UGT e CCOO convocan mobilizacións das areas públicas ante a falta de negociación da recuperación de dereitos roubados ós empregados e empregadas públicos da Xunta de Galicia

O coordinador da Área Pública do S.N. de CCOO de Galicia, Ramiro Otero, e a secretaria xeral da Federación galega de empregados e empregadas dos Servizos Públicos de UGT-Galicia (FeSP), Irene Martínez, deron a coñecer as causas, todas as reivindicacións e o calendario de mobilizacións que afecta ao persoal funcionario, laboral e estatutario dependente da Xunta. Esta campaña desenvolverase baixo o lema “Servizos públicos. Recuperación de dereitos roubados”.

É, polo tanto, unha campaña de mobilizacións en defensa do dereito a negociación colectiva e recuperación de dereitos roubados que afecta a Ensino, Sanidade e Administración autonómica, convocada baixo o lema “SERVIZOS PÚBLICOS: RECUPERACIÓN DE DEREITOS ROUBADOS”.

Segundo a Xunta de Galicia, este sería o ano da recuperación, tras máis de oito anos de recortes de dereitos, rebaixas salariais, destrución de emprego, privatización de servizos e sacrificios sen fin. O certo é que os Orzamentos autonómicos para 2017 son máis do mesmo.

A Lei 1/2012, de medidas temporais, prorrogada nas sucesivas leis de orzamentos, contemplaba que a súa aplicación decaería coa mellora da situación económica de Galicia. En 2016 os datos publicitados pola Xunta confirman a mellora, polo que é obrigado devolver ás empregadas e empregados públicos os “dereitos roubados”.

A Xunta de Galicia convocou una Mesa xeral como mera formalidade que vulnera o dereito a negociación colectiva, procedendo UGT e CCOO a presentar recurso solicitando que se declare a convocatoria contraria a dereito, que se anule e se indemnice na contía dun euro ás organizacións sindicais.

O proxecto de orzamentos para o ano 2017 non contempla a recuperación de dereitos, nin incremento salarial, nin supresión de taxas de reposición e, ademais, acompáñanse dun proxecto de Lei de medidas de contrarreforma da Lei do emprego público de Galicia que nalgúns casos vulneran pactos e acordos coas organización sindicais.

CCOO e UGT demandan que os Orzamentos de 2017 habiliten un proceso de negociación para a recuperación de dereitos roubados:

  • Eliminación da taxa de reposición.

  • Ofertas excepcionais de emprego en sanidade, ensino, Administración xeral e laborais.

  • Recuperación real e efectiva do poder adquisitivo.

  • Aplicación do V Convenio Colectivo Único do Persoal Laboral da Xunta de Galicia, na súa totalidade.

  • Concursos de traslados, de xeito sistemático e continuo, en toda a Administración autonómica.

  • Recuperación de pactos e acordos suspendidos.

  • Recuperación de dereitos suspendidos (IT, acción social, dereitos sindiciais…).

  • Estudo e tratamento da repercusión das sentenzas do TXUE sobre o traballo de duración determinada e a aplicación das mesmas.

As mobilizacións seguirán o seguinte calendario:

  • 25 de xaneiro: de 12:00 a 13:00 horas, CONCENTRACIÓN diante do Parlamento de Galicia.

  • 31 de xaneiro: de 11:00 a 12:00 horas CONCENTRACIÓNS diante das sedes provinciais da Xunta de Galicia 8 (A Coruña, Lugo, Ourense e Vigo).

  • 1 de febreiro: 11 horas CONCENTRACIÓN na explanada do SERGAS.

  • 6 de febreiro: de 10:00 a 13:00 horas CONCENTRACIÓN diante do Parlamento de Galicia.


 


 



 

EN DEFENSA DA NEGOCIACIÓN COLECTIVA



 

POLA RECUPERACIÓN DE DEREITOS, EMPREGO E SALARIOS