UGT-Galicia insta á Xunta a que aproveite os Orzamentos de 2018 para garantir un compromiso real co emprego, a economía e os servizos públicos
Fecha: 28 Jun 2017

Mentres a recuperación é unha quimera para os traballadores, as contas públicas tanto do Goberno central como do galego danlle as costas ás familias
Unha vez máis, o Comité Nacional de UGT-Galicia, reunido hoxe en Santiago denunciou que, a pesar de levar tres anos de crecemento do PIB e cunha expectativa de que continúe medrando, a percepción entre as familias traballadoras non é tan halagüeña, e as propias estatísticas oficiais mostran que o crecemento da economía non se está repartindo por igual entre toda a poboación.
Aínda que a riqueza xerada recuperou xa os niveis previos á crise e os beneficios empresariais superaron ese nivel pre crise, nin a cantidade de empregos, nin a súa calidade, nin a renda dos traballadores alcanzaron devandito nivel.
A reforma laboral supuxo, ademais, unha deterioración da calidade do emprego mediante fórmulas de flexibilidade que están a facer desaparecer de maneira acelerada o concepto de emprego estable e con dereitos. Apenas o 48 por cento das persoas asalariadas teñen un contrato indefinido a tempo completo mentres a recuperación do emprego a están a protagonizar os contratos a tempo parcial e os temporais. Ademais, as vantaxes dadas á subcontratación fan proliferar as empresas multiservizos que estenden a precariedade e tiran dos salarios á baixa, amparándose na reforma laboral e vulnerando a aplicación dos convenios sectoriais.
Neste contexto, as traballadoras e traballadores pobres e o número de persoas que caen baixo do limiar da pobreza e a exclusión social esténdense, consolidando a fractura social e a sociedade dual.
Se a iso engadímoslle os efectos da imposta reforma das pensións da pasada lexislatura, o número de persoas excluídas da recuperación aumenta espectacularmente.
Galicia: A recuperación unha quimera
En Galicia no primeiro trimestre do ano 2017 hai un aumento do PIB do 3,1%, segundo os últimos datos publicados de Contabilidade Rexional do Instituto Galego de Estatística. Un aumento desta contía no primeiro trimestre do ano non se producía dende o ano 2008. Pero este crecemento no vai acompañado dunha recuperación no emprego. Así, no primeiro trimestre deste ano, o emprego medra o 1,22%, 12.500 persoas máis ocupadas, nun mercado laboral moi reducido, con tan só 1.033.600 persoas ocupadas. Estamos moi lonxe do 1.200.000 empregos existentes antes da crise.
No último trimestre cae o emprego asalariado indefinido (-0,7%) e medra o 3,7% o temporal. Así, compróbase a tendencia crecente da taxa de temporalidade existente no mercado laboral galego, que acada o 25,8%.
A perda de emprego acaecida no período de crise, en máis de 166.000 empregos na nosa comunidade, aínda está ben lonxe de ser recuperada.
A taxa de paro, segundo o último dato publicado na EPA, é do 17,4%, o Goberno galego a pon de referente ao ser inferior á da media estatal (18,75%) e á doutros contextos pero non conta toda a verdade, xa que a taxa de paro na nosa comunidade é máis baixa porque hai unha perda de poboación activa.
O paro de longa duración segue a ser unha lacra. Hai na actualidade 110.000 paradas e parados que levan no desemprego máis dun ano pero o verdadeiro drama está en que destes últimos 84.000 levan máis de dous anos nesta situación e ao redor de 50.000 persoas desempregadas levan máis de catro anos na procura de emprego. Son 74.000 os fogares nos que todos os seus membros están no paro e 36.800 fogares nos que non hai ningunha persoa perceptora de ingresos.
Ante estes niveis de desemprego hai unha clara falta de apoio cara as persoas desempregadas tanto do Goberno estatal como autonómico. A taxa de cobertura de protección das persoas desempregadas está en mínimos, tan só 95.212 persoas perceptoras, o que supón unha cifra mínima.
O balance da crise tamén é claro no referente á distribución das rendas, o empresariado, curiosamente nunha etapa de crise, gañou máis, a súa renda pasa de representar o 45% en 2008 ao 46,5% no de 2016.
