UGT Galicia: «O absentismo non é un cancro, o que enferma ás persoas traballadoras é a falta de prevención e o deterioro da sanidade pública»
Sétima reunión da Mesa de Diálogo Social en Galicia sobre a xestión das baixas laborais
Fecha: 09 Jul 2026
UGT Galicia: «O absentismo non é un cancro, o que enferma ás persoas traballadoras é a falta de prevención e o deterioro da sanidade pública»
Sétima reunión da Mesa de Diálogo Social en Galicia sobre a xestión das baixas laborais
Santiago, 9 de xullo de 2026.- UGT Galicia participou hoxe na sétima reunión da Mesa de Diálogo Social sobre a xestión das baixas laborais, coa participación de Patricia Ruiz, en representación confederal de UGT.
No actual contexto de debate público sobre o absentismo laboral, UGT Galicia considera necesario introducir rigor e responsabilidade. O absentismo non é un cancro. O que enferma ás persoas traballadoras é a falta de prevención, a sobrecarga de traballo, os riscos psicosociais, as listas de espera e o progresivo deterioro da sanidade pública.
Tras sete reunións de diálogo social, o diagnóstico é claro. As baixas laborais non se reducen cuestionando ás persoas que enferman nin xerando sospeitas sobre quen se atopa en incapacidade temporal. Redúcense actuando sobre as causas: mellorando as condicións de traballo, reforzando a prevención de riscos laborais, investindo en saúde laboral e dotando de máis recursos ao sistema público sanitario.
As recentes declaracións do presidente do Partido Popular, Alberto Núñez Feijóo, non deberían desviar o foco do verdadeiro debate. O problema non son as persoas traballadoras que enferman; o problema é por que enferman e que estamos facendo como sociedade para evitalo.
UGT Galicia leva meses defendendo exactamente esta posición na Mesa de Diálogo Social. Un espazo no que é o único sindicato que continúa participando, convencido de que os dereitos das persoas traballadoras deféndense negociando, facendo propostas e influíndo nas decisións, non desde a confrontación permanente nin desde a ausencia.
O diálogo social non consiste en aceptar calquera medida. Consiste en evitar retrocesos, construír consensos e impulsar solucións eficaces. Por iso, UGT Galicia seguirá defendendo unha estratexia baseada na prevención, no reforzo da sanidade pública, na redución da sinistralidade laboral e na mellora das condicións de traballo, porque esa é a única forma seria de reducir as baixas laborais sen recortar dereitos.