UGT-Galicia amosa a súa solidariedade cos traballadores de Fandicosta e as súas familias e ofrécelles os servizos do Sindicato

Fecha: 07 Jun 2016

Ante o voraz incendio que se produciu onte na nave que Fandicosta ten en Domaio, UGT-Galicia manifesta a súa solidariedade cos afectados por este sinistro e amosa o seu máis firme apoio aos traballadores da planta e as súas familias.

Hoxe, a última hora da mañá, tivo lugar unha xuntanza de urxencia, para analizar o acontecido, na que participaron o Comité de empresa de Fandicosta e a dirección da mesma.

Paralelamente a esta xuntanza, a secretaria de Saúde Laboral e Medio Ambiente de UGT-Galicia, Raquel Seijas, Cruz Vázquez, secretaria de organización da Federación de Industria e Traballadores Agrarios (FITAG-UGT), e representantes da UGT-Vigo reunironse cos traballadores e reiteraron a súa solidariedade cos traballadores e coas súas familias e manifestaron a oferta de poñer a disposición de todos aqueles que o precisen os servizos do Sindicato.

Este sinistro supón unha moi mala noticia para a industria galega e para os traballadores de Fandicosta que, á vista da gravidade do incendio, vanse ver afectados na súa situación laboral.

Estase a falar dun dos principais grupos pesqueiros de Europa de procesado e elaborado de peixes conxelados. Conta a día de hoxe na planta de Domaio con 230 traballadores fixos e preto de 50 temporais. O montante total chega a rozar os 350 empregados en campañas puntuais como a de Nadal.



 

Fuente: UGT-Galicia