Con este escenario descrito, está claro que o deterioro da calidade de vida da cidadanía é cada vez maior. Así, a taxa de risco de pobreza ou exclusión social (estratexia Europa 2020) en Galicia é do 25,4% da poboación (dato INE: Enquisa de condicións de vida 2016).
Pero non só hai desigualdade entre traballo e capital, senón que dentro das persoas asalariadas prodúcese un incremento das que perciben menores salarios, caída dos salarios medios, e aumento das persoas asalariadas con maior remuneración. Non podemos esquecer que 310.093 asalariados e asalariadas galegas (o 31,2% do total) declaran un salario medio inferior ou igual ao SMI.
As contas públicas: Continúan as políticas de austeridade
E coas anteriores cifras hai para este ano 2017 un orzamento da Xunta de Galicia destinado a emprego insuficiente, que aínda que medra o 15,3% con respecto ao ano anterior, non recuperou os valores previos á crise. Se no ano 2008 o orzamento para esta función era de 378,7 millóns de euros, para o ano 2017 é de 241,9 millóns de euros.
No referente aos Orzamentos Xerais do Estado, e a pesar da tan cacareada recuperación económica, estes reinciden na anemia das contas públicas, sen contar coas propostas sindicais nin facer un mínimo xesto de negociación cos axentes sociais.
Continúa a perda de poder adquisitivo de empregadas e empregados públicos, os pensionistas e as persoas paradas que teñen sorte de contar con algunha prestación.
O Goberno de España no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado para este ano 2017 amosa un total desprezo cara a nosa comunidade. Caen os recursos para Galicia claramente. Un 15,3% menos de recursos con respecto a 2016. Hai unha contracción do investimento do sector público estatal do 32,2% para a nosa comunidade, 440 millóns de euros menos. Ao pasar de 1.363,95 millóns de euros en 2016 a 924,64 millóns de euros para 2017. Perdemos peso sobre o total de investimento do Estado (rexionalizable) ao pasar dun peso do 12,34% ao 10,8%.
A maioría absoluta do PP en Galicia tradúcese en perda de recursos para a nosa comunidade. Unha total falta de defensa por parte do goberno galego dos intereses de todas e todos nós.
Diálogo social
UGT cre no diálogo social como ferramenta para resolver os problemas das persoas traballadoras. Por iso empeñouse en recuperar un nivel normalizado de interlocución social.
O diálogo social co empresariado centrouse en fixar criterios salariais para o ano 2017 e en abordar acordos máis ambiciosos que recuperen a autonomía colectiva, para anos sucesivos. Neste senso, a actitude miope da patronal está a impedir un acordo que permita compasar os crecementos salariais á propia marcha da economía e que aseguren ás traballadoras e traballadores contra novas perdas de poder adquisitivo. O sindicato considera imprescindible que a referencia salarial que salga dun posible acordo teña un límite mínimo que impida unha negociación salarial á baixa nos sectores menos articulados e con menor capacidade de presión.
Tamén pretendemos, aínda que resulte difícil, manter aberto o diálogo tripartito con Goberno e empresariado. Temas como a sustentabilidade do sistema de pensións, a formación, as políticas sociais e o emprego merecen os nosos mellores esforzos pero haberá que abordar tamén unha reformulación integral da lexislación laboral que devolva forza á negociación colectiva e dereitos ás traballadoras e traballadores.
Neste caso, ademais, hai que esixir que as maiorías parlamentarias alternativas que poden formarse que sexan capaces de forzar unha ruptura da liña vermella trazada polo Goberno, que pasa polo mantemento das reformas impostas durante a pasada lexislatura.
Na nosa Comunidade é preciso un cambio das políticas económicas aplicadas que consolide un novo modelo de crecemento máis equilibrado e sostible, xerador de emprego de calidade, á vez que é urxente a diminución das desigualdades.
Os orzamentos de 2018 debería deberían supoñer un punto de inflexión para este cambio de modelo. A Xunta ten que ser garante dos dereitos laborais e sociais nos procesos de contratación pública, para elo o Sindicato proporá á Xunta de Galicia que na Lei de medidas de acompañamento ós orzamentos se incorporen cláusulas sociais, respecto ás condicións laborais e dereitos das persoas traballadoras na contratación pública de obras e servizos.
É necesario tamén un plan de choque polo emprego vinculado tanto ao crecemento como á cobertura das necesidades sociais que debe ter como obxectivo dar oportunidades de emprego aos colectivos con máis dificultades.
