UGT-Galicia reclama aproveitar os bos datos de emprego para culminar as reformas pendentes do mercado laboral
O sindicato valora a caída do paro e as baixas taxas de desemprego, en mínimos, pero insiste en reducir a xornada, mellorar os salarios, reforzar a protección fronte ao despedimento e afrontar con garantías as transicións verde e dixital
Fecha: 28 Jul 2026
UGT-Galicia reclama aproveitar os bos datos de emprego para culminar as reformas pendentes do mercado laboral
O sindicato valora a caída do paro e as baixas taxas de desemprego, en mínimos, pero insiste en reducir a xornada, mellorar os salarios, reforzar a protección fronte ao despedimento e afrontar con garantías as transicións verde e dixital
Santiago, 28 de xullo de 2026.- Os datos do segundo trimestre da EPA de 2026, publicados hoxe, rexistran en Galicia un incremento da ocupación en termos anuais, do 0,6%, aínda que unha baixada en relación ao trimestre anterior, contrariamente ao que sucede no resto do Estado. Pola súa banda, o número de persoas desempregadas redúcese en 14.800 persoas durante este trimestre, ata situarse nun total de 101.100. En consecuencia, a taxa de paro sitúase no 7,9%, e sitúase no seu nivel máis baixo para un segundo trimestre desde o ano 2008. En termos interanuais, o desemprego redúcese en 5.000 persoas, un 4,7% menos.
Aínda que estes resultados son positivos, segue sendo necesario reforzar a capacidade de redución do desemprego para absorber ás máis de 100.000 persoas que continúan en paro, especialmente no caso do desemprego de longa duración, que afecta a 35.100 persoas desempregadas. Esta cifra pon de manifesto as limitacións das actuais políticas activas de emprego, que deben mellorar o seu deseño e avaliación, e duns servizos públicos de emprego que necesitan maiores recursos e capacidades técnicas para ofrecer unha orientación personalizada e eficaz, especialmente mediante unha rede suficiente de profesionais especializados.
No que respecta á calidade do emprego, a taxa de temporalidade aumenta en 1,6 puntos durante este trimestre, ata situarse no 13,2%. Este incremento é habitual no segundo trimestre do ano como consecuencia da estacionalidade de determinadas actividades vinculadas á tempada estival. No entanto, o dato continúa situándose moi por baixo dos niveis previos á reforma laboral de 2021 e confirma o cambio estrutural producido no mercado de traballo español. Concretamente esta taxa de temporalidade atópase 10,9 puntos por baixo da rexistrada en 2021, cando alcanzaba o 24,1%. A reforma laboral permitiu reducir de xeito substancial a temporalidade e avanzar cara un mercado de traballo máis estable, aínda que resulta necesario seguir actuando sobre as formas de precariedade que aínda persisten.
Precisamente, a boa marcha do mercado laboral sitúanos nas mellores condicións para acometer, con urxencia, as transicións que deben prepararnos para o mercado de traballo do futuro. Unha delas é a transición verde, que observamos estes días con especial preocupación ante a cantidade de incendios que arrasan o noso país e que demostran ata que punto é necesario adaptar España para os efectos do cambio climático. Esta adaptación debe alcanzar tamén ao mercado de traballo, tanto na protección das persoas traballadoras fronte aos riscos climáticos como no acompañamento dos sectores e territorios afectados pola transformación ecolóxica.
Xunto a ela, a transición dixital e, en particular, a introdución da intelixencia artificial, que xa está a marcar as relacións laborais. O seu despregamento debe gobernarse con transparencia, participación sindical e negociación colectiva, de xeito que a tecnoloxía se poña ao servizo dun emprego de máis calidade e non de novas formas de precariedade ou de control inxustificado das persoas traballadoras.
Os datos da EPA mostran que a positiva evolución do emprego debe ir acompañada de novas transformacións que permitan mellorar as condicións de traballo e a calidade de vida das persoas traballadoras. Neste sentido, resulta prioritario reducir a xornada laboral máxima ata as 37,5 horas semanais, unha medida que permitiría mellorar a conciliación e o tempo de vida, alén de contribuír a unha mellor organización do traballo e a ganancias de produtividade.
Así mesmo, a parcialidade continúa sendo elevada e, nunha parte moi importante dos casos, non responde a unha verdadeira elección das persoas traballadoras. Neste trimestre, a parcialidade involuntaria afecta ao 43,8% das persoas que traballan a tempo parcial, o que significa que practicamente a metade destas persoas non traballan a xornada completa porque non atopan un emprego con esas características.
