UGT-Galicia esíxelle ao novo Goberno da Xunta un cambio de orientación de políticas económicas para xerar máis crecemento, emprego de calidade e a diminución das desigualdades

Para a Comisión Executiva de UGT-Galicia, non importa tanto a estrutura do novo Executivo, que hoxe tomou posesión, como a necesidade de que este asuma os cambios necesarios para mudar o rumbo da situación actual e tratar de consolidar un cambio das políticas económicas, co obxectivo de garantir un novo modelo de crecemento máis equilibrado e sostible, xerador de emprego de calidade e que avance na diminución das desigualdades.

UGT-Galicia urxe ao novo Goberno da Xunta a que asuma unha serie de eixos de actuación que pasan por un plan de impulso da actividade económica, cambiando austeridade por crecemento; un plan de emprego vinculado tanto ao crecemento como a cobertura de necesidades sociais; un plan industrial de carácter estratéxico e de catro anos; un plan estratéxico de infraestruturas; un plan de ingresos públicos que recupere unha parte do perdido dende o 2009; un plan de incremento do gasto social para rexenerar os recursos destinados a sanidade, educación, a protección das persoas dependentes, a protección social e as políticas de igualdade e todo o que conforma o denominado estado de benestar.

Neste contexto, é necesario un novo modelo fiscal máis xusto e progresivo. Unhas contas públicas ao servizo das persoas nas que a Xunta renuncie á austeridade e utilizar os incrementos dos ingresos como fórmula para mellorar a sustentabilidade das contas públicas e non actuar sobre os gastos públicos.

A aposta polo emprego de calidade debe ser prioritaria, o que esixe un cambio das políticas de emprego porque as actuais xa demostraron a súa ineficacia. As políticas activas de emprego deben destinarse a elevar a empregabilidade das persoas desempregadas, non a bonificar a contratación das empresas.

A loita contra a pobreza tamén debe ser un obxectivo e, para iso, hai que traballar na liña da recuperación das prestacións sociais.

O desequilibrio das mulleres no mercado laboral esixe dun Plan galego de emprego feminino, xunto con políticas activas de emprego máis efectivas, o desenvolvemento lexislativo dos plans de igualdade, unha lei de igualdade salarial e establecer unha conciliación corresponsable.

En materia de seguridade e saúde laboral, demándanse estes dous aspectos como un dereito fundamental e, para garantilo, é preciso promover a implantación de políticas preventivas.

A DEFENSA DOS SERVIZOS PÚBLICOS DEBERÍA SER PRIORITARIA NESTA LEXISLATURA. URXE UN PACTO POLA EDUCACIÓN, A SANIDADE, A XUSTIZA E OS SERVIZOS SOCIAIS

A defensa dos servizos públicos é prioritaria nesta lexislatura. Sanidade, educación, servizos sociais, transporte, seguridade, vivenda, xunto cos sistemas de seguridade social ou de pensións e protección do desemprego constitúen a base do estado de benestar. Neste senso, urxe un pacto pola educación, a sanidade, a xustiza, os servizos sociais e os servizos públicos en xeral.

No eido produtivo, urxe salvar o sector primario a través dun modelo racional e rendible de produción leiteira, de explotación racional do monte e de ocupación laboral na vixilancia e extinción para salvar o sector e deter o proceso de desertización do campo.

No sector pesqueiro as políticas deben abordar a situación dos descartes, facer unha aposta de país para manter a pesca artesanal e a acuicultura pode ser unha das actividades que complementen a pesca extractiva.

PLAN INDUSTRIAL ESTRATÉXICO E INCREMENTO DO INVESTIMENTO EN I+D+I

A política industrial debe ser recuperada como elemento esencial do novo modelo de desenvolvemento sostible, prestando atención aos sectores máis dinámicos e aos de maior valor engadido e contido tecnolóxico, fomentando a innovación e apostando pola formación. Neste senso, urxe un plan industrial de carácter estratéxico que persiga recuperar o nivel de actividade e de emprego perdido, acadando o 20 por cento cento do PIB en 2020.

Todo isto debe ir acompañado do incremento do investimento en I+D+i porque esta é a clave para crear emprego de calidade. Hai que avanzar na estratexia da UE de destinar o 2 por cenTo do PIB a esta materia.

OS ORZAMENTOS DE 2017 DEBERÍAN CONVERTERSE NUN INSTRUMENTO AO SERVIZO DO DEMANDADO CAMBIO DE ORIENTACIÓN DE POLÍTICAS

Para garantir que o demandado cambio de orientación de políticas se faga efectivo, o novo Executivo ten nos Orzamentos de 2017 o instrumento clave. As contas públicas do vindeiro exercicio deberían orientarse para garantir un novo modelo de crecemento máis equilibrado e sostible, xerador de emprego de calidade e que avance na diminución das desigualdades.

Fuente: UGT-Galicia