UGT e CCOO convocan novas mobilizacións o 12 de abril para que o Goberno cumpra
Fecha: 09 Abr 2021

Urxe derrogar a reforma laboral, derrogar a reforma das pensións de 2013 e revalorizar o salario mínimo interprofesional
O S. N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia convocan mobilizacións en todas as cidades galegas o próximo luns, 12 de abril. O obxectivo das protestas é lembrarlle ao Goberno de España que “Agora SI toca” cumprir co prometido no seu programa, en concreto derrogar a reforma laboral, derrogar a reforma das pensións de 2013 e revalorizar o salario mínimo interprofesional (SMI) ata situalo no 60% do salario medio ao remate da lexislatura.
As concentracións do 12 de abril son a continuación dun proceso de mobilización iniciado en febreiro co propósito de sentar as bases dunha saída á crise, xusta, solidaria e que xere unha sociedade mellor. Para os dous sindicatos, non é viable construír unha sociedade máis xusta se a recuperación económica se asenta sobre a reforma laboral do 2012 e a das pensións do 2013, ambas as dúas impostas polo Goberno de Mariano Rajoy.
As ditas reformas lograron o seu obxectivo, que non foi outro que desvalorizar os salarios, as condicións de traballo e os dereitos da clase traballadora. Cómpre devolver o equilibrio ás relacións laborais, de xeito que as empresas non teñan a última palabra. Do contrario, asegúrase un escenario post-covid sen practicamente ningún atranco para acometer axustes de emprego pola simple caída dos beneficios económicos, que non é o mesmo que a entrada en perdas.
Urximos o Goberno a que cumpra os seus compromisos e retome a axenda sociolaboral, paralizada desde o mes de marzo de 2020, á marxe de cuestións puntuais como os acordos sobre os ERTE. Para UGT e CCOO, é preciso poñerse xa a traballar neste sentido, e amosan a súa preocupación de que sexa parte do Executivo estatal quen use o argumento de que agora non toca.
É especialmente urxente a suba do SMI, porque afecta a moitas persoas traballadoras ás que todas e todos aplaudimos durante a pandemia, como persoal dos coidados e da limpeza, que ademais son sectores moi feminizados; e porque son moitas as galegas e galegos cuxos ingresos practicamente se destinan só a sobrevivir.
CIDADE |
HORA |
LUGAR DA CONCENTRACIÓN |
A Coruña |
12:00 |
Praza Ourense, 11. A Coruña. (Fronte á Delegación do Goberno en Galicia) |
Ferrol |
12:00 |
Praza de Camilo José Cela (fronte ao edificio da Xunta de Galicia) |
Santiago |
12:00 |
Praza de Praterías |
Lugo |
12:00 |
Rúa Armanyá, 10. (Fronte á Subdelegación do Goberno de Lugo) |
Ourense |
12:00 |
Rúa Parque de San Lázaro, 3. (Fronte á Subdelegación do Goberno de Ourense) |
Vigo |
12:00 |
Farola de Urzaiz |
Pontevedra |
12:00 |
Praza de España, 1. (Fronte á Subdelegación do Goberno de Pontevedra) |