Esta situación evidencia a necesidade de seguir actuando para evitar o uso fraudulento ou abusivo da contratación a tempo parcial e garantir que as persoas traballadoras poidan acceder a empregos cunha xornada suficiente para obter ingresos adecuados e desenvolver un proxecto de vida digno.
Doutra banda, a regulación do despedimento continúa sendo unha cuestión pendente en España. A protección fronte ao despedimento inxusto e ilegal debe garantir unha reparación adecuada e íntegra para as persoas traballadoras afectadas, en liña coa Carta Social Europea e cos pronunciamientos do Comité Europeo de Dereitos Sociais. Por iso, UGT reclama unha reforma que restableza a equidade nesta materia e garanta unha protección efectiva fronte ao despedimento improcedente.
Así mesmo, a pesar dos bos datos, subsisten problemas estruturais que non poden perderse de vista: uns salarios baixos que lastran a capacidade adquisitiva das persoas traballadoras. Por iso, é necesario impulsar un novo Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva que permita continuar elevando os salarios e asegurar unha distribución máis equitativa dos incrementos de marxes e beneficios empresariais. Impulsar o crecemento dos salarios resulta imprescindible se queremos que a mellora económica e do emprego chegue ao conxunto da nosa sociedade e se queremos mantela no tempo. A importancia da subida salarial faise especialmente evidente, ademais, no mercado da vivenda, onde o encarecemento dos prezos está a absorber unha parte crecente dos ingresos dos fogares traballadores.
En resumo, os datos da EPA do segundo trimestre de 2026 confirman a fortaleza do mercado laboral. Con todo, persisten desafíos estruturais que requiren dun impulso reformador adicional. A parcialidade non desexada, o desemprego de longa duración, a necesidade de seguir mellorando a protección fronte ao despedimento e a mellora dos salarios continúan sendo cuestións pendentes. A estas prioridades debe engadirse a redución da xornada laboral máxima, unha medida fundamental para mellorar a conciliación, o tempo de vida e a calidade do emprego. E, xunto a todo iso, a boa marcha do emprego debe aproveitarse para acometer con urxencia as transicións verde e dixital —incluída a gobernanza da intelixencia artificial— que preparen ao noso país para o mercado laboral do futuro.
Radiografía da EPA en Galicia
Os datos amosan que hai en Galicia 6.500 ocupados máis con respecto ó mesmo trimestre do ano anterior (un 0,6%) e, en relación ó primeiro trimestre de 2026, hai 6.100 ocupados menos, o que supón unha baixada do 0,5%.
Aínda que a EPA amosa un bo comportamento da situación laboral desta Comunidade, Galicia segue presentando peculiaridades dun mercado laboral pouco dinámico, cunha taxa de actividade de tan só o 53,02%, fronte ó 59,29% do resto do Estado.
Interanualmente, o paro baixou en 5.000 persoas, o que supón o 4,7%. E, en relación ó trimestre anterior, o desemprego tamén baixou, un 12,8%, en 14.800 persoas.
Así, a taxa de paro queda en Galicia, con 101.100 persoas desempregadas, no 7,9%. No caso dos homes esta taxa é do 8,4% e do 7,5% no caso das mulleres, en ambos casos rexístranse mínimos históricos. Entre os menores de 25 anos esta sube ata o 26,9%.
Por sectores, con respecto ao trimestre anterior, a ocupación baixa en todos, excepto en servizos, no que sobe nun 0,1%, en 700 persoas. Pola contra, baixa no primario, nun 3,4%, en 2.300 persoas; na industria, nun 1,3%, en 2.500 persoas; e na construción, nun 2,5%, en 2.000 persoas.
Hai en Galicia un total de 966.200 asalariados, subindo con respecto ó trimestre anterior en 7.800 (0,8%) e ó ano soben en 6.900 (0,7%).
A reforma laboral segue a dar os seus froitos cunha taxa de temporalidade que se sitúa no 13,2%. Dáse un aumento, en relación ao mesmo trimestre do ano anterior, da poboación asalariada con contrato indefinido, do 1,8%.
O que si hai que salientar é que a parcialidade segue a estar en niveis altos, do 12,8%, sendo o 43,8% da mesma de carácter involuntario, este último é un dato do Estado.
35.100 persoas paradas de longa duración. A protección social resulta imprescindible
Outro dos nubarróns da radiografía da situación do emprego en Galicia é a situación do paro de longa duración.
Das 101.100 persoas que están no desemprego, 35.100 levan máis dun ano nesta situación.
Resulta evidente que o paraugas da protección social é imprescindible para que ninguén quede atrás neste país.