UGT esixe unha reconstrución social, económica e laboral xusta en Galicia

Fecha: 24 Jul 2022

Declaración de UGT-Galicia co gallo do 25 de Xullo

UGT esixe unha reconstrución social, económica e laboral xusta en Galicia

O Sindicato pide coordinación entre as administracións para un bo aproveitamento dos fondos europeos cara unha Galicia competitiva e con emprego de calidade

Santiago, 24 de xullo de 2022.- Co gallo da celebración, mañá, do Día Nacional de Galicia, a Comisión executiva de UGT-Galicia transmítelle, en primeiro lugar, a toda a cidadanía galega os parabéns pola celebración da súa data máis sinalada, que xa por terceiro ano consecutivo celébrase nunha situación de pandemia á que este ano se lle engade unha guerra ao carón das fronteiras europeas que está a xerar unha conxuntura complexa a nivel económico a nivel europeo e que, polo tanto, estase a trasladar tamén ao eido laboral e á situación das familias.

Por iso, e para que os fogares, as familias e os traballadores non sexan de novo os pagáns da crise, como sucedeu no 2008, UGT-Galicia esixe este 25 de Xullo que a recuperación, a reconstrución, se faga dun xeito xusto, igualitario e sustentable. Neste senso, o Sindicato advirte que a polarización e as liortas políticas poden afastar ás administracións dunha correcta xestión e bo aproveitamento dos fondos europeos para camiñar cara unha Galicia competitiva e con emprego de calidade.

Para UGT, esta data ten que converterse nunha xornada de celebración para todos e todas as galegas pero tamén nunha xornada reivindicativa e de lembranza. Lembranza para todos os que perderon a vida nestes tres últimos anos como consecuencia da COVID-19, para todos aqueles que aínda padecen as súas secuelas, para todos e todas as traballadoras, sobre todo do sector sanitario, que seguen a facer importantes esforzos na loita contra esta pandemia que aínda non cesou, lembranza tamén para as vítimas dunha guerra cruenta e inxusta que está a ter lugar ás portas da UE e lembranza tamén nesta data para as vítimas e as súas familias do sinistro ferroviario de Angrois que hai 9 anos sacudiu á sociedade galega na xornada previa ao 25 de xullo.

Neste Día Nacional de Galicia, dende UGT esiximos un presente e un futuro mellor para todas as galegas e galegos. Se ben é certo que o traballo conxunto de administracións e sindicatos permitiu poñer en marcha mecanismos, como os ERTE, reforma laboral ou reforma de pensións, suba SMI, entre outros, que están a servir de colchón para amortecer os efectos da crise, tamén é certo que queda moito por facer.

Os traballadores e traballadoras, cunha inflación desbocada, do 10,2% no Estado e do 11,1% en Galicia, estaban intentando respirar tras os momentos máis duros da crise sanitaria pero agora vense afogados de novo pola subida dos prezos e outras consecuencias da guerra en Ucraína.

O primeiro paso debe ser a suba salarial e que se garantan cláusulas de revisión en todos os convenios para evitar a perda de poder adquisitivo dos traballadores e traballadoras que non se pode esquecer que, ao final, son os que poden mover a demanda interna e axudar a saír así desta crise pero que, dificilmente, o poderán facer se, mes tras mes, perden poder de compra.

Neste mesmo senso, dende UGT incídese en que tamén hai que seguir protexendo dende as administracións as rendas máis desfavorecidas e atallar o aumento excesivo das marxes das empresas dos sectores enerxéticos e doutros que están aproveitando a situación para especular e elevar os seus beneficios. Así, as medidas anunciadas polo Goberno central van na boa dirección. Pero aínda debe vixiar de xeito máis contundente o comportamento especulativo doutros sectores responsables da espiral inflacionista. E, ante o bloqueo da patronal no diálogo social para repartir esforzos ante a crise, o chamado pacto de rendas, o Goberno pode e debe ser máis incisivo.

En Galicia, a Xunta debe facer unha aposta clara pola mellora e a modernización das políticas activas de emprego que, xunto coa aplicación da reforma laboral, deben ser instrumentos prioritarios para a mellora da calidade do emprego nesta Comunidade. Para elo, UGT-Galicia insta á Xunta a que reactive as mesas de diálogo social co fin de afrontar este importante reto.

Por outra banda, a Xunta tamén debe asumir as competencias que lle son propias en materia industrial porque son moitos os frontes abertos neste eido en Galicia. Hai que traballar xa para disipar as numerosas incertezas que rodean a este sector, falta de traballo, elevado prezo da electricidade e o proceso de transformación enerxética. Estes riscos fan inaprazable a posta en marcha dunha política industrial na que se aposte por actividades de alto valor engadido e que aborde con especial atención o problema enerxético.

Nesta data tamén compre esixir o reforzamento dos servizos públicos que, sobre todo, no eido sanitario, están a amosar importantes eivas co conseguinte prexuízo para a cidadanía. Requírese maior investimento, recuperar o financiamento anterior aos recortes do 2012 así como máis emprego e máis estable. Cómpre reducir a abusiva temporalidade no sector público e eliminar as encomendas de xestión fraudulentas. Só así se poderán facer efectivos dereitos fundamentais como o dereito á saúde, á educación, á seguridade e á protección social.

En definitiva, para todo isto, o que pide a cidadanía é sumar, construír consensos para unha reconstrución social e económica de Galicia xusta e que non deixe a ninguén atrás. Hai que facelo sobre bases sólidas, en liña co que reclama a sociedade, reparando as eivas detectadas durante a pandemia e agora co contexto bélico ás portas de Europa, mais tamén as históricas que arrastramos.


 


 

Fuente: UGT-Galicia