UGT e CCOO mobilizaranse o 8 de febreiro a prol do dereito de folga

Fecha: 04 Feb 2016

CCOO e UGT convocan mobilizacións para mañá, día 8 de febreiro, nas principais vilas e cidades galegas (o día 11 en Vigo) baixo o lema “Folga non é delito. Derrogación do art.315.3 do Código Penal, xa!”. As organizacións convocantes salientan que a folga é un dereito fundamental recoñecido en case todos os países do mundo, pero en España estase a restrinxir o seu exercicio para, ao tempo, silenciar a cidadanía. Preténdese converter o conflito social nun problema de orde pública, camiñando cara a un Estado de carácter policial.

Xa se criminalizaron as actuacións de trescentos sindicalistas en defensa dos dereitos dos traballadores e das traballadoras. En Galicia, Carlos e Serafín, con penas de prisión de tres anos, aínda esperan que resposta ás peticións de indulto. Mentres tanto, continúan as mobilizacións na súa defensa. Tamén están os cinco traballadores de Arcelor, en Asturias, ou os oito traballadores de Airbus, en Madrid, para os que a Fiscalía pide en total 66 anos de cárcere.

Hai razóns máis que suficientes para a mobilización: o daniño artigo 315.3 do Código penal, no que se criminaliza a participación dos traballadores e das traballadoras nas folgas, ou a Lei de seguridade cidadá, que introduce máis recortes nos dereitos fundamentais.

A reforma do Código penal e a Lei de seguridade cidadá incorporan novas restricións ao exercicio de dereitos democráticos e liberdades civís e dan continuidade á ofensiva contra o dereito de folga que levou a axuizar traballadores e traballadoras, así como, representantes sindicais pola defensa colectiva dos dereitos laborais.

Debido ao retroceso inaceptable das liberdades públicas e das vías de participación democrática, UGT e CCOO, continuando coa campaña iniciada xa hai un ano, convocan mobilizacións para o 8 de febreiro.



 

MOBILIZACIÓNS DO DÍA 8

A Coruña: concentración ás 12 h diante da Delegación do Goberno.

Ferrol: concentración ás 12 h diante do edificio da Xunta.

Santiago de Compostela: concentración ás 12 h diante da sede da Xunta (San Caetano).

Lugo: concentración ás 11:30 h diante da Subdelegación do Goberno.

Viveiro: concentración ás 12 h diante dos Xulgados.

Ourense: concentración ás 11:30 h diante da Subdelegación do Goberno.

Pontevedra: manifestación que sae ás 11:30 h do edificio dos sindicatos e remata diante da Subdelegación do Goberno.



 

CONCENTRACIÓN O DÍA 11

Vigo: concentración ás 19 h diante do edificio do MARCO.



 



 



 



 

Fuente: UGT-Galicia