UGT-Galicia chama á participación nas concentracións convocadas para conmemorar o 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres
Fecha: 30 Nov 2015

UGT-Galicia fai un chamamento á cidadanía a participar nas concentracións convocadas en varias cidades e vilas galegas (A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo) para conmemorar a data do 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, e como mostra de solidariedade coas vítimas.
Todas as concentracións terán lugar a partir das 12.00 horas. A de A Coruña fronte á Delegación do Goberno; en Santiago, fronte á sede dos sindicatos en San Lázaro; a de Ferrol fronte ao edificio da Xunta; as de Lugo, Ourense e Pontevedra fronte ás respectivas sedes das subdelegacións do Goberno; e a de Vigo fronte ao edificio da Xunta.
Dende o Sindicato quérese lembrar que a violencia contra a muller non cesa, unha terrible realidade que sofren a cotío moitas mulleres nas súas vidas e que este ano xa provocou a morte de 48 mulleres, seis delas en Galicia, 6 nenos e nenas, dous deles tamén en Galicia. De feito, Galicia é a terceira comunidade autónoma na que máis asasinatos por violencia machista se produciron neste ano.
A pesar da cruda realidade que nos debuxan os datos, obsérvase como se reduce á metade o número de mulleres asasinadas que tiña interposta unha denuncia; das 721 ordes de protección solicitadas e Galicia dende xaneiro ata xuño deste ano, o 42 por cento foron denegadas, 11 puntos máis que no mesmo período do ano anterior, e cada vez son menos as medidas de protección que se adoptan, a pesar de que o número de solicitudes se incrementan. Só o 33 por cento dos casos activos en Galicia a 30 de setembro dispoñen de protección oficial. Tan só hai en Galicia 21 dispositivos electrónicos de seguimento no eido da violencia de xénero. En Galicia no 2015 recibíronse un 22,5 por cento máis de chamadas no 016 que no ano anterior. E increméntanse en dez puntos o número de casos activos en Galicia que están clasificados cun nivel de risco medio.
Á vista disto, algo está fallando. Obsérvase como se están reducindo as medidas protectoras e incluso redúcense as denuncias, aínda que non o número de casos.
Neste contexto, UGT fai un chamamento sobre a insoportable estensión da violencia, de todas as violencias machistas, a que sofren as mulleres a mans das súas parellas ou exparellas, o acosos sexual e por razón de sexo no traballo, a intimidación na rúa, o acoso na internet, a violencia de control das mozas e as terribles consecuencias que estes ataques carrexan na saúde, integridade, a dignidade e a vida laboral das mulleres.
Unha violencia que non queda reducida a unha cultura, idade, clase social, relixión ou país. As raíces da violencia contra as mulleres teñen carácter estrutural e é produto da desigual relación de poder entre mulleres e homes.
Dende o Sindicato tamén se fai un chamamento ás administracións competentes, xa que en España o Goberno do PP durante a súa lexislatura recortou un 17 por cento a partida orzamentaria destinada á prevención da violencia de xénero e un 43 por cento a destinada a políticas de igualdade entre mulleres e homes. Recursos insuficientes para unha eficaz aplicación da Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.
En Galicia, o PP que Goberna a Xunta aproba cada ano uns orzamentos que amosan a súa insignificancia para por en marcha programas específicos de prevención da violencia ou mesmo para protexer ás mulleres vítimas.
No eido laboral, UGT denuncia que o número de contratos bonificados realizados a mulleres vítimas de violencia de xénero é case insignificante, apenas 262 en Galicia dende o ano 2003. Por outra banda, o número de mulleres que se acolleron aos dereitos recoñecidos pola Lei de violencia segue sendo testemuñal.
Por todo isto, UGT esixe intensificar a sensibilización contra a discriminación e a violencia de xénero; introducir na negociación colectiva garantías de protección laboral para as vítimas da violencia de xénero; garantir que as situacións derivadas da violencia de xénero, como ausencias ou baixas médicas, non supoñan diminución económica para as traballadoras; negociar protocolos de actuación e medidas de protección específicas dos dereitos laborais para as afectadas que non denunciasen ao seu agresor; implementar mecanismos para eliminar, previr, sancionar e protexer ás traballadoras das situacións de acoso sexual e do acoso por razón de sexo na esfera laboral; derrogación da reforma laboral; mellora da protección social ás mulleres que sofren violencia de xénero con redución de xornada en relación co acceso á protección por desemprego; que a acoso sexual e o acoso por razón de sexo sexan abordados na normativa sobre prevención de riscos laborais, ao mesmo tempo que deben ter o mesmo tratamento como delito no Código Penal; e establecer canles de comunicación entre as administracións públicas e os interlocutores sociais que permitan mellorar a difusión de medidas, dereitos e servizos dirixidos ás vítimas de violencia de xénero.