúda un preacordo que se centra na protección da saúde e o benestar laboral
UGT conseguiu cambiar o enfoque. Pasouse do control ao coidado
Santiago, 7 de agosto de 2026.- UGT-Galicia, xunto coa CEG e a Xunta, veñen de asinar o preacordo do Plan integral 2026-2030 de mellora da prevención, do benestar laboral e a reincorporación saudable ó traballo en Galicia. Este preacordo, froito do diálogo social, ve a luz despois dun intenso traballo nas mesas de negociación que se foron sucedendo ao longo destes últimos meses. Mesas nas que participaron, ademais de representantes de UGT-Galicia, da CEG e da Xunta, técnicos de diversos sectores e responsables de entidades relacionadas co amplo abano de circunstancias que rodean á protección da saúde e o benestar laboral.
Como apuntou o secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, na súa intervención hoxe tras a sinaturas do preacordo, o texto ratificado hoxe evidencia que o diálogo social é unha ferramenta útil, na que UGT sempre creu e pola que apostou para mellorar a vida das persoas traballadoras.
O punto de partida era incorrecto e inxusto e o logro foi cambiar o rumbo, pasando do control ao coidado
Para UGT-Galicia, o punto do que se partía nesta negociación, o control do absentismo, era incorrecto e inxusto, e, precisamente, para o Sindicato, o gran logro do traballo desenvolvido nestes últimos meses foi cambiar o enfoque, o rumbo desta negociación, pasando do control ao coidado, e centrar o documento e, polo tanto, os eixos de actuación na protección da saúde e o benestar laboral.
Para chegar a isto, ao longo das distintas fases do proceso, UGT presentou propostas, emendas e modificacións que conseguiron chegar a un documento de consenso. Neste senso, UGT traballou sempre coa premisa de que as persoas traballadoras que enferman non poden estar baixo sospeita, as persoas traballadoras non son o problema.
O problema está na sinistralidade laboral, na falta de prevención, nos riscos psicosociais, nos problemas de saúde mental, nos trastornos musculoesqueléticos, nas demoras sanitarias e nas dificultades que moitas persoas atopan para recibir atención e recuperarse adecuadamente.
Así, unha das principais achegas de UGT neste proceso negociador foi conseguir o cambio de enfoque, do control ao coidado. Isto fixo que o Plan evolucionase cara a prevención, o benestar laboral e a reincorporación saudable ao traballo.
Problemas estruturais
Para traballar neste Plan partiuse duns problemas estruturas facilmente identificables, as patoloxías dominantes son os trastornos musculoesqueléticos, saúde mental e procesos oncolóxicos e os factores que agravan o problema son o envellecemento da poboación traballadora, unha estrutura empresarial dominada por microempresas e pemes, demoras asistenciais e falta de coordinación e déficits na xestión das propostas de alta nas mutuas.
Tras esta análise, dende UGT-Galicia tíñase claro que os principios do plan deberían xirar sobre o benestar laboral, respecto dos dereitos das persoas traballadoras e rexeitamento de enfoques punitivos, prevención e mellora das IT e coordinación institucional entre Estado, comunidades autónomas, mutuas e empresas.
Tres eixes e 37 medidas
De aquí saíu o plan que hoxe se asina con tres eixes e 37 medidas. O primeiro eixe fala de reforzar a prevención e o benestar laboral, mellorando as condicións de traballo e construíndo contornas máis seguras e saudables. Para iso, haberá que reforzar o ISSGA, impulsar a negociación colectiva en materia de benestar laboral, programas de prevención avanzada, servizos de apoio psicolóxico e musculoesquelético para pemes, protocolos de reincorporación, entre outras medidas.
Outro dos eixes é a atención sanitaria e xestión da IT, poñendo o foco na recuperación das persoas traballadoras e na coordinación entre administracións. Para iso, o compromiso pasa por unidades especializadas en trastornos musculoesqueléticos e saúde mental, circuítos de recuperación funcional, reforzo da atención primaria, simplificación de trámites...
E o terceiro eixe céntrase na corresponsabilidade de todos os actores implicados pero cunha cuestión que, para UGT, é fundamental, con pleno respecto aos dereitos das persoas traballadoras.
18 millóns de orzamento e a maiores o previsto polo Sergas
Este plan desenvolverase dende o 2026 ata o 2030, aberto nesta último ano a unha nova planificación e conta cun orzamento mínimo de 18 millóns de euros, destinado á prevención e benestar laboral. A maiores, as medidas sanitarias está previsto que se financien dentro dos plans do Sergas.
Para UGT, este é o punto de partida para construír un modelo moderno de benestar laboral que permita que as persoas traballadoras enfermen menos, se recuperen antes e se reincorporen mellor.
Haberá unha mesa galega permanente de coordinación operativa que velará polo cumprimento e desenvolvemento do Plan, así como unha comisión tripartita de seguimento e o observatorio galego de benestar laboral e IT.
Xa nun eido interno, este preacordo deberá seguir un proceso de ratificación nos órganos correspondente de UGT.
Finalmente, hai que aclarar que o que hoxe se asina é un preacordo, que supón un avance substancial ao cambiar o enfoque inicial do que se partía e derivalo cara a prevención, a atención e o benestar laboral, e que deberá converterse en acordo cando se concreten as asignacións orzamentarias de 2027, polo tanto, a negociación continuará aberta.
UGT estará vixiante
Dende UGT-Galicia comprometémonos a traballar e estar vixiantes sobre o cumprimento do acordado.
O Sindicato, co acordado hoxe, ratifícase en que a negociación e os acordos son o camiño para a mellora das condicións laborais e de vida das persoas traballadoras, o resto, o ruído e a confrontación estériles non conducen a nada. UGT aposta por un sindicalismo útil, responsable e centrado en obter resultados que redunden na mellora das condicións sociais e laboral dos traballadores e traballadoras galegas.