UGT e CCOO presentan as mobilizacións en Galicia do día 26 pola redución da xornada laboral ata as 37,5 horas
Están convocadas concentración diante das sedes empresariais na Coruña, Lugo e Vigo ás 11.30 horas e en Ourense ás 12.00
Fecha: 19 Sep 2024
"Pola humanización das relacións laborais e a mellora da vida das persoas”
UGT e CCOO presentan as mobilizacións en Galicia do día 26 pola redución da xornada laboral ata as 37,5 horas
Están convocadas concentración diante das sedes empresariais na Coruña, Lugo e Vigo ás 11.30 horas e en Ourense ás 12.00
Santiago, 26 de xaneiro de 2024. O secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, xunto coa súa homóloga do S.N. de CCOO de Galicia presentaron hoxe en Santiago, en roda de prensa, as mobilizacións que terán lugar o vindeiro día 26 fronte ás sedes empresariais na Coruña, Lugo e Vigo ás 11.30 horas e en Ourense ás 12.00 horas pola redución da xornada laboral semanal ata as 37,5 horas sen diminución do salario. Estas mobilizacións terán lugar tamén no resto das capitais de provincia de todo o Estado e enmárcanse nunha campaña iniciada por UGT e CCOO para chamar aos empresarios e pechar un acordo xa, despois de máis dun ano de negociacións, e, se este non é posible, que esta medida se adopte no eido lexislativo e que sexan os partidos do arco parlamentario os que se comprometan coa redución de xornada, apostando por un modelo produtivo que teña como obxectivo a mellora do emprego e das condicións laborais de todas as persoas traballadoras. É hora de abandonar modelos baseados nos baixos salarios e en longas xornadas laborais que xa demostraron o seu fracaso para a produtividade e a xeración de riqueza para o conxunto do país.
Por que agora esta demanda? O secretario xeral de UGT-Galicia explicou que “cremos que chegou o momento de reducir a xornada laboral. Esta é unha necesidade para os traballadores e traballadoras; para o sistema produtivo; para a economía do país; e, para a sociedade en xeral”. Tamén precisou que as 37,5 horas son un primeiro paso, unha primeira demanda, pero que o obxectivo final son as 32 horas semanais distribuídas en catro días á semana.
Indicou que o contexto é o axeitado, as grandes transformacións no mundo produtivo, económico e social, impulsadas polas transicións dixital e ecolóxica, están a xerar incrementos de produtividade, co conseguinte aumento dos beneficios empresariais. E, consideramos, que a riqueza que xera un país debe repartirse equitativamente para beneficiar a toda a sociedade. Como?, a redución do tempo de traballo e a mellora dos salarios son formas esenciais.
Engadiu que non podemos esquecer que a última redución legal da xornada tivo lugar hai máis de 40 anos, coas 40 horas semanais. Aínda que a negociación colectiva permitiu levar a media ás 38,5 horas nos convenios, aínda así, son moitos os sectores e empresas que aínda non gozan de ningunha redución con respecto ás 40 horas. Que xera isto?, competencia desleal e repercusións negativas sobre o emprego. Polo tanto, a redución de xornada é unha cuestión de xustiza social porque hai que equiparar os dereitos laborais, podendo beneficiarse case 13 millóns de persoas en todo o Estado e preto de 500.000 en Galicia.
Ademais de tratarse dun mecanismo de solidariedade e dunha necesidade, hai que atender ás pegadas positivas, por exemplo, sobre a saúde física e mental. Se reducimos o estrés laboral e aumentamos o tempo libre isto constitúe un claro beneficio sobre o benestar xeral pero é que, ademais, de seguro, reduciranse as taxas de absentismo e as baixas. Un claro beneficio para as empresas tamén en termos de custos e continuidade.
A redución de xornada tamén terá unha pegada positiva sobre o medioambiente. Menos horas de traballo deberían conducir a menos desprazamentos, reducindo así as emisións de gases de efecto invernadoiro e a contaminación. Lembrar que dende UGT reiteramos a nosa aposta por un cambio de modelo que sexa medioambientalmente sostible.
En termos de igualdade de xénero, a redución do tempo de traballo tamén contribuirá efectivamente á igualdade efectiva entre homes e mulleres porque vai cara unha mellor conciliación corresponsable entre a vida laboral, social, persoal e familiar. E, ademais, matizou que esta medida vai beneficiar, sobre todo, a sectores altamente feminizados.
Por todo isto, fixo un chamamento aos traballadores e traballadoras a mobilizarse en defensa desta demanda; pero tamén, fixo un chamamento ás organizacións empresariais a apostar por un acordo que vai promover empresas máis produtivas e que contribuirá a crear máis e mellor emprego. Tamén realizou un chamamento a todos os partidos do arco parlamentario a comprometerse coa redución da xornada laboral porque é hora de abandonar modelos baseados nos baixos salarios e nas longas xornadas laborais que en nada contribúen á mellora da produtividade e á xeración de riqueza para o conxunto do país.
Pola xustiza social, un emprego de calidade, polos beneficios na economía do país, pola igualdade e en defensa do medio ambiente, UGT cre que hai que apostar decididamente pola redución da xornada xa, porque xa toca e porque é o momento.