UGT-Galicia defende a negociación e os acordos fronte á confrontación e o ruído mediático
Hoxe celebrouse en Santiago unha nova reunión no marco do diálogo social aberto coa Xunta
Fecha: 12 Jun 2026
Hoxe celebrouse en Santiago unha nova reunión no marco do diálogo social aberto coa Xunta
O sindicato defende a negociación e os acordos fronte á confrontación e o ruído mediático
Santiago, 12 de xuño de 2026.- UGT -Galicia reafirma o seu compromiso co diálogo social como o espazo onde deben abordarse os problemas que afectan ás persoas traballadoras.
A organización sindical lembra que os avances en dereitos laborais conséguense mediante a negociación, as propostas e os acordos, non desde a confrontación permanente.
En relación co debate sobre a incapacidade temporal, UGT-Galicia considera que debe centrarse na prevención de riscos laborais, as condicións de traballo e a protección da saúde das persoas traballadoras.
Na reunión celebrada hoxe no marco do diálogo social, coa participación de UGT, a CEG e de varias firmas representativas do tecido empresarial galego, avanzouse en medidas orientadas a reforzar a prevención de riscos laborais e na posta en marcha de unidades especializadas para abordar de forma integral as situacións de incapacidade temporal, a fin de conseguir un maior benestar laboral.
Dende UGT-Galicia insistimos en que "o noso compromiso é estar onde se toman as decisións e traballar para conseguir solucións e melloras reais para a clase traballadora galega".
Así, o Sindicato seguirá apostando por un sindicalismo útil, responsable e centrado en obter resultados que redunden na mellora das condicións sociais e laborais dos traballadores e traballadoras galegas.