UGT-Galicia presenta o seu 12º Congreso que celebrará en Santiago o vindeiro venres e sábado
Fecha: 09 May 2016

A secretaria de Organización e Área Interna, Irene Martínez; o secretario de Política Sindical, Relacións Laborais e Formación, José Domingo Barros; e o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, presentaron hoxe ante os medios de comunicación o 12º Congreso de UGT-Galicia que se vai celebrar os días 6 e 7 de maio no Pazo de Congresos de Santiago (San Lázaro).
Neste Congreso, como máximo órgano de dirección do Sindicato, renovaranse os órganos de dirección e control de UGT-Galicia, marcaranse as prioridades de acción sindical para derrogar as reformas lesivas impostas e repoñer os dereitos e liberades e decidiranse cambios profundos, os maiores dende o ano 1979, para poñer en marcha unha nova estrutura organizativa, máis sinxela, máis asentada nos centros de traballo, máis eficiente e fortemente sectorializada. Así, pasarase de seis a tres federacións (produción de bens e servizos, servizos e mobilidade e servizos públicos) e de 8 a 7 unións territoriais.
Avanzar cara á constitución de tres Federacións (producción de bens e servizos, Servizos e mobilidade e Servizos Públicos), dende as seis actuais, non é un proceso de centralización, senón que vai ser un proceso de descentralización. Os sectores teñen que ser o instrumento fundamental de acción sindical das nosas Federacións. Non son fusións, é un proceso de sectorialización das nosas organizacións.
Temos que utilizar esa forza que temos nos grandes centros de traballo para protexer aos traballadores e traballadoras das pequenas e medianas empresas que traballan nelas.
Deste Congreso sairá unha UGT máis austera, transparente e eficaz. Unha Organización con maior transparencia no reforzo dos mecanismos de control e maiores niveis de autoesixencia das persoas dirixentes.
A secretaria de Organización e Área Interna do Sindicato apuntou na súa intervención á importante e necesaria labor desenvolvida polos sindicatos e, sinaladamente, por UGT nos seus 128 anos de historia, 37 no caso de UGT-Galicia. Os últimos foron anos complexos e delicados, coincidindo cun contexto de crise económica, seguida dunha crise laboral e social e, finalmente, institucional, á que o Sindicato non pode ser alleo.
Mais, a pesar de todo isto, a “Unión está en pé”, precisamente, é este o lema do 12º Congreso de UGT-Galicia. E está en pé para poñer voz a quenes máis o necesitan, está en pé para loitar por unha saída xusta da crise, está en pé para defender a creación de emprego de calidade, para recuperar os salarios, para recuperar dereitos e liberdades, está en pé para para reivindicar e conquerir mellores condicións de vida e de traballo e está en pé para avanzar colectivamente en democracia e solidariedade.
Neste 12º Congreso están convocados 300 delegados e delegadas, 195 en representación das federacións e 105 das unións, sendo, deste total, 124 mulleres, o que supón o 40,32 por cento.
Este Congreso convocouse con 53.318 mandatos e revalidando a posición de primeira forza sindical en Galicia que ocupa dende o ano 1990, con 4.430 delegados e delegadas nas empresas, o que supón unha representación do 35,13 por cento.
Indicou que o Congreso contará coa presenza da Comisión Executiva Confederal de UGT, concretamente, o día da apertura, o 6, intervirá a secretaria de Políticas Sociais, Emprego e Seguridade Social de UGT, Carmen Barrera, e na clausura do secretario xeral, Pepe Álvarez.
Tamén asistirá unha representación de UGT doutras comunidades autónomas e das federacións estatais, así como, de UGT de Portugal.
Pola súa banda, José Domingo Barros, explicou que o venres pola tarde traballarase en tres mesas ao redor dos Estatuos, Normativa interna e o Programa de Acción. Neste último deseñarase a actividade da organización tendente a producir un cambio de políticas e decidimos esixir poñer fin á política de austeridade que practican moitos dos gobernos que nos son comúns. Apostaremos pola flexibilización do déficit e por priorizar a loita contra a pobreza, con políticas de redistribución da renda de xeito máis xusto.
En torno a tres eixes de intervención:
emprego de calidade,
eliminación das desigualdades e o fortalecemento do Estado de Benestar,
potenciación dos servizos públicos fundamentais.
A ferramenta fundamental para poder desenvolver estes eixes debe ser o diálogo social, tanto cos empresarios como cos poderes públicos. Un diálogo útil e necesario para reverter as reformas laborais de 2010 e 2012; derrogar o artigo 315.3 do Código Penal, que criminaliza o dereito de folga; e reverter a Lei de Seguridade Cidadá (lei mordaza).
Os obxectivos son claros: crear emprego estable, fomentar a igualdade de trato e oportunidades, reforzar a protección social e o rescate ás persoas que máis sufriron a crise, reforzar a negociación colectiva, desenvolver a Lei de Participación Institucional de Galicia e propiciar un cambio de modelo produtivo, entre outras cuestións.
Finalmente, o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, apuntou que “afrontamos este Congreso con responsabilidade e con ilusión”. Fixo fincapé que “A Unión en pé”, a pesar de todo o que ten acontecido nestes últimos anos, segue viva. Non obstante, hai que facer cambios para conseguir unha organización máis eficaz, na defensa dos traballadores, e eficiente, nos servizos que se prestan.
Incidiu en que o paso das seis ás tres federacións obedece á necesidade de chegar mellor ás pequenas e medianas empresas, que os recursos dos que dispón o Sindicato vaian a esta fin.
Os eixos centrais de traballo do Congreso serán emprego de calidade, eliminación das desigualdades, fortalecemento do estado de benestar, potenciar os servizos públicos esenciais.
Neste Congreso insistirase en demandar un cambio de modelo produtivo. A industria ten que ser o eixo fundamental. Galicia conta con recursos endóxenos suficientes pero ten que potenciar o traballo de dotar, a través do I+D+i, de valor engadido ao que se produce.
Hai que restituír o valor e contidos básicos dos servizos públicos e do estado de benestar cada vez máis deteriorado. Na súa intervención demandou un investimento claro en servizos sociais, “estamos fartos de cheques e limosnas, demandamos uns servizos públicos de calidade”.
Tamén insistiu en que UGT, dende o ano 1990, é a primeira forza sindical en Galcia, a pesar da baixada de delegados que afecta a todas as forzas pola situación de crise.
Xa para concluír a rolda de prensa, o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, anunciou que se presentará á reelección.