UGT-Galicia chama a realizar políticas activas de emprego que solucionen o problema do paro de longa duración
O sindicato valora os datos positivos en creación de emprego de calidade, pero advirte sobre a situación no mercado laboral das persoas que non son capaces de atopar emprego
Fecha: 05 May 2026
UGT-Galicia chama a realizar políticas activas de emprego que solucionen o problema do paro de longa duración
O sindicato valora os datos positivos en creación de emprego de calidade, pero advirte sobre a situación no mercado laboral das persoas que non son capaces de atopar emprego
Santiago, 5 de maio de 2026.- Os datos de paro rexistrado e afiliación á Seguridade Social correspondentes a abril, publicados hoxe, mostran un incremento do emprego e unha redución do desemprego, como adoita suceder sempre neste mes, un dos mellores do ano para o mercado laboral.
A positiva evolución da economía segue impulsando a creación de emprego, que continúa sendo unha prioridade, a pesar de que a taxa de paro, a nivel do Estado, segue sendo a máis elevada da UE. Así mesmo, o mercado de traballo gañou estabilidade e calidade tras a reforma laboral, o que reflicte un cambio estrutural no modelo de emprego.
Con todo, a pesar destes avances, persisten desafíos relevantes no mercado de traballo, especialmente no relativo ás condicións de vida e benestar das persoas traballadoras.
A análise do paro rexistrado non pode obviar a persistencia dun núcleo duro de desemprego, en particular o paro de longa duración, que segue representando o 48,4% (34,6% no Estado) do total e evidencia as dificultades estruturais de inserción dunha parte relevante da poboación traballadora. Afrontar esta realidade esixe reforzar de xeito decidido a eficacia as políticas activas de emprego, avanzando cara itinerarios personalizados de inserción, unha dotación suficiente e estable de medios técnicos e humanos nos servizos públicos de emprego, unha carteira común de servizos en todo o territorio e sistemas de avaliación rigorosos orientados a resultados efectivos.
Ao mesmo tempo, e en coherencia coa proposta sindical unitaria impulsada por UGT, resulta imprescindible abordar de forma integral os desequilibrios do mercado de traballo, actuando sobre o réxime de despedimento —reforzando a causalidade, as garantías e o carácter disuasorio da indemnización— e sobre o contrato a tempo parcial, limitando o seu uso a supostos xustificados, garantindo a previsibilidade da xornada e reforzando o dereito á xornada completa como estándar. Trátase de medidas interconectadas que buscan corrixir a precariedade estrutural, reforzar a estabilidade no emprego e mellorar a calidade do traballo.
En definitiva, a evolución positiva do emprego confirma a capacidade da economía para seguir xerando oportunidades, pero tamén sinala que é o momento de afrontar con decisión estes retos. Só mediante o impulso de reformas como as expostas na proposta sindical, o reforzo das políticas activas de emprego e a mellora dos salarios será posible consolidar un mercado de traballo máis equilibrado, produtivo e socialmente xusto.
Radiografía desemprego en Galicia
Concretando os datos que se fan públicos hoxe, en Galicia o desemprego baixou en 2.377 persoas con respecto ao mes anterior (2,07%) e no Estado esta cifra tamén baixou, un 2,59%. O mesmo sucedeu no ano, o desemprego diminuíu, en 3.252 persoas, un 2,81% menos, aínda que dun xeito moito menos incisivo que no resto do Estado, onde a baixada foi do 6,20%. Así, o número total de desempregados sitúase nesta Comunidade en 112.293 persoas.
Por idades, entre os menores de 25 anos, o desemprego seguiu a mesma tendencia que no resto de idades en canto ao mes pero non no ano, xa que, neste caso, o paro subiu. Así, en relación ao mes anterior, o desemprego baixou entre os menores de 25 anos nun 9,67%% e no ano este aumentou nun 6,20%. De novo, Galicia rexistra un peor comportamento que o conxunto do Estado onde o desemprego tamén baixou no ano nun 2,67%.
Por sexos, no mes o desemprego baixa en ambos, un 2,70% entre os homes e no caso das mulleres nun 1,62%. No ano baixou o desemprego en ambos casos, o 3,01% entre os homes e o 2,67% entre as mulleres. Dende UGT-Galicia alértase de que, en termos estruturais, as mulleres seguen a representar o 58,38% do total do desemprego en Galicia. O paro afecta a un total de 65.554 mulleres, fronte a 46.739 homes.
En canto aos sectores, o desemprego no mes diminúe en todos. Así, baixa na agricultura e gandería, nun 1,87%; no 1,53% na industria; no 2,25% no sector da construción; o 2,12% no sector servizos; e o 2,17% entre o colectivo de sen emprego anterior. No ano tamén baixa en todos. Así, diminúe un 5,43% no primario; o 4,73% na industria; o 9,30 na construción; o 1,921% nos servizos; e o 2,47% entre as persoas que non teñen un emprego anterior.
Territorialmente, o desemprego tamén baixa no mes en todas as provincias, nun 2% na Coruña, 2,38% en Lugo, 1,89% en Ourense e un 2,13% en Pontevedra. No ano a baixada foi do 2,51% na Coruña, 0,01% en Lugo, 1,21% en Ourense e o 4,35% en Pontevedra.
O dato de contratación indefinida segue a ser moi bo, do 32,90%. Realizáronse en abril un total de 57.854 contratos en Galicia, un 0,84% máis que no mes anterior e un 12,64% máis que no mesmo mes do ano anterior. No mes de abril de 2021, a porcentaxe de contratación indefinida non superaba o 11,37%.
Por sectores, destacan as porcentaxes de contratación indefinida na construción, do 71,8%, e no sector primario, do 60,4%. Tamén foron elevadas, aínda que non tanto, nos servizos, do 30,9%, e na industria, do 25,9%.
A afiliación á Seguridade Social sitúase en 1.103.820 de media mensual, subindo o 0,72% no mes e aumentando un 1,51% no ano. Rexistrándose así un máximo nun mes de abril de afiliación á Seguridade Social.
Por outra banda, a temporalidade da afiliación da Seguridade Social sitúase no 13,45% en Galicia, fronte ao dato estatal, do 11,6%. En abril de 2021 esta porcentaxe era do 27,24%, o que ratifica os bos resultados da reforma laboral.