UGT-Galicia celebrará o vindeiro mércores o seu 13º Congreso

Fecha: 12 Mar 2021

UGT-Galicia celebrará o vindeiro mércores o seu 13º Congreso en Santiago no que 100 delegados elixirán a nova Comisión Executiva e debaterán sobre as liñas de actuación de cara aos vindeiros anos

Este Congreso enmárcase nun difícil contexto de pandemia o que, de seguro, fixará os debates internos sobre a mesma e a posterior recuperación, pero marcará tamén o formato congresual que será adaptado á nova realidade

Santiago, 15 de marzo de 2021.- UGT-Galicia celebrará o vindeiro mércores, día 17 de marzo, no Hotel Puerta del Camino (San Lázaro, Santiago), o seu 13º Congreso no que 100 delegados elixirán a nova Comisión Executiva do Sindicato, debaterán sobre o modelo organizativo para os vindeiros anos e elaborarán un programa de acción coas liñas de actuación do Sindicato. Programa de acción que, de seguro, estará marcado pola actual situación de pandemia e o traballo de recuperación que ven por diante no que o sindicato afanarase porque se garanta unha recuperación igualitaria na que non se deixe a ninguén polo camiño. Unha recuperación que garanta emprego de calidade, servizos públicos suficientes e de calidade, unha protección social digna para todos e todas, unha aposta clara por un novo modelo industrial sostible e medioambientalmente respectuoso e que o investimento en I+D+i sexa unha prioridade que sitúe a este país á cabeza dos países máis avanzados, modernos e medioambientalmente sostibles. Nesta liña, os fondos europeos que se van poñer en marcha teñen que servir para traballar por un novo país que supere os grandes problemas produtivos que ten, xunto cos relativos ó eido laboral, elevadísimas taxas de desemprego e precariedade no traballo.


 


 


 


 

UGT-Galicia celebrará este Congreso baixo o lema “Construíndo en igualdade”. Contará coa participación de 100 delegados e se celebrará nun só día por mor da situación de pandemia que se está a vivir. Xa que no Congreso anterior a participación ascendeu a 300 delegados e a duración do Congreso foi de dúas xornadas pero a actual situación sanitaria obrigou a optar por un formato máis reducido.

Concretamente, o acto de apertura está previsto para as 9.30 horas, no Hotel OCA Puerta del Camino (Santiago-San Lázaro). Comezará cun saúdo da Comisión Executiva de UGT-Galicia ó que lle seguirá a proxección dun vídeo homenaxe; a lectura do primeiro ditame da Comisión de verificación de credenciais; elección da Mesa do Congreso; un saúdo da Presidencia do Congreso e a proxección dun vídeo.

Acto de apertura coa intervención do alcalde de Santiago, o secretario xeral de UGT-Asturias, o secretario xeral do S.N. de CCOO de Galicia, o delegado do Goberno; o secretario xeral do PSdeG; o secretario de Organización de UGT; o presidente da Xunta; e o secretario xeral de UGT-Galicia

De seguido, están previstas as intervencións dos invitados institucionais e fraternais. A primeira será a do alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo; seguiralle a do secretario xeral de UGT-Asturias, Francisco Javier Fernández Lanero, que será de xeito telemático; o secretario xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Ramón Sarmiento; o delegado do Goberno, Javier Losada Azpiazu; o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero; o secretario de Organización da Comisión Executiva Confederal de UGT, Rafael Espartero; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

Tras estas intervencións, tomará a palabra o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez e a Presidencia dará por concluído así o acto de apertura do 13º Congreso de UGT-Galicia.

A isto séguenlle os traballos internos do Congreso, coa análise da xestión; as comisións de traballo e, xa pola tarde; co debate e aprobación dos ditames destas comisións; presentación e proclamación de candidaturas ós órganos nacionais; e, finalmente, votación para a elección da Comisión Executiva de UGT-Galicia, a Comisión de Control Económico e membros ó Comité Confederal.

O secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez, intervirá no acto de clausura

Así, ás 18.00 horas está previsto o acto de clausura no que a Mesa do Congreso proclamará os resultados da elección da nova Executiva e intervirá o secretario xeral de UGT, Pepe Álvarez; o novo secretario xeral de UGT-Galicia; e pechará o Congreso a Presidencia do mesmo.


 

NOTA: TANTO O ACTO DE APERTURA COMO O DE CLAUSURA ESTARÁN ABERTOS AOS MEDIOS DE COMUNICACIÓN.

 


 

Fuente: UGT-Galicia