UGT-Galicia aposta por prolongar os ERTES para garantir o emprego
Fecha: 05 May 2020

Galicia rexistra case dous puntos máis de incremento que o resto do Estado
UGT-Galicia aposta por prolongar os ERTES para garantir o emprego
Os datos do paro revelan a necesidade de estender as medidas de protección social
Santiago, 5 de maio de 2020.- Os datos do paro do mes de abril, ofrecidos hoxe polo SEPE, amosan o impacto da crise do COVID-19 sobre o mercado de traballo e revelan a necesidade de estender as medidas de protección social e os ERTE.
O número de persoas en situación de desemprego aumentou este mes nun 9,83% (17.148 persoas máis que no mes anterior). Unha porcentaxe de incremento moi superior ao 7,97% que se rexistrou no resto do Estado. En relación a hai un ano, o incremento foi dun 15,28%. Non se constataban incrementos tan altos en Galicia, tanto mensualmente como anualmente, dende o ano 1996.
Estes datos reflicten a finalización dos contratos temporais e os empregos perdidos polos despedimentos, individuais ou colectivos, a pesar de contar coa posibilidade de utilizar ERTE. O volume total de desempregados (191.629) encamíñase ás cifras do acontecido durante a gran recesión. Ademais, estes datos amosan a fraxilidade do mercado laboral, cunha alta porcentaxe de contratación temporal e precaria, que é capaz de destruír emprego dun xeito masivo en poucos días.
Hai que ter en conta que o número de persoas afectadas por ERTES ascende a 200.494, cun total de 35.821 expedientes. Cerca de catro millóns de persoas traballadoras afectadas por este tipo de medida no conxunto do Estado.
Pola súa banda, a caída no número de contratos rexistrados (un 57,3% no mes e un 71,6% no ano), con taxas similares tanto nos indefinidos como nos temporais, avanza outra parte do impacto do coronavirus sobre o emprego. Ademais, dende UGT-Galicia alértase que dende que hai series históricas non se rexistraban caídas tan elevadas.
A afiliación á Seguridade Social amosa unha redución mensual dun 2,8% e dun 3,54% interanualmente, descendendo ata os 974.770 afiliados.
Os datos de protección por desemprego reflicten unha parte da situación actual. Coa información a marzo, a taxa de cobertura era do 64,6% e hai en Galicia aínda 70.500 persoas sen ningún tipo de cobertura.
A crise non finaliza co fin do Estado de Alarma, polo que as medidas de protección deben continuar
UGT-Galica segue apoiando a continuidade das medidas de protección ao emprego e de protección por desemprego, mentres dure a situación de crise. Neste senso, o Sindicato defende a ampliación no tempo do procedemento dos ERTE naqueles sectores produtivos e empresas onde sexa necesario; así como a necesidade de que se aprobe un ingreso mínimo vital de emerxencia, considerando que hai en Galicia un total de 57.200 fogares con todos os activos no paro e 32.700 nos que non entran ingresos.
Para UGT, resulta imprescindible continuar aplicando medidas económicas e laborais que protexan ás persoas que perderon o emprego, non poden acceder a un ou se viron afectados por unha redución de ingresos. Urxe poñer en marcha unha renda mínima conxuntural e extraordinaria que de cobertura a todas aquelas familias que quedaron fóra do escudo de protección social e ata que se faga realidade unha Lei de ingreso mínimo vital.
UGT-Galicia reclama diálogo social coa Xunta para avanzar no deseño dun plan de reconstrución para o impulso económico e social
Ademais, o Sindicato considera que o diálogo social, tanto no Estado como coa Xunta, debe avanzar no deseño dun plan de reconstrución para o impulso económico e social que considere a recuperación como unha oportunidade para cambiar o modelo produtivo e de benestar social, tomando como marco o piar europeo de dereitos sociais e os obxectivos de desenvolvemento sostibles.
NOTA: O VOCEIRO DESTE TEMA É O SECRETARIO DE ORGANIZACIÓN DE UGT-GALICIA, JOSÉ LUÍS FERNÁNDEZ CELIS. 638033482.
GALICIA |
abr-20 |
VARIACIÓN SOBRE |
|||
Mes anterior |
Mesmo mes ano anterior |
||||
nº |
% |
nº |
% |
||
DESEMPREGO |
|||||
Nº persoas paradas |
191.629 |
17.148 |
9,83 |
25.403 |
15,3 |
* homes |
84.982 |
9.475 |
12,55 |
14.914 |
21,3 |
* mulleres |
106.647 |
7.673 |
7,75 |
10.489 |
10,9 |
* mozos e mozas < 25 anos |
9.550 |
1.070 |
12,6 |
1.480 |
18,3 |
Por sectores* |
|
|
|
|
|
* agricultura |
6.385 |
435 |
7,3 |
257 |
4,2 |
* industria |
21.221 |
2.176 |
11,4 |
2.439 |
13,0 |
* construción |
16.358 |
1.915 |
13,3 |
2.652 |
19,3 |
* servizos |
134.031 |
12.425 |
10,2 |
20.829 |
18,4 |
* sen emprego anterior |
13.634 |
197 |
1,5 |
-774 |
-5,4 |
Persoas beneficiarias prestación por desemprego (marzo) |
104.024 |
|
|||
Taxa de cobertura prestación por desemprego (marzo) |
64,59 |
||||
Persoas paradas totais sen ningún tipo de prestación (marzo) |
70.457 |
||||
CONTRATACIÓN |
|
|
|
|
|
Nº contratos |
23.874 |
-32.043 |
-57,3 |
-60.093 |
-71,6 |
* indefinidos (inclúe transformación de contratos en indefinidos) |
2.589 |
-3.802 |
-59,5 |
-4.709 |
-64,5 |
* temporais |
21.285 |
-28.241 |
-57,0 |
-55.384 |
-72,2 |
AFILIACÍON Á SEGURIDADE SOCIAL |
|
|
|
|
|
Nº persoas afiliadas/cotizantes (datos provisionais) |
974.770 |
-27.853 |
-2,8 |
-35.822 |
-3,5 |
Fonte: Gabinete Económico Comisión Executiva UGT Galicia, a partir dos datos do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social |