UGT-Galicia e a Fundación Luís Tilve celebraron hoxe en Santiago unha emotiva homenaxe a Suso Mosquera na que se destacou o seu legado sindical
Fecha: 12 Jul 2018

Ao longo da mañá de hoxe tivo lugar en Santiago, no Edificio Cersia, unha emotiva homenaxe ao que fora secretario xeral de UGT-Galicia dende o ano 1980 ata o 2005, Suso Mosquera.
Foron moitos os que interviron e coincidiron no fondo legado que Suso deixa no eido sindical en Galicia, pero cunha proxección a nivel de toda a UGT no Estado; na súa loita incansable polos dereitos dos traballadores e por unha sociedade mellor e máis xusta; e todo isto posto en marcha baixo os preceptos da honestidade, coherencia e compromiso que o acompañaron sempre na súa andaina sindical, política e persoal.
O acto foi conducido pola xornalista e historiadora Rosa López que lle deu paso á primeira intervención que correu a cargo do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, quen fixo fincapé en recoñecer a coherencia que imperou en toda a súa traxectoria e apuntou que esta é unha homenaxe ben merecida polas súas achegas á sociedade galega no seu conxunto.
Pola súa banda, o presidente da Fundación Luís Tilve, José Benito Núñez, que ademais compartiu con Suso Mosquera Executiva en UGT-Galicia, recalcou que foi un home que sempre antepuxo o ben común. Lembrou que
nas súas accións sempre pensaba no benestar das persoas e que puxo a súa honestidade ao servizo das melloras da clase traballadora. Durante o seu traballo ao fronte da Fundación Luís Tilve a súa preocupación foi sempre asentar os proxectos comúns da fundación, custodiar os arquivos do mundo sindical e do movemento socialista en Galicia.
Tamén destacou a capacidade de diálogo que tiña que lle foi transmitindo a todos os que traballaron con el e a súa obsesión polos valores humanos que quedou reflectida na creación dos Premios anuais da Fundación Luís Tilve para promover a solidariedade, en defensa dos bens comúns....
Despois tomou a palabra o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, para o que Suso Mosquera é sinónimo de defensa da clase traballadora en Galicia. Enfatizou que o traballo a prol da sociedade sempre precisa do esforzo daqueles que asumen este compromiso, deixando o mellor da súa vida nesta tarefa, e isto Mosquera o fixo á perfección durante toda a súa vida sindical.
Fixo fincapé en que Suso realizou un sindicalismo ético e comprometido cos intereses de clase por riba de calquera tipo de interese persoal, o que fixo del un gran sindicalista e un gran socialista. De feito, recoñece que alí onde o PSdeG facía avances estaba tamén Suso Mosquera.
Considera que é de xustiza recoñecer este compromiso de home de país, chamando a que as súas ideas continúen presentes na defensa de Galicia e da clase traballadora.
Así quería ser recordado Suso Mosquera: “unha persoa fiel aos intereses da clase traballadora e respectuoso con todos os demais”
De seguido, proxectouse un emotivo vídeo en lembranza da traxectoria sindical de Suso Mosquera, con imaxes históricas, no que, nunha entrevista realizada pola TVG, destaca o propio desexo de como quería ser recordado, como unha “persoa fiel aos intereses da clase traballadora e respectuoso con todos os demais”. Tras o peche do vídeo cun “Ata sempre”, todos os asistentes ao acto puxéronse en pé e fundíronse nun forte e emotivo aplauso.
Tamén dirixiu unhas palabras o presidente de honra da Fundación Luís Tilve, Fernando González Laxe, quen falou de que hai líderes, pupulistas e guías, papel este último que se corresponde co desenvolvido por Suso Mosquera, polo seu carácter dialogante, traballador incansable na busca de ideas e cunha gran visión de futuro e unha clara visión de país, optimista e coherente, así era Suso Mosquera.
Ademais, destacou o seu traballo incansable para que UGT e o PSdeG tivesen un arquivo histórico, así nace a Fundación Luís Tilve.
A continuación, a familia de Suso, a súa muller e os seus fillos recibiron de mans do presidente de honra da Fundación o Premio Traballo Digno a título póstumo e un dos seus fillos dirixiu unhas palabras de agradecemento e lembranza á figura do seu pai que, como dixo, tiña dúas familias, a de sangue e a UGT.
Foi o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, quen dirixiu á familia de Suso Mosquera palabras de cariño, agradecemento e recoñecemento porque coa súa xenerosidade contribuíron a que Suso puidera adicar tantísimas horas e días da súa vida ao Sindicato.
Tivo palabras de recoñecemento para Mosquera e esa xeración de homes e mulleres que impulsaron o gran salto social e democrático que experimentou o país ao longo dos últimos anos.
Destacou a bondade, coherencia, compromiso e xenerosidade do compañeiro Suso que sempre tivo a gran capacidade de analizar os problemas que había que encarar dende o movemento sindical, incorporando todos os elementos e matices. Porque el sabía que nos matices dos problemas está a verdadeira solución para poder superalos.
Cualificouno como un home dialogante ata a extenuación porque cría firmemente na forza da razón. Moi sensible cos problemas das persoas e enormemente consciente de que os logros da clase traballadora eran difíciles de acadar, polo que trataba sempre de analizar coidadosamente os pasos a dar para conseguir o mellor resultado.
A Suso tamén se lle recoñece o seu papel na reconstrución e consolidación da UGT en Galicia e como artífice dun principio, xunto con outros compañeiros, que hoxe reclamamos e exercemos, a autonomía sindical.
Considera que UGT-Galicia, baixo o liderazgo de Suso, co diálogo e coas mobilizacións, contribuíu decisivamente á mellora das condicións de vida e laborais dos traballadores e á modernización e competitividade da nosa economía.
Tamén lembrou que, baixo o seu mandato, e ao amparo do Estatuto de Autonomía, xurdiron órganos de participación institucional como o CGRRLL ou o CES e outras canles de participación sindical e empresarial que contribúen a un tratamento máis eficaz dos problemas laborais e sociais.
Para pechar o acto, interviu o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, que lle agradeceu á familia que permitise facer esta homenaxe que en realidade é unha homenaxe á propia UGT.
Porque Suso é xa unha parte importante da UGT, xa que contribuíu á súa organización e construción ao longo dos anos.
Recoñeceulle o seu papel para que a confederación teña a capacidade de reflectir a España diversa e plural, a que queren construír a maioría dos cidadáns.
Tamén lle recoñeceu o seu traballo pola unidade sindical en prol do beneficio dos traballadores e dos seus dereitos, de feito ven da USO. Descríbeo como un home que baixa aos detalles, que pensa nos compañeiros, sosegado, dialogante pero moi inquedo na busca de solucións aos problemas e aos retos.
Nun contexto no que UGT vai celebrar o 12 de agosto o seu 130 aniversario, hai que poñer en valor o traballo de Suso e o das persoas que como el traballaron por construír e organizar este Sindicato.