UGT-Galicia denuncia o mal comportamento do desemprego e dos datos de afiliación á Seguridade Social

Fecha: 02 Feb 2016

As cifras de desemprego feitas públicas hoxe son realmente negativas. Evidencian, primeiro, unha suba considerable do número de persoas desempregadas, a precariedade dos contratos que se asinan, que mulleres e mozos seguen a ser os máis prexudicados desta situación e que as taxas de cobertura por desemprego están en mínimos históricos, acompañado isto do feito de que as prestacións teñen un marcado carácter asistencial.

A situación descrita non pode máis que suscitar unha valoración negativa e unha forte crítica por parte da Comisión Executiva de UGT-Galicia. É difícil falarlles ás familias de recuperación á vista dos feitos. Segue a ser complicado atopar un posto de traballo, cando isto se consegue é na precariedade e aqueles que están fóra do mercado laboral ven como as coberturas por desemprego son cada día máis escasas e de menor contía, polo seu marcado carácter asistencial.

O Sindicato considera que urxe outra política económica e social, centrada nas persoas. Unha política que reduza o desemprego, que cree emprego de calidade e que mellore os salarios, coa derrogación das reformas laborais do 2010 e 2012, co fin de aumentar a demanda interna, sentar as bases dun crecemento sólido e sostible e diminuír os altos niveis de desigualdade e pobreza que existen na actualidade.

Os datos concretos feitos públicos hoxe reflicten no mes de xaneiro 236.447 persoas en situación de desemprego en Galicia, medrando o 3,34 por cento en relación ao mes anterior, 7.639 parados máis. Unha evolución máis negativa que no resto do Estado, onde medra o desemprego no 1,40 por cento.

GALICIA É A TERCEIRA COMUNIDADE CON MAIOR INCREMENTO DO DESEMPREGO

De feito, Galicia é a terceira comunidade con maior incremento relativo do desemprego no mes, tras Navarra e Cantabria, e a terceira tamén en termos absolutos, só superada por Andalucía e Madrid.

En relación a hai un ano, o desemprego baixa nun 8,7 por cento, en 22.555 persoas. De xeito similar a como o fai no resto do Estado, un 8,28 por cento.

Un mes máis, é obrigado denunciar a contracción na poboación en idade de traballar, pola saída cara fóra e o retorno dos inmigrantes cara o seu país de orixe. Continúa a caída do desemprego entre os estranxeiros, un 5,1 por cento de diminución interanual en Galicia.

Por sexos, o paro mensualmente medra en ambos casos, o 3,6 por cento entre as mulleres e o 3,1 por cento entre os homes. En relación a hai un ano baixa en ambos casos, aínda que os homes son os máis beneficiados, contraendo a cifra de desempregados nun 10,89 por cento, fronte á menor caída das mulleres, o 6,71 por cento. A débil mellora que se puidera rexistrar do mercado laboral está a beneficiar máis aos homes, a desigualdade continúa presente.

O paro medra en todas as provincias, na que máis en Pontevedra, o 4,08 por cento; en Lugo o 3,72 por cento; en Ourense, nun 3,66 por cento; e, na que menos, en A Coruña, un 2,40 por cento. En termos interanuais contráese en todas as provincias, o 6,9 por cento en Ourense, o 9,37 por cento en A Coruña, o 8,57 por cento en Pontevedra e o 8,54 por cento en Lugo.

Por idades, entre os menores de 25 anos o desemprego medra dun xeito máis acusado, no 4,21 por cento. Non obstante, no ano a caída é moito máis acusada, do 15,31 por cento, basicamente, pola saída de efectivos de Galicia, ante a falta de opcións de futuro, así como, pola falta de relevo xeracional.

No mes, por sectores, o desemprego medra en todos, salvo no primario e na industria. Pero o sector servizos é o que rexistra maiores incrementos, polo fin das contratacións de Nadal, subindo en 7.336 o número de persoas desempregadas neste sector, o 96 por cento do total. Tamén resulta destacable o aumento da construción, con 544 persoas desempregadas máis. No ano rexistráronse fortes caídas en todos eles, destacando a industria, o 15,62 por cento, e a construción, o 15,48 por cento.

