UGT e CCOO presentaron o Primeiro de Maio en Galicia baixo o lema “Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia”

Están convocadas mobilizacións nas cidades e vilas galegas e o acto central será na Coruña

Fecha: 23 Abr 2026

1m26

UGT e CCOO presentaron o Primeiro de Maio en Galicia baixo o lema “Dereitos, non trincheiras. Salarios, vivenda e democracia”

Están convocadas mobilizacións nas cidades e vilas galegas e o acto central será na Coruña

Santiago, 23 de abril de 2026.- O secretario xeral de UGT-Galicia, Cristóbal Medeiros, presentou hoxe en Santiago en rolda de prensa, acompañado da secretaria xeral do S.N. de CCOO de Galicia, Amelia Pérez, as reivindicacións, actos e mobilizacións previstos para este Primeiro de Maio en Galicia.

Medeiros iniciou a súa intervención contextualizando a celebración deste Primeiro de Maio nun momento complexo, marcado pola inestabilidade e os conflitos bélicos, polo que pediu que a cidadanía saia ás rúas masivamente para converter esta data nun berro pola paz e o respecto ao dereito internacional.

Achegándonos ao próximo, manifestou que outro dos berros que se debe oír este Primeiro de Maio son todas as demandas necesarias para que as familias poidan chegar a fin de mes. Hai que demandar mellores salarios, acceso a unha vivenda digna, máis democracia e máis e mellor estado de benestar. 

Manifestou a súa preocupación polos discursos de odio e enfrontamento da extrema dereita a nivel mundial pero tamén neste país. Contra isto, hai que articular máis e máis democracia e, neste senso, valorou moi positivamente o proceso de regularización de migrantes porque é un acto de xustiza, responsabilidade e decencia. Quenes traballen neste país teñen que ter dereitos.

Neste Primeiro de Maio tamén se vai demandar a redución do tempo de traballo, hai que repartir mellor o progreso nun momento no que a produtividade está a marcar os seus máximos. Pero, engadiu, que a redución debe ir acompañada dun control horario dixital para evitar as horas extraordinarias non recoñecidas.

Trátase de traballar para vivir e iso tamén pasa por salarios dignos e suficientes que acaben coa pobreza laboral. Avogou por seguir na seda das subas do SMI porque aínda 16 de cada cen persoas traballadoras están en risco de pobreza ou exclusión social. 

Hai que traballar pola dignidade e suficiencia dos salarios porque Galicia aínda seguen estando por debaixo da media estatal en moitos sectores, as persoas traballadoras teñen que chegar tranquilas a fin de mes. Tamén denunciou que as persoas traballadoras cada vez teñen menos participación no reparto da renda e isto é un problema. A solución pasa por subir salarios e reforzar a negociación colectiva.

Neste contexto, UGT-Galicia vai seguir apostando tamén polo diálogo social porque funciona, grazas a este subiu o SMIC, reduciuse a temporalidade e melloraron as condicións laborais. E, neste senso, aposta porque este cauce de traballo tamén se utilice para abordar outro dos temas que está enriba da mesa, o mal chamado absentismo laboral, Pediu que non se mesture absentismo con enfermidade ou permisos. Os dereitos non son absentismo. 

Puntualizou que dende UGT non se vai aceptar a criminalización dos traballadores e traballadoras galegas. Apostou por sentarse a falar pero con análises serias e na busca de solucións, non partindo da criminalización e na análise de parte. Considera que trátase dun problema moi complexo que non se pode simplificar.

Relacionado con isto, este Primeiro de Maio tamén se ten que converter nunha plataforma de demanda para un cambio das políticas de prevención de riscos laborais e coidado da saúde porque as actuais xa non dan resposta ao mercado laboral actual. Lembrou que tan só nos dous primeiros meses do ano faleceron en Galicia 7 persoas vítimas dun sinistro laboral e 61 resultaron feridas graves e esta comunidade segue á cabeza dos índices de incidencia da sinistralidade mortal. Por iso, UGT aposta por abrir este debate con seriedade, a través do diálogo social, analizando as causas reais, cargas de traballo, prevención, saúde laboral, organización do traballo ou tempos de espera no sistema sanitario. Porque, engadiu, isto non se soluciona con titulares. 

Ademais, avogou por situar no centro do debate a emerxencia climática e Galicia tivo un claro exemplo deste problema cos lumes deste verán. Urxe unha transición enerxética xusta que protexa ás persoas e o territorio. Para iso, hai que reforzar os servizos públicos. 

Este Primeiro de Maio tamén debe converterse nun berro de demanda de vivenda digna porque este tamén se converteu nun problema de país ao que lle hai que buscar solucións.

Finalmente, fixo un chamamento á cidadanía galega a participar neste Primeiro de Maio porque os dereitos non se regalan, conquístanse.

 

MANIFESTO

 

ACTOS E MOBILIZACIÓNS EN GALICIA

Fuente: UGT-Galicia