UGT-Galicia saúda o dato do paro do mes de maio, aínda que alerta sobre a precariedade e temporalidade do emprego que se crea
Fecha: 08 Jun 2016

UGT-Galicia recoñece o bo dato do paro referido ao mes de maio, aínda que alerta que se continúa afondando na senda da precariedade e temporalidade dos meses anteriores. Un claro reflexo isto da estacionalidade do mercado laboral galego, vinculada a actividades ligadas á temporada de verán e primavera.
Unha precariedade que xa se está a converter nunha seña estrutural do mercado laboral deste país, debilitándose mes a mes o peso dos contratos indefinidos a tempo completo, aumentando a temporalidade e a parcialidade de carácter involuntario.
Pero é que a precariedade tamén se está a converter na seña de identidade daqueles que están en situación de desemprego cun descenso continuado dos beneficiarios das prestacións e das contías medias das mesmas.
Para UGT-Galicia, a recuperación do emprego está baseándose nun modelo produtivo xa caduco, cun carácter estacional que permite melloras en etapas vacacionais e que se sustenta en actividades de menos valor engadido que esixen menores niveis de cualificación, producindo empregos inestables e mal remunerados.
Urxe un cambio de modelo económico que se asente en actividades máis produtivas, que invista en innovación e industria, para o que resulta imprescindible un plan de choque polo emprego que xere empregos de calidade e con dereitos.
Neste contexto é fundamental, ademais, derrogar as reformas laborais de 2010 e 2012, xa que fomentan o despedimento e a desregulación.
Pasando a unha análise dos datos feitos públicos hoxe, estes evidencian que no mes de maio en Galicia rexistráronse un total de 220.464 desempregados, caendo un 3,4 por cento en relación ao mes anterior, 7.689 desempregados menos. Unha evolución máis favorable que no resto do Estado, no que o desemprego caeu un 2,99 por cento. Non obstante, detrás destas cifras, que a simple vista poderían parecer boas, hai unha realidade máis complexa, marcada pola precariedade do emprego e a temporalidade.
En relación a hai un ano, o paro baixou en Galicia un sete por cento, un 7,68 por cento no resto do Estado.
Detéctase unha forte contracción da poboación en idade de traballar pola saída de efectivos cara fóra e o retorno de inmigrantes aos seus países de orixe.
AS MULLERES TEÑEN MAIOR PESO NO DESEMPREGO
Por sexos, no mes, o desemprego caeu un 4,1 por cento entre os homes e un 2,76 por cento entre as mulleres. De novo, as mulleres volven ter maior peso no desemprego, acadando o 54,6 por cento do total.
Por idades, son 11.297 as persoas desempregadas menores de 25 anos, caendo neste sector da poboación o paro en relación a hai un mes nun 5,95 por cento. No ano a caída tamén é máis acusada que no total de idades, nun 13,76 por cento. A razón disto está na saída de efectivos da nosa comunidade na busca dun futuro mellor, así como, na falta de relevo xeracional.
O desemprego baixa en todos os sectores, con maior contundencia en termos relativos na construción, o 4,53 por cento, e en termos absolutos en servizos, en 5.093 persoas. En relación a hai un ano destaca a caída dos sectores da industria e construción, un 12,74 e un 13,37, respectivamente.
Os contratos incrementáronse nun 12,7 por cento, a causa do comezo da temporada estival. A pesar disto, os indefinidos si caeron, nun 0,42 por cento, medrando os temporais nun contundente 13,94 por cento. A porcentaxe de contratos indefinidos sobre o total no mes de maio é do 7,66 por cento.
UN TERZO DOS CONTRATOS DURAN MENOS DUNHA SEMANA
En Galicia fixéronse 76.567 contratos en tan só un mes, dos que 70.702 foron temporais. O que evidencia a precariedade destes contratos, xa que non se consolidan, e os altos niveis de rotación laboral. Neste senso, hai outro dato moi significativo, no mes de abril, último dato dispoñible, dos case 68.000 contratos iniciais, 22.906 duraron menos dunha semana, un terzo do total.
En canto á cobertura por desemprego, constátase que a cifra de beneficiarios de prestacións en Galicia é de 105.621 persoas. Estando o carácter contributivo desta prestación en mínimos, o 39,3 por cento do total. A taxa de cobertura é a día de hoxe do 50,41 por cento, acadando mínimos.
Hai 122.532 persoas en situación de desemprego sen ningún tipo de cobertura, o 53,7 por cento. Isto supón un forte risco de exclusión social para estas persoas e as súas familias. Evidénciase que, por moito que baixe o desemprego, a situación das persoas en paro empeora.
Por outra banda, os datos feitos públicos hoxe apuntan a unha media de afiliados á Seguridade Social en Galicia de 949.180, medrando no mes un 0,62 por cento. Evolución menos acusada que no resto do Estado, onde sube un 1,13 por cento. Aínda así, Galicia segue afastada do 1.100.000 afiliados de antes da crise.