UGT-Galicia mobilízase en favor da igualdade

Con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, UGT-Galicia chama a participar nos diversos actos e paros laborais que terán lugar durante estes días ata o 8 de marzo, baixo o lema "# VivasLibresUnidas", para loitar Pola Igualdade.


Actos como reunións cos partidos políticos para presentarlles o manifesto, as nosas propostas nesta materia e lograr a súa adhesión; asembleas conxuntas nas distintas empresas; mocións promovidas polo sindicato nos distintos Concellos; ou charlas-coloquio.


Ademais, desde UGT-Galicia elaboráronse os informes sobre Brecha Salarial e sobre a situación sociolaboral das mulleres en Galicia. Con carácter previo ao 8 de marzo realizaranse en todas as Unións Comarcais os actos de recoñecemento ao traballo sindical das nosas compañeiras e o mesmo día 8 de marzo, producirase unha folga xeral de dúas horas por quenda (de 0:00 a 2:00 horas na quenda de noite, de 12:00 a 14:00 na quenda de mañá e de 19:30 a 21:30 na quenda de tarde) nas empresas, pola mañá convocaranse diversas concentracións e pola tarde facemos un chamamento a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista nas distintas cidades galegas.


Todo iso co obxectivo de rexeitar a desigualdade e a discriminación que sofren as mulleres no mercado laboral, e en particular, a brecha salarial; denunciar a cronificación do desemprego feminino no noso país; opoñerse frontalmente á violencia machista e a insuficiencia de medidas para a protección das mulleres que sofren violencia de xénero; e rexeitar a insuficiencia das políticas de igualdade de xénero do Goberno do noso país.


E na esixencia de máis medidas do Goberno en favor da igualdade, como a aprobación efectiva dunha Lei de Igualdade Salarial; máis plans de igualdade nas empresas; un plan de choque polo emprego que fomente empregos e salarios igualitarios e unha maior sensibilización social, política e económica en favor da igualdade.  

Cartel_A3_ManisConcent_8M_2018.jpg

Fuente: UGT-Galicia