UGT e CCOO concentráronse esta mañá diante do Parlamento galego para esixir a recuperación de salarios e dereitos das empregadas e empregados públicos

Fecha: 19 Dic 2017

Centos de delegadas e delegados da Área Pública de CCOO e a Federación galega de empregadas e empregados dos Servizos Públicos (FeSP-UGT) concentráronse esta mañá diante do Parlamento galego para demandar a recuperación de salarios e dereitos das empregadas e empregados públicos. Esta mobilizacións está enmarcada na campaña conxunta “Agora: salarios, emprego público e dereitos”.

A concentración, na que as empregadas e empregados públicos esixiron a recuperación dos seus salarios e dereitos, coincidiu co pleno do Parlamento no que se están a debater e vaise votar o Proxecto de Lei de Orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2018.

Esta mobilización dá continuidade ás concentracións que xa tiveron lugar o pasado día 24 de novembro fronte á Delegación e subdelegacións do Goberno e que continuaron cunha manifestación en Madrid o xoves pasado.

UGT e CCOO insisten en que, debido a que os Executivos estatal e autonómico levan máis dun ano afirmando que a economía se recupera, é o momento de lles devolver ás empregadas e empregados públicos os dereitos arrebatados coa escusa da crise: desde o 2010, máis de 16.000 empregos destruídos no sector público e unha perda media de poder adquisitivo do 13%.

Por esta razón, os sindicatos esixen a volta á negociación colectiva nas Administracións públicas para abordar cuestións como xornadas, incapacidade temporal, saúde laboral, igualdade, formación ou acción social. Todo isto debería ter efectos nos orzamentos para o 2018.

CCOO e UGT piden que o Acordo para a Mellora do Emprego Público, asinado en marzo deste ano, e o Acordo de Estabilidade, asinado en outubro coa Xunta, se amplíen para permitir recuperar o emprego perdido desde o 2011, non só para reducir a precariedade e a temporalidade nas Administracións públicas.

Por último, UGT e CCOO lembran que a defensa dos dereitos das empregadas e empregados públicos é unha prioridade na acción sindical de ambas as dúas organizacións, tanto polo que significa en termos de condicións laborais como pola necesidade de reforzar os servizos públicos e así mellorar a calidade de vida da cidadanía.



Fuente: FeSP-UGT