UGT e CCOO esixen unha reconstrución social, económica e laboral xusta en Galicia

Fecha: 25 Jul 2021

DECLARACIÓN DAS COMISIÓNS EXECUTIVAS DE CCOO E UGT POLO DÍA NACIONAL DE GALICIA DE 2021

Aínda que a situación parece ir mellorando pouco a pouco, os dous sindicatos demandan un traballo conxunto para que ninguén quede atrás e non se repitan os erros da crise do 2008

Co gallo da celebración, hoxe, do Día Nacional de Galicia, as comisións executivas do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e de UGT-Galicia queren, en primeiro lugar, transmitirlle a toda a cidadanía galega os parabéns pola celebración da súa data máis sinalada —malia que, por segundo ano, deba conmemorarse en condicións sanitarias difíciles, esixidas pola pandemia da covid-19.

Esta xornada debe servir para lembrar os milleiros de persoas que no último ano e medio perderon a vida por mor da pandemia; tamén a quen aínda padece as secuelas do virus; e así mesmo para lembrar o labor dos traballadores e traballadoras que estiveron na primeira liña desde o minuto un e aí seguen. Tampouco non podemos esquecer o persoal sanitario, que está a facer un esforzo inxente para acelerar o proceso de vacinación e lograr que se acade, canto antes, un nivel de inmunidade de grupo que nos permita recuperar a maior normalidade posible en todos os ámbitos. En resumo, hoxe é unha data para a celebración, pero tamén para a acordanza e o recoñecemento.

Neste Día Nacional de Galicia, CCOO e UGT esiximos un presente e un futuro mellor para todas as galegas e galegos. Por iso demandamos un traballo conxunto de Administracións e axentes sociais, co obxectivo de garantir a reactivación económica e que esta se faga en termos de igualdade para que ninguén quede atrás. O noso país non se pode permitir repetir os erros do 2008; daquela, os traballadores e as traballadoras pagaron os custos dunha crise da que non tiñan culpa ningunha.

De momento, o camiño emprendido responde a unha visión social: o labor conxunto de Administracións e sindicatos permitiu poñer en marcha mecanismos, como os ERTE ou as axudas destinadas a determinados sectores, que serviron de colchón para amortecer os efectos da crise. UGT e CCOO agardamos que, unha vez normalizada a situación sanitaria, a clase traballadora galega protagonice a reactivación económica.

Neste sentido, as empresas han ter un compromiso inequívoco coa recuperación da actividade e do emprego de calidade. A Xunta de Galicia debe tomar medidas para que a mellora conxuntural do emprego durante o período estival se converta en estrutural. Para logralo, é imprescindible derrogar a reforma laboral do 2012, de xeito que se recupere o equilibrio necesario na negociación colectiva e culminar así o traballo iniciado en xuño coa derrogación da reforma das pensións do 2013. Porque non hai mellor garantía para as pensións públicas que un emprego estable e de calidade.

Outra das grandes leccións desta crise —sería imperdoable esquecela— é a necesidade de reforzar os servizos públicos. Requírese maior investimento, recuperar o financiamento anterior aos recortes do 2012 así como máis emprego e máis estable. Cómpre reducir a abusiva temporalidade no sector público e eliminar as encomendas de xestión fraudulentas. Só así se poderán facer efectivos dereitos fundamentais como o dereito á saúde, á educación, á seguridade e á protección social.

Xunto coa cohesión social, outra das reivindicacións fundamentais neste Día Nacional de Galicia é a vertebración territorial. Neste sentido, UGT e CCOO esixímoslle á dirección da empresa pública Renfe a restitución de todos os servizos ferroviarios recortados nos 16 meses que levamos de pandemia. Cando Europa enteira aposta polo ferrocarril, carece de toda lóxica que unha empresa pública teime en recortar e deteriorar estes servizos, deixando gran parte da poboación galega sen máis alternativa que o transporte privado.

Os fondos europeos Next Generation son unha oportunidade para mellorar a rede ferroviaria galega, pero tamén para cambiar o modelo produtivo do país sobre a base de actividades de alto valor engadido e máis e mellor industria —dando cumprimento ao obxectivo europeo de que represente o 20 % do pib—, unha transición enerxética xusta, revitalizar os servizos públicos e afrontar os retos dixitais e medioambientais. Neste punto, lamentamos que a falta de xenerosidade política do Goberno galego impedira pechar acordos no seo da Comisión de Reactivación Económica, Social e Cultural de Galicia. Con todo, a Xunta aínda está a tempo de emendar ese fracaso político se inclúe os sindicatos —como representantes da clase traballadora galega— nas negociacións para o deseño, distribución e seguimento dos fondos nas empresas e nos sectores.

Para a nosa idea, o Estado e a Xunta deben gañar presenza en sectores estratéxicos —do xeito que o fan outros países como Alemaña e Francia— para evitar problemas como os vividos en Alcoa, As Pontes, o naval, o sector forestal ou os ERE abusivos que intentan impoñer as entidades bancarias.

É urxente planificar a reindustrialización da comunidade autónoma, sobre todo nas comarcas máis afectadas polos procesos de transición ecolóxica, deseñar unha estratexia integral para crear emprego de calidade no rural galego e mellorar a formación profesional e a formación para o emprego, sen esquecer a protección da saúde laboral nestes tempos de crise económica. A redución da sinistralidade no mundo laboral, e especialmente entre a nosa xente do mar, é unha materia pendente do Goberno galego.

Galicia precisa, outrosí, un sector enerxético eficiente que garanta a subministración a fogares e empresas en condicións razoables. Baixar impostos, como sucedeu coa luz, axuda a curto prazo, pero non é a solución porque o problema radica no sistema de tarifación eléctrica e nos beneficios abusivos das empresas.

Os impostos son necesarios para manter o noso estado do benestar; se non se recupera un estado do benestar máis eficaz, non será posible que a cidadanía recobre a confianza no noso sistema democrático e político. En Galicia temos retos importantes en materia de vivenda —especialmente nas cidades—, coa aplicación da Lei de dependencia (malia o aumento do nivel de cobertura, hai unha longa listaxe de espera e as persoas que reciben prestación son menos ca na media estatal) e sobre todo pola falta de compatibilidade entre a Risga e o ingreso mínimo vital —pola falta de previsión da Xunta—, que coloca a centos de persoas nunha situación aínda máis difícil. Cómpre unha modificación urxente da Lei de inclusión de Galicia para dar unha solución áxil e definitiva a este problema.

Sumar, velaí o que a cidadanía nos esixe. Por iso, o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia e a Unión Xeral de Traballadores de Galicia coidamos imprescindible construír consensos para unha reconstrución social e económica de Galicia xusta e que non deixe ninguén atrás. Debémolo facer sobre bases sólidas, en liña co que reclama a sociedade, reparando as eivas detectadas durante a pandemia mais tamén as históricas que arrastramos.

Fuente: UGT-Galicia