UGT e CCOO congratúlanse do “éxito” da folga e piden unha participación “masiva” na derradeira quenda e nas manifestacións
Fecha: 08 Mar 2018

O S. N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia congratúlanse do “éxito” da folga convocada hoxe polo sindicalismo de clase. O seguimento dos paros de dúas horas foi masivo, especialmente en grandes empresas e administracións públicas. Polo de agora, non houbo incidentes salientables nin no paro que tivo lugar na madrugada (entre as 00:00 e as 02:00), nin tampouco ao mediodía (das 12:00 ás 14:00). As secretarias da muller de UGT e CCOO, Mónica Rodríguez e Mamen Sabio, respectivamente, piden que a participación tamén sexa “masiva” na derradeira quenda da folga (entre as 19:30 e as 21:30), así como nas manifestacións convocadas polo movemento feminista galego para este serán.
Para CCOO e UGT, o “apoio maioritario” da sociedade galega a esta convocatoria é a proba de que as reivindicacións do sindicalismo de clase, compartidas polo movemento feminista, son tamén maioritarias entre os galegos e as galegas: cómpre denunciar e desterrar a brecha salarial, a precariedade laboral das mulleres e o acoso e a violencia de xénero.
Rodríguez e Sabio coidan que a data de hoxe é “histórica” e marcará “un antes e un despois” na loita pola igualdade. O apoio á folga amosa o total rexeitamento da sociedade galega á situación que padecen as mulleres do noso país. As reformas laborais impostas, os recortes e as medidas de austeridade non fixeron máis que incidir nas desigualdades, denuncian as dirixentes sindicais.
Contra o “teito de cristal”
As secretarias da Muller de CCOO e UGT denuncian a “discriminación laboral e salarial” das traballadoras galegas: a igual formación, os homes acadan maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos. Ademais, a brecha salarial é de 22 puntos, polo que as mulleres galegas terían que traballar 71 días máis ao ano para percibiren o mesmo salario que os homes nun ano. Tamén critican a existencia dun “teito de cristal” que provoca que só o 2,3 % da poboación ocupada feminina estea en postos de dirección ou xerencia.
Contra a precariedade que sofre a muller no eido laboral
Tamén denunciaron a precariedade que sofren as mulleres galegas no eido laboral, moito máis incisiva que no caso dos homes. Así, a taxa de temporalidade feminina é de 28,7 puntos, fronte aos 25,3 puntos que soportan os homes e, ademais, as diferenzas increméntanse nestes últimos anos. A taxa de desemprego feminina supera en 1,4 puntos á masculina e a súa diferenza increméntase dende o ano 2012. O 91,9 por cento das persoas que non acceden ao mercado laboral por ter que coidar menores, persoas adultas enfermas ou dependentes son mulleres. Do total da ocupación parcial, o 77,25 por cento afecta a mulleres. O 73,8 por cento das reducións de xornada seguen a ser solicitadas por mulleres e a brecha das pensións é de 37,7 puntos.
A “praga” da violencia machista e do acoso
Ademais da situación laboral, as mulleres son vítimas doutra das grandes “pragas” da sociedade actual, a violencia machista. No 2017, 49 mulleres e 8 nenos e nenas foron asasinados. O recente Pacto de Estado contra a violencia demóstrase insuficiente e case non recolle medidas de carácter laboral, que son fundamentais —en opinión dos sindicatos— para que as mulleres poidan saír dunha situación de violencia de xénero.
Rodríguez e Sabio lembran tamén a situación de acoso sexual nos centros de traballo. Aínda que a lei protexe contra estas situacións, as denuncias son poucas polas dificultades probatorias ou polos medos a perder o emprego, lamentan.
MANIFESTACIÓNS DO MOVEMENTO FEMINISTA, APOIADAS POR CCOO E UGT
— A Coruña: ás 19 h desde o Obelisco
— Ferrol: ás 20 h desde o edificio da Xunta
— Santiago de Compostela: ás 20 h desde a praza 8 de Marzo
— Lugo: ás 20 h desde o Multiusos da Xunta
— Ourense: ás 20 h desde a Subdelegación do Goberno
— Vigo: ás 20 h desde a praza de Portugal
En diferentes vilas e localidades haberá outras concentracións, que contan co apoio de CCOO e UGT.