UGT-Galicia tamén demanda un plan industrial de carácter estratéxico con instrumentos tanto sectoriais como territoriais que persiga a meta de recuperar o nivel de actividade e de emprego perdido, apostando por consolidar actividades e empresas nas que Galicia ten xa presenza e no impulso de novos sectores industriais. É prioritario fortalecer o desenvolvemento da industria en Galicia, co obxectivo marcado pola UE de acadar o 20% do PIB en 2020.
Tamén urxe dinamizar as zonas rurais con medidas que faciliten o relevo xeracional e a instalación da mocidade. Os servizos públicos teñen que recuperar o seu papel de piar do Estado de benestar, distribuidor da riqueza e garantes da cohesión social e, para elo, o Sindicato demanda en Galicia un Pacto pola Educación, a Sanidade, a Xustiza e os Servizos Sociais.
Para todo isto é precioso que o Goberno galego, dentro da capacidade fiscal propia e transferida, introduza criterios de equidade e unha maior capacidade financeira cara o tecido produtivo e a cidadanía galega. É preciso un sistema tributario potente en termos de recadación no que proporcionalmente pague máis quen de máis recursos económicos dispoña.
Resolucións contra o peche de centros educativos, para poñer freo ás empresas multiservizos e de apoio aos traballadores do transporte de viaxeiros, das empresas de seguridade privada, do metal e do Popular
Por outra banda, o Comité Nacional de UGT-Galicia, reunido hoxe en Santiago, aprobou por unanimidade seis resolucións de urxencia.
Unha na que se denuncia o peche arbitrario e unilateral, sen informar previamente aos membros da comunidade educativa, por parte da Xunta dos centros CPI Monte Caxado de As Pontes; o CEIP Emilio Navasqües de Outes; o CEIP da Ribeira de Porriño e tamén decidiu eliminar as ensinanzas da etapa secundaria obrigatoria no CPI Tomás de Lemos de Ribadavia. Ao respecto, o Comité Nacional traslada a súa solidariedade e apoio á comunidade educativa afectada e esixe á Consellería unha explicación e a asunción das responsabilidades pertinentes.
Nunha segunda resolución, o Comité Nacional esixe, en base ás resolucións emanaas do 42 Congreso de UGT e do Comité Confederal do Sindicato, que non se promovan convenios colectivos en empresas multiservizos que son sempre símbolo de precariedade laboral. Pola contra, o Sindicato aposta por potenciar e dar prioridade aos convenios sectoriais e aos de empresas de servizos especializadas, evitar a competencia desleal baseada no abaratamento dos custes laborais das multiservizos e involucrar á Inspección de Traballo para que comprobe as súas condicións laborais.
O Comité tamén respaldou dun xeito unánime aos traballadores do sector do transporte de viaxeiros por estrada de Galicia que están en folga indefinida, os martes e mércores, dende a pasada semana para denunciar a imposición por parte da Xunta dun plan de ordenación do transporte de Galicia que suporá a perda de 1.000 postos de traballo no sector e a precarización laboral volvendo a vista 30 anos atrás.
Tamén recibiron o apoio e solidariedade do Comité Nacional os traballadores do sector da seguridade privada que veñen de abrir un calendario de mobilizacións pola negociación do seu convenio colectivo e para demandar unha contratación pública digna e en contra da precariedade laboral do sector.
Outra das fronte abertas nesta Comunidade e que tampouco foi allea ao Comité foi o proceso de venda do Banco Popular ao Banco Santander. Ao respecto, o Comité, ademais de amosar o seu apoio aos traballadores afectados, fai un chamamento para que o proceso conte coas medidas necesarias para evitar a perda de máis empregos nun sector que xa perdeu máis de 80.000 postos de traballo dende o ano 2008. Tamén se reclamou o mantemento da marca Banco Pastor, xa que isto suporía un menor impacto para o emprego no proceso de fusión e permitiría á poboación galega obter un mellor acceso aos servizos financeiros, redundando nun maior desenvolvemento económico e social da nosa Comunidade.
Finalmente, o Comité Nacional de UGT-Galicia aprobou unha resolución de urxencia de apoio aos traballadores do metal da provincia de A Coruña que se atopan inmersos nun proceso mobilizador no que xa van dúas xornadas de folga como consecuencia do bloqueo da negociación do convenio colectivo.