UGT-Galicia constitúe a organización xuvenil RUGE

UGT-Galicia constitúe a organización xuvenil RUGE

Esta organización aglutinará aos máis mozos e mozas do Sindicato e pretende converterse nun referente no eido social e laboral

Santiago, 7 de xuño de 2023.- UGT-Galicia constituíu hoxe en Santiago RUGE, a organización que aglutinará ás persoas máis mozas do Sindicato, as menores de 35 anos. Ao fronte da mesma estará Daniel González e o resto da Executiva estará formada por Olaya González, David Diéguez, Alejandro Sánchez e María Romero.

Este acto de constitución, que tivo lugar hoxe na sede de UGT-Galicia en Santiago, reuniu a mozos e mozas procedentes de toda Galicia que tamén na xornada de hoxe participaron en varios talleres formativos co obxecto de adquirir as armas necesarias para acometer a acción sindical entre os mozos e mozas galegas, co fin de dar resposta ás problemáticas ás que se enfrontan tanto no eido laboral como noutros ámbitos do seu día a día.

Entre os talleres que se desenvolveron, destacan, “A acción sindical, unha constante actualización cara a transformación que vén” ou “A acción sindical nas plataformas de reparto e de contido”.

A partir de agora, RUGE en Galicia ten por diante varias liñas de traballo e retos que acometer, a formación sindical dos máis mozos do Sindicato; formación no eido laboral, para a mellora da empregabilidade; a loita pola igualdade; a loita contra a violencia de xénero; a defensa dos dereitos laborais dos máis mozos; integración laboral dos colectivos máis desfavorecidos; orientación profesional; ou prevención de drogodependencias e outras adiccións no eido laboral, entre outras materias nas que traballará a nova organización.

Mercado laboral dos máis mozos

Concretamente, no eido laboral, son moitos os retos. Porque, a pesar de que a reforma laboral mellorou, e moito, o noso mercado de traballo, mellorando tamén as condicións dos máis mozos, aínda hai moitas eivas. A taxa de desemprego está para este colectivo en Galicia no 16,6%, a taxa de actividade no 58,12% e a fenda salarial con respecto ao conxunto de idades é do 20,5%. En canto á temporalidade, hai que salientar que esta continúa pero este indicador mellorou, e moito, grazas á reforma laboral. De feito, se antes da entrada en vigor desta normativa a contratación indefinida entre os máis mozos non superaba o 6%, agora xa está no 34%. Isto evidencia que este é o camiño, o do diálogo e a concertación, para chegar a novos acordos que vaian na liña da mellora do mercado laboral en xeral e tamén dos máis mozos. E aí estará UGT-Galicia e, por suposto, RUGE.

Trátase de que RUGE funcione como unha organización xuvenil que traballe para os máis mozos e que lle diga ao Sindicato que pensa e que quere. Será unha organización que estará nos centros de traballo acompañando aos máis mozos, defendendo os seus dereitos e vixiando as súas condicións laborais. Pero tamén vai ser unha organización que estea nos problemas e conflitos sociais que afecten a este sector da poboación para analizar, facer achegas e loitar polos seus dereitos.

En definitiva, trátase de escoitar ás xeracións máis mozas e dar espazo ás novas formas de entender o sindicalismo que nacen nelas. Hai que adaptarse ás novas demandas dunha sociedade cambiante, revitalizando os espazos de construción colectiva.


 


 

Fuente: UGT-Galicia