UGT e CCOO lamentan a catástrofe forestal que asolaga Galicia e transmiten o seu pesar ás familias das vítimas
Fecha: 16 Oct 2017

As comisións executivas do S.N. de CCOO de Galicia e de UGT-Galicia lamentan a catástrofe forestal que está a sufrir Galicia nestas últimas horas polas súas dimensións dramáticas e consecuencias humanas, económicas e medio ambientais.
Polo momento, esta vaga de lumes que ven asolagando Galicia dende onte, xa se cobrou catro vítimas. Neste senso, ambos sindicatos transmiten o seu pesar ás súas familias e amigos nestes momentos tan complexos e tamén trasladan os desexos dunha pronta recuperación dos feridos.
RECOÑECEMENTO AOS BRIGADISTAS PERO CRÍTICAS Á FALTA DE PREVISIÓN E INEFICACIA DOS RESPONSABLES DO DESEÑO DO OPERATIVO
Ademais, tamén é o momento para recoñecer as tarefas que están a desenvolver os traballadores que forman o dispositivo do SPDCIF en Galicia (técnicos, axentes e bombeiros forestais), a pesar da falta de previsión e ineficacia dos responsables do deseño do operativo contra incendios da Xunta de Galicia, situación que está a ser denunciada de xeito reiterado polas asociacións e organizacións profesionais. Os picos de incendios cada vez están máis desestacionalizados, sendo estes fora da época estival. Este ano, sen ir máis lonxe, coincidiron en plena Semana Santa (abril) e no mes de outubro, dous meses que están a ser de especial actividade incendiaria nos últimos tempos.
Tampouco se pode esquecer hoxe o recoñecemento ás labores realizadas pola cidadanía que axuda e está a participar na extinción, tanto para protexer os seus bens como para colaborar co dispositivo.
Á vista o acontecido, é evidente que existe un problema estrutural do sector forestal galego, que segue sen resolverse porque non se descifrou a incógnita resultante da fórmula: prevención-limpeza de montes-extinción de lumes.
NOVO MODELO QUE FAGA ÉNFASE NA PREVENCIÓN, NON SÓ NA EXTINCIÓN
É imprescindible que a Consellaría do Medio Rural abra unha mesa na que poder abordar o cambio dun modelo que hai moito tempo que se revela obsoleto. A nova planificación debe facer énfase na prevención, non unicamente na extinción. O cambio de modelo levaría implícito que o persoal fixo-descontinuo, que traballa tres ou nove meses, prestase servizos todo o ano e cunhas condicións laborais dignas.
Así mesmo, as organizacións sindicais esixen a cobertura inmediata de todas as vacantes, sexan por baixas, por vacacións ou outras circunstancias. Consideran vergoñento que un servizo de emerxencias estea coa maioría de brigadas incompletas, que haxa puntos de vixilancia pechados ou con quendas deficitarias, que non haxa bombeiros condutores para todas as motobombas ou que os todos os centros de coordinación non poidan funcionar as 24 horas.
COORDINACIÓN ENTRE AS ADMINISTRACIÓNS
A realidade dos feitos tamén amosa a necesidade de poñer en marcha en Galicia un sistema de coordinación efectivo entre todas as administracións, Autonómica e Local, con competencias relacionadas coa prevención e a intervención no caso de lumes forestais.
A realidade é tan teimuda que cando as condicións climáticas son extremas, como estaba a suceder estes días, as medidas tamén tiñan que ser extraordinarias. Aínda que tamén é certo que, detrás do acontecido, existe unha sospeitosa intencionalidade. Por iso, é necesario descubrir e deter aos incendiarios e aos seus cómplices, algo no que as autoridades non deberían escatimar nin medios nin esforzos porque estas agresións non deberían quedar impunes.
LIÑAS DE TRABALLO
Hai liñas de traballo que ambos sindicatos veñen reiterando xa dende hai anos e que non terminan de implementarse, por moito que cada certo tempo Galicia teña que ser vítima dunha catástrofe como a vivida estas últimas horas.
Urxe poñer en marcha medidas estratéxicas para incorporar o monte ao desenvolvemento rural de Galicia, entendendo o desenvolvemento rural coma un factor clave de prevención dos incendios forestais. É pensar en futuro adoitando solucións estruturais a un praga que nos persegue ano a ano.
O monte ten que ser un recurso posto ao servizo da creación de riqueza no medio rural, xerando materias primas renovables, empregos de base rural e rendas paralelas ás da agricultura e gandería para agricultores, gandeiros e silvicultores.
É urxente afrontar o deseño dunha política forestal en colaboración cos propietarios, onde haxa sitio para tódalas especies, tendo en conta que hai dous millóns de hectáreas de monte e que hai diversas condicións de chan e de capacidade produtiva para planificar o aproveitamento forestal.
É evidente que Galicia debe dotarse dun novo modelo de servizo de defensa contra lumes forestais, xa que o actual dispositivo non pode responder a unha relación “máis lume – máis traballo”. O dispositivo debe ir integrado na nova proposta de xestión do monte. O persoal dedicado á prevención e á limpeza do monte debe estar traballando todo o ano para xerar riqueza forestal.
Trátase de darlle vida a un sistema con brigadas permanentes, con medios e recursos sofisticados, dotación económica suficiente que cubra todas as necesidades dos traballadores dos servizos implicados de cara a aumentar a súa autoestima, fomentar a súa profesionalización e salvagardar a súa saúde. Nin que dicir que os recursos aéreos e terrestres teñen que ser suficientes.
APAGAMENTO INFORMATIVO
No eido informativo, CCOO e UGT critican o apagamento informativo en relación aos incendios, tanto por parte da Xunta de Galicia, que durante o máis grave desta crise mantivo un mutismo que non se comprende, como por parte dos medios de comunicación públicos, que reaccionaron incluso máis tarde que os estatais á hora de ofreceren unha programación especial. Os sindicatos consideran moi grave este intento por minimizar entre a opinión pública os efectos dunha catástrofe como hai anos que non se lembra. A falta de información veraz e actualizada expuxo a riscos graves a gran parte da poboación das localidades máis afectadas pola vaga de lumes, lamentan.
PACTO DE PAÍS
Finalmente, UGT e CCOO manifestan que o debate sobre esta problemática débese afastar da loita partidaria. Desde os sindicatos entendemos que a actual situación de sensibilidade social en torno a esta problemática debe ser canalizada para propiciar un pacto de país que aborde a problemática forestal. Neste sentido, o primeiro paso debe ser a creación dunha comisión parlamentaria na que participen os axentes sociais e económicos.