OS CONTRATOS INDEFINIDOS EN XANEIRO NON CHEGAN AO NOVE POR CENTO E, ADEMAIS, CAENDO NUN PUNTO EN RELACIÓN A HAI UN ANO

No referente á contratación, a caída foi do 8,68 por cento. No ano, esta aumentou pero moi levemente, nun 0,43 por cento. Caendo os indefinidos, o 5,92 por cento, e medrando os temporais, o 1,09 por cento. A porcentaxe de contratos indefinidos, sobre o total, no mes de xaneiro non supera o 8,87 por cento, caendo un punto en relación a hai un ano.

Só nun mes en Galicia asináronse 62.688 contratos, quedando clara a precariedade destes contratos e os altos niveis de rotación laboral e, polo tanto, de precariedade.

TAXA DE COBERTURA POR DESMPREGO EN MÍNIMOS HISTÓRICOS

Se a análise feita ata o momento é negativa, cando se enfoca cara as prestacións e coberturas por desemprego o panorama é desalentador. En decembro de 2015, último dato dispoñible, en Galicia o número de beneficiarios de prestacións eran 112.624 persoas. O carácter contributivo está en mínimos, tan só o 42,13 por cento das persoas en desemprego perciben prestacións de carácter contributivo, sendo o 53,45 por cento restante asistenciais. Isto supón, contías máis baixas, mentres a media das contributivas é de 785,4 euros, as asistenciais son de 426 euros. Ademais, que cada vez sexan máis os parados que perciban prestacións asistenciais, fronte ás contributivas, indica que existe moito paro de longa duración que tarde ou cedo quedará sen nada, co forte risco de pobreza e exclusión social que isto supón. De feito, xa hai en Galicia 116.184 parados sen ningún tipo de cobertura, o 49,14 por cento do total. Así, a cobertura por desemprego está en mínimos.

A media de afiliados á Seguridade Social é de 930.883 en Galicia, caendo o 1,61 por cento, 15.240 afiliados menos. Aínda que no ano sube o 1,92 por cento, esta porcentaxe segue afastada do 3,19 por cento do resto do Estado. Esta Autonomía continúa lonxe do millón de afiliados de antes da crise.

NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É O SECRETARIO DE POLÍTICA SINDICAL, RELACIÓNS LABORAIS E FORMACIÓN DE UGT-GALICIA, JOSÉ DOMINGO BARROS. TELÉFONO: 679451570.



 

GALICIA

Xaneiro 2016

VARIACIÓN SOBRE

 

 

Mes anterior

Mesmo mes ano anterior

 

 

%

%

DESEMPREGO

Nº desempregados rexistrados

236.447

7.639

3,3

-22.555

-8,7

* homes

110.132

3.308

3,1

-13.465

-10,9

* mulleres

126.315

4.331

3,6

-9.090

-6,7

Nº parados mozos < 25 anos

11.838

478

4,2

-2.140

-15,3

Nº desempregados estranxeiros

11.778

286

2,5

-627

-5,1

Nº desempregados por sectores*

 

 

 

 

* agricultura

9.221

-8

-0,1

-343

-3,6

* industria

28.535

-317

-1,1

-5.284

-15,6

* construción

28.685

544

1,9

-5.255

-15,5

* servizos

151.806

7.336

5,1

-9.668

-6,0

* sen emprego anterior

18.200

84

0,5

-2.005

-9,9

Beneficiarios prestación por desemprego (decembro)

112.624

 

Taxa de cobertura prestación por desemprego (decembro)

53,45

Parados totais sen ningún tipo de prestación (decembro)

116.184

CONTRATACIÓN

 

 

 

 

 

Nº contratos

62.688

-5.958

-8,7

267

0,4

Nº contratos indefinidos (inclúe transformación de contratos en indefinidos)

5.561

1.156

26,2

-350

-5,9

Nº contratos temporais

57.127

-7.114

-11,1

617

1,1

AFILIACÍON Á SEGURIDADE SOCIAL

 

 

 

 

Nº afiliados (datos provisionais)

930.883

-15.239

-1,6

17.554

1,9

Fonte: Gabinete Económico Comisión Executiva UGT Galicia, a partir dos datos do MEYSS

Fuente: UGT-